A Biblioteca Municipal do Porriño, unha das 4 mellores bibliotecas públicas de Galicia, segundo os datos da Xunta

A Biblioteca Municipal do Porriño, que depende directamente da Alcaldía, é segundo os datos proporcionados pola Xunta, unha das 4 mellores bibliotecas públicas de Galicia.

Na actualidade, dacordo cos devanditos datos, a Biblioteca Municipal do Porriño é a primeira biblioteca galega en número de préstamos por habitante, superando un crecemento do 1.000% nos últimos 11 anos, un aumento que, dacordo coas estatísticas do primeiro trimestre deste 2018, indican que o número de préstamos aumentou un 30% en relación co mesmo período do ano pasado.

Hoxe a Biblioteca Municipal ten preto de 6.100 usuarios, está recoñecida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) coma unha das 350 mellores bibliotecas do Estado, recibindo esta distinción ata en 13 ocasións entre os anos 2002 e 2017 e, entre outros recoñecementos conta con Premio Mes de Abril da Xunta de Galicia, Mención Especial do Premio María Moliner de Animación á Lectura, do Ministerio de Cultura ou o 1º Premio Nacional de Animación á Lectura.

En febreiro de 2017 a Consellería de Cultura elixiu á Biblioteca do Porriño para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma de software de código aberto Koha; un ano antes puxo en marcha un programa de actividades, que seguiu en 2017 e 2018, no que participaron varios centos de persoas.

As devanditas actividades abranguen obradoiros de alfabetización dixital para persoas maiores, clubs de lectura, grupos de conversa en alemán e inglés con profesores titulados, obradoiros de fotografía dixital con profesionais, de escritura creativa, roteiros, cursos de cociña ou documentais.

Ese 2018, a Biblioteca ten en marcha o programa ‘Bibliocultura’, que supón a realización dunha obra de teatro infantil ao mes coa finalidade de animar á lectura e achegar as artes escénicas á poboación infantil:  trátase de 9 actuacións de 9 compañías de teatros e monicreques de Galicia.

@festivaldecans contará con Kevin Weatherill, dos Immaculate Fools, estreará o ‘Invernadoiro’, un novo espazo para o audiovisual e a música

O Festival de Cans inaugura este ano o ‘Invernadoiro’, un novo espazo para o audiovisual e a música, e faino coa visita de Kevin Weatherill, un artista de relevancia internacional no pop das últimas décadas.

Á fronte da súa banda ‘Immaculate Fools’, Weatherill alcanzou o recoñecemento nos anos 80 con emocionantes cancións como “Hearts of Fortune”, “Tragic Comedy” ou a mesma “Immaculate Fools” que deu nome ao grupo, sempre cun pé no pop de autor e outro nas tradicións folk e blues. A súa actuación conformará no ‘Invernadoiro de Mucha do Peso’ un programa dobre coa presentación e proxección dun avance de Kevin vs. Ray, o documental dos galegos Eduardo Herrero e Manuel Lemos sobre a singular peripecia vital de Weatherill, afincado hoxe nunha pequena aldea de Cambados.

https://vimeo.com/256553555

A de Kevin Weatherill non será a única actividade que una música e audiovisual no Invernadoiro, que concentrará a súa programación o sábado 26 de maio. Alí terá tamén lugar unha retrospectiva adicada aos videoclips do realizador, deseñador e músico Rubén Domínguez, unha figura indispensable no underground galego da última década, que actuará ademais con Pantis, o seu aclamado proxecto de pop electrónico.

Domínguez, membro tamén de Chicharrón ou Telephones Rouges, gañou o premio a mellor videoclip en Cans en 2012 e dirixiu máis de vinte pezas para bandas como Novedades Carminha, Franc3s ou A Veces Ciclón nas que deu forma a un persoal universo, caracterizado polo risco no uso da posprodución e a animación ou a exploración das posibilidades rítmicas da imaxe.

@festivaldecans incorpora 9 curtas a ‘FuraCans’, a súa nova sección competitiva de non ficción

Por primeira vez na súa historia, o Festival de Cans incorpora na súa Sección Oficial unha competición de curtametraxes de non ficción, que leva o nome de ‘FuraCans’.

