A Biblioteca Municipal organiza un “faladoiro” sobre Carlos Casares

A Biblioteca Municipal organiza este luns, día 10 de abril, un ‘faladoiro’ sobre o protagonista do ‘Día das Letras Galegas 2017’, Carlos Casares, a cargo de Gustavo A. Garrido, amigo secretario da fundación que leva o nome do escritor

Dentro das actividades que impulsa a Biblioteca Municipal do Porriño, o seu club de lectura, que se reúne os luns, propón para o vindeiro día 10 un acto especial, aberto a todo o público.

Dado que este 2017 está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares, que é o autor protagonista do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Municipal segue mergullada na lectura de varias obras desta figura senlleira da nosa literatura, en concreto das súas novelas ‘O sol do verán’, ‘Vento ferido’ e’ Ilustrísima’.

Por tal motivo, organiza un faladoiro sobre a figura e a obra de Casares, no que contará coa participación do secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido que estará Porriño para compartir os seus coñecementos profesionais e persoais sobre Casares, do que ademais dun experto na súa obra, foi un grande amigo.

Esta actividade desenvolverase o vindeiro día 10, na Biblioteca do Porriño, entre as 6 e media e as 8 da tarde.

Día Internacional do Pobo Xitano

Eva García de la Torre participa nos actos de celebración do ‘Día Internacional do Pobo Xitano’ e pon a O Porriño de exemplo de convivencia plena, dende hai décadas, entre paios e xitanos

A alcaldesa, acompañada polas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, e Igualdade, Soledad Girón, participou este venres no CEIP da Ribeira, en Torneiros, na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra en todo o mundo o 8 de abril.

Este día lembra o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres el 8 de abril de 1971 e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.

A bandeira é verde e azul-simbolizando o ceo e o campo- cunha roda de carro, vermella, no centro, que representa o camiño dende a India cara a liberdade. O himno xitano, ‘Gelem, gelem’ (Andive, andive), foi composto polo autor Jarko Jovanovic en homenaxe ás xitanas e xitanos asasinados polo nazismo.

A finalidade desta data, como subliñou Eva García de la Torre, ten que ser facer que sexa verdade o fin dos prexuízos existentes cara a poboación xitana, coñecendo a súa realidade para chegar a unha convivencia plena.

A alcaldesa, que gozou dos actos organizados no CEIP da Ribeira, sumándose aos bailes e actividades programadas, puxo ao Porriño coma exemplo desa convivencia en harmonía entre paios e xitanos “unha convivencia que é algo natural dende hai décadas e da que podemos presumir, da que estamos satisfeitos e da que debemos estar moi orgullosos”.

Eva García de la Torre sinalou coma unha clara realidade deste feito o CEIP da Ribeira onde “a tradición e os costumes xitanos se incorporan á formación de todas as alumnas e alumnos do centro”, como se pode ver na participación neste acto e na exposición aberta sobre a historia e o patrimonio cultural do pobo xitano.

 
 
 

Conferencia “A Autoestima e o Crecemento Persoal”

‘A Autoestima e o Crecemento Persoal’, conferencia este venres, día 31, ás 7 da tarde no Centro Cultural Municipal

O Concello do Porriño pecha este venres, día 31, a súa Programación Cultural do mes de marzo cunha conferencia a cargo de Manuela Mateo-Morales Vila.

A psicóloga falará da Autoestima e Crecemento Persoal, hoxe, as 7 da tarde no Centro Cultural Municipal.

Guadi Galego actúa este mércores no Porriño

Guadi Galego actúa este mércores, día 8 de marzo, no Porriño dentro dos actos do ‘Día da Muller’

Este mércores, día 8 de marzo, dentro dos actos organizados pola Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, Guadi Galego, actuará no Círculo Recreativo e Cultural ás 8 e media da tarde. O aforo é limitado e as portas se abrirán ás 8,media hora antes do inicio da actuación.

Esta gaiteira, pianista e vocalista no grupo Berrogüetto até xaneiro de 2008, cando abandonou a banda, tamén formou parte do dúo Espido e de Nordestin@s. A súa carreira en solitario iniciouse co álbum Benzón, que se publicou en 2009, ao que seguirían Lúas de outubro e agosto (2014) e O mundo está parado (2016).

Performance de ‘Violencia Zero’ no Porriño

Performance de ‘Violencia Zero’ no Porriño, este luns, día 6, para reivindica a Igualdade de Xénero e concienciar aos cidadáns do problema da Violencia Machista

‘Mulleres en acción: violencia zero 2016-2017’ é un proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar a poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta lacra presente na sociedade.

Esta edición recolle 25 accións de arte contemporánea nas súas diferentes modalidades (pintura, música, danza, teatro, poesía, graffiti ou performance), que se levarán a cabo ata novembro de 2017 en 25 concellos da provincia, O Porriño entre eles.

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes.

Este luns, ao mediodía, organizado polo organismo provincial e o Concello do Porriño, na Praza de Antonio Palacios-ou no caso de que chova, no Centro Cultural Municipal-, terá lugar unha performance aberta á participación de todas as veciñas e veciños da vila, a cargo da artista Sandra Bejarano, que interpretará a peza “Non me queiras así”.

Aumenta o número de peregrinos no Albergue do Porriño

Aumenta o número de peregrinos que pasaron a noite no Albergue do Porriño ao longo do ano pasado

Un total de 5.214 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 386 máis que en 2015, o que supuxo un incremento do 8%. Por segundo ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago.

Os meses de máis actividade no albergue foron os de maio-con 577 persoas-xullo-con 755-, agosto-con 1.138- e setembro- con 873-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en en abril, con 511 estadías e outubro, con 474.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.