Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo Entroido

A Policía Local informa de que co gallo da celebración do Entroido, non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, a partir das 3 da tarde do sábado 10, dende a entrada á piscina ata Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, coincidindo co desfile das comparsas.

Tamén se suspenderá a circulación en Antonio Palacios dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloques- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.

Así mesmo, estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia– aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.

@festivaldecans impulsa un concurso de ‘booktrailers e booktubers’

O Festival de Cans, que terá lugar entre o 23 e 26 de maio-e que este ano recibirá o meirande apoio do Concello na súa historia, impulsará nesta XV edición un ‘concurso de booktrailers e booktubers’, que terá como obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais,adicados a esta modalidade.

Este concurso chamado “Ollo de vidro” enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de youtube ‘Recoméndoche un libro’, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía, e o IES Pino Manso, aínda que a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen de calquera punto de Galicia.

Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers.

Nesta edición, o certame “Ollo de vidro”, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400€, o segundo con 250€ e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.

O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o pregoeiro do ‘Entroido do Porriño 2018’

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o encargado de dar o pregón do Entroido do Porriño o vindeiro sábado, día 10 de febreiro, á 1 da tarde na Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Lomba, coñecido por ter sido integrante de grupos como ‘Unión Penosa’, ‘Los 3 Sudamaricones’  e ‘Tony Lomba & Elio dos Santos’, entre outros, domina coma poucos a música, de Raphael a Nino Bravo, de Marvin Gaye a Vicente Fernández ou de Rod Stewart á música lixeira italiana, unha autoridade á que suma a enerxía e a pegada que transmiten as súas  actuacións en directo.

O ‘alter ego’ de Germán Fandiño, sinala que “é un grato pracer” de ser o pregoeiro do Entroido deste ano, “sobre todo porque gardo unha ligazón moi especial con Cans, onde teño unha familia adoptiva á que síntome moi vencellado…e que fai que poida dicir que síntome un fillo ‘puta-tivo’ do