“Deste xeito, outorga un espazo preeminente a aqueles filmes que exploran as diferentes variantes do documental e o cinema experimental, dando un novo pulo a esta sección ofrecéndolle ao público de Cans unha mostra de pezas cheas de procura estética e con xeitos de narrar afastados do convencional”.

O público pode atopar unha banda aproximacións ao documental dende unha perspectiva social, como ‘Marxes’, de Sara Chuerches (que celebrará a súa estrea absoluta en Cans); ou ‘La mujer invisible’, a curta de Noemí Chantada gañadora de tres premios en Curtocircuito, froito dunha longa e sensible investigación sobre mulleres en situación de prostitución.

Por outra banda, hai na escolma pezas que traballan con material etnográfico como ‘Salitre’ nas veas, de Adrián Canoura; ‘Rapa das bestas’, de Jaione Camborda; ou ‘Charkpen (esperanza)’ de Paulino Cadórniga. Se esta última ten un espírito fotográfico no seu rexistro dos pobos indíxenas Selk’nam en Arxentina e Chile, as curtas de Canoura e Camborda empregan recursos experimentais para achegarse ao traballo dos mariñeiros e á citada rapa das bestas respectivamente. Esta experimentación estética é común a pezas como ‘Forest’, de Guille Vázquez; ou ‘Tiempo’, de Alicia Alonso, que tamén se verá por primeira vez no Festival. Completan a selección dous filmes encadradas en proxectos ambiciosos dos seus autores: ‘Americano’, curta de Fon Cortizo sobre Emanuel Xavier, unha das voces máis representativas da escena Spoken Word de Nova York, que é parte do seu traballo prolongado arredor de poetas e o seu proceso creativo. Por último, ‘Europa’, de Hugo Amoedo, forma parte dunha “Triloxía Belga” deste cineasta galego que utiliza o formato do diario fílmico e que xa pasou por ZINEBI, ALCINE ou o OUFF.

‘El séptimo vicio’ instalarase en Cans

A programación do Festival vén de sumar outra presenza fundamental do mundo do cinema en España: Radio 3 fará unha programación especial en Cans para celebrar o 15º do certame. Javier Tolentino realizará tres días consecutivos en Cans o seu programa El Séptimo Vicio, o programa de referencia dos cinéfilos e cinéfilas.

@festivaldecans ten este ano a Burning coma prato forte da súa oferta musical

O mesmo espírito ecléctico que traslada a selección audiovisual do Festival de Cans está nas bandas e artistas que estarán nesta 15ª edición do certame.  Dende nomes consagrados como os Burning ou Magín Blanco a grupos novos e cada vez máis populares como Esteban & Manuel, a proposta busca atender a todos os públicos, buscando a variedade de estilos coa calidade como denominador común.

O sábado, día 26 de maio, centrará un número importante de actuacións, entre elas a da que é probablemente a banda en activo máis mítica de España: Burning. Aínda fieis ao estilo que os fixo populares, a súa actitude rock é capaz de trasladar ao público a un universo plasmado en clásicos como “¿Qué hace una chica como tú en un sitio como este?”, “Jim Dinamita” ou “Mueve tus caderas”. Burning, que se converteu na banda sonora de máis dunha xeración, logrou sobrevivir co seu rock and roll ao paso dos anos ata chegar á súa formación actual encabezada polo emblemático Johnny Cifuentes. O concerto terá lugar ás 00h00 no Torreiro, onde haberá dobre sesión de rock and roll xa que á tarde pasarán polo mesmo escenario Familia Caamagno co seu vibrante garaxe sesenteiro.

Xa se poden mercar as entradas da Sección Oficial

Dende este martes 24 de abril, xa están dispoñibles na tenda virtual do festival os primeiros 500 packs de entradas para a Sección Oficial a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo. Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda dende o martes 24 de abril ata o venres 4 de maio, e terán un prezo de 21,5 euros, que sen acollerse a esta oferta sería de 28,5 euros (entrada 12 euros, camiseta 12 euros, chapa 1 euro, catálogo do Festival 2 euros e 1,5 euros correspondentes aos gastos de xestión).

As entradas para FuraCans, pola súa parte, costarán 5 euros, estarán dispoñibles a partir do xoves 26 de abril en tenda.festivaldecans.com e poderán retirarse no posto de merchandising do festival durante os días de celebración do certame.

A exposición de fotografía ‘Viaxando’, aberta na OMIX do Porriño, no Centro Cultural Municipal, ata o vindeiro día 30

Ata o vindeiro luns, día 30 de abril, está aberta na OMIX do Concello- na planta baixa do Centro Cultural Municipal- a exposición de fotografía “Viaxando” que amosa os traballos presentados ao Certame de fotografía do mesmo nome.

Este certame, conxuntamente coa exposición itinerante, está organizado por decimo ano consecutivo polas Oficinas de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos de O Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Salceda de Caselas, Gondomar, O Porriño e o Espazo Xove de Tui.

Este ano participaron un total de 20 mozos/as de idades comprendidas entre os 12 a 30 anos. A foto gañadora do certame deste 2018 leva por título “Namorados no Interrail”.

A Biblioteca Municipal invita as porriñesas e porriñeses a coñecer o seu patrimonio e realizar unha visita guiada a San Benito e San Sebastián

Dentro do programa de actividades da Biblioteca Municipal do Concello do Porriño, o 23 de abril, co gallo da celebración do ‘Día do Libro’ terá lugar a actividade: ‘O Noso Patrimonio’, un paseo polos barrios de San Benito e San Sebastián.

A historiadora da arte Rebeca Leboso dará a coñecer aos asistentes as bisbarras da vila os seus arredores: a partir do seu coñecemento, a través de bibliografía sobre o tema e como porriñesa, achegará, un pouco máis, ás veciñas e veciños a estes lugares.

Tras a charla, que terá lugar as 5 da tarde na Biblioteca Municipal, faráse un roteiro  por ditos barrios aproximándoos a súa historia e patrimonio.

É unha cita adicada a todos os públicos. Están invitados a asistir todos aqueles aos que lles interese saber un pouco máis sobre este tema, ou simplemente a aqueles que xa coñezan pero queiran lembrar.

@festivaldecans abrirá a súa 15ª edición cos filmes ‘A estación violenta’ e ‘British winters’

O Festival de Cans continúa nesta edición a súa aposta polas novas xeracións de cineastas do país e acollerá a proxección de tres filmes realizados por novos profesionais da creación que veñen do ámbito da curtametraxe.

Así, na apertura proxectaranse British Winters, debut de Roque Cameselle no ámbito da imaxe real, e A estación violenta, primeira longa de Anxos Fazáns, que se atopa nestes días presentando o filme internacionalmente no prestixioso BAFICI. Nela, esta Novísima do cinema galego adapta libremente a novela homónima de Manuel Jabois. Protagonizada por Alberto Rolán, Xosé Barato e Nerea Barros, os dous primeiros estiveron este xoves na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do 15º Festival de Cans que tivo lugar na tenda de Nikis Galicia en Santiago de Compostela.

“Cans cumpre 15 primaveras e eu síntome moi vello porque xa estiven na primeira edición”, bromeu Barato, recalcando a emoción que o equipo do filme sinte polo seu vínculo co festival. Alberto Rolán, pola súa parte, recalcou o carácter “xeracional” desta película que relata o reencontro entre tres amigos de xuventude nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante. A estación violenta terá en Cans a súa primeira grande proxección pública en Galicia, xusto antes da súa estrea comercial en salas prevista para o 31 maio.

Entradas da sección oficial

A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, adiantou que a partir da semana que vén estarán xa dispoñibles na tenda virtual do festival as entradas para Furacáns (a competición de curtas de non-ficción) e os primeiros 500 packs de entradas para a Sección Oficial a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo.

Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda dende o martes 24 de abril ata o venres 4 de maio, e terán un prezo de 21,5 euros.

As entradas para Furacáns, pola súa parte, costarán 5 euros, estarán dispoñibles a partir do xoves 26 de abril en tenda.festivaldecans.com e poderán retirarse no posto de merchandising do festival durante os días de celebración do certame.

O Concello celebra o ‘Día Internacional da Auga’ distribuindo 3.000 exemplares dun manual de bos usos da mesna co titulo ‘No Porriño amamos a auga’

No marco do Día Internacional da Auga, o Concello do Porriño vén de entregar 3.000 exemplares dun manual de bos usos co título ‘No Porriño amamos a auga’, que distribuíuse en establecementos comerciais e centros de ensino da vila.

O obxectivo desta iniciativa é acadar o interese e a atención das veciñas e veciños do Porriño no que se fala dos motivos para aforrar auga, o tratamento da mesma para o seu consumo, os diferentes servizos públicos da auga, as iniciativas e acciones que poden desenrolar as familias para contribuír á protección deste ben común, un repaso sobre o ciclo hídrico, como utilizar a calefacción e o aire acondicionado, as billas ou como temos que empregar a auga na horta e no xardín.

Así mesmo, este xoves, a alcaldesa do Porriño, coma presidenta de Augas do Louro, asistiu á celebración da segunda xornada de portas abertas na na estación depuradora deste organismo en Guillarei.

Durante a mesma tivo lugar a presentación do terceiro concurso de debuxo infantil, que este ano tratará sobre a potabilización co lema “A emocionante viaxe da auga dende a natureza ata a túa casa”. O premio para o gañador de cada Concello será unha Tablet Samsung de 7 polgadas e para os finalistas unha cámara dixital acuática.

No concurso participarán rapazas e rapaces de 3º e 4º de Educación Primaria dos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, sendo o prazo de presentación dos debuxos o comprendido entre o 1 de Abril e o 20 de Maio.

O Goberno local contribuirá á conservación e estudo do “excepcional” achádego dunha fortificación romana de 1.200 anos de antigüidade no Faro de Budiño

Os romanos levantaron unha fortaleza defensiva de varias hectáreas no Faro de Budiño un lugar no que, ademais, había un asentamento romano construído, posiblemente, hai uns 1.200 anos.

Estas son algunhas das conclusións ás que apuntan os estudos dos arqueólogos Francisco Alonso, Oria Ferreiro, Mario Fernández-que está a facer a súa tese doutoral- José Carlos Sánchez e Tania Rial, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que durante o seu traballo sacaron a luz restos dunha edificación e restos de tellas, cerámica e vidro que, segundo indicaron, poderían ser da época ‘tardo-antiga’, á que os científicos refírense coma ‘séculos escuros’, un dato que podería ser confirmado cando un laboratorio estadounidense remate as probas do ‘Carbono 14’.

O concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, xunto co presidente da Comunidade de Montes de Budiño, José Luis Martínez, visitou os restos e mantivo unha xuntanza co equipo de arqueólogos coa finalidade de “decidir cales serán as medidas que imos tomar dende o Goberno  local para preservar e facilitar o estudo deste importante achádego que é patrimonio de todos os porriñeses”.

A intención de Marcelino Coto é que o Concello, xunto coa Deputación de Pontevedra, impulse e facilite a continuidade do traballo, que se leve adiante un “proxecto de conservación e recuperación neste lugar” e que o mesmo sexa visitado polos porriñeses con especialistas que expliquen a súa importancia e a súa historia.

O concelleiro salientou o feito de que coma indicaron os arqueólogos, ata hoxe non se fixera unha escavación así nun xacemiento semellante en toda Galicia, e que se tratase dunha ‘acrópole’ que formaba parte dunha construción composta por tres ‘coutos’, con tres liñas de murallas, que puideron ocupar, en conxunto, unhas 11 hectáreas, facendo do Faro de Budiño, coma salientou Mario Fernández, “unha grande fortaleza” en altura.

Este xoves, no Centro Cultural Municipal, organizada pola asociacción ‘Levada Libre’ e o Concello do Porriño, conferencia sobre os ‘Vigueses e Porriñeses nos campos de concentración nazis’

Organizadas pola asociación Levada Libre, coa colaboración do Concello do Porriño, este xoves, día 15 de marzo, ás 8 da tarde no Centro Cultural Municipal, rematan as xornadas da “Semana da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña”.

As mesmas abrangueron actos, conferencias e coloquios en Tui, o pasado día 3, Salceda, o pasado xoves, 8, da man do historiados Xosé Álvarez,quen falou sobre la República e o seu sistema educativo, e a ‘reinaguración’ do monumento aos asasinados polo réxime de Franco na ‘Volta da Moura’.

O peche correrá a cargo de María Torres, quen falará dos ‘Vigueses e porriñeses mortos nos campos de concentración nazis’, deportados aos mesmos, situados en Europa e no Norte de África, logo de combater coma resistentes, espías, soldados na Francia libre ou no Exército Soviético.