O Porriño ultima os últimos arranxos para o acendido do alumeado de Nadal, este mércores, día 5 de decembro, ás 8 e media da tarde, na Praza de Antonio Palacios, un acto que estará animada pola actuación de ‘As Maimiñas’.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, supervisou persoalmente a colocación das luces e da decoración que, subliñou, terá un custo inferior ao do ano pasado,“chegará a todas as parroquias” e, por primeira vez, tamén á zona da oficina de Correos ao redor das rúas Enrique Peinador, O Pinar e Cruceiro.

García de la Torre deu especial importancia ao “intenso” programa de actos e actividades de lecer, “especialmente para as pequenas e pequenos”, deseñado polo Concello este Nadal e que, lembrou, abranguen exposicións, festivais, música, teatro, obradoiros, os anunciados Campamentos para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, amais do da “xa tradicional e propia do Porriño,  Festa Pre-Fin de Ano”, a Cabalgata de Reis, a visita de Papa Noel o novo Concurso de Rondallas e, por suposto, a Cabalgata de Reis.

A estas actividades súmanse outras para todos os públicos coma o Festival de Panxoliñas (o día 15), o Festival de Nadal da Escola Municipal de Música (o día 20), o Concerto de Jazz (os día 21 e 22), a Gala Benéfica da Asociación Bastón ( o día 22 no Centro Cultural Municipal), o Flashmob e exhibición de baile Studio 57 (o domingo 23) ou o Concerto da Orquestra de Cámara Galega, o 6 de xaneiro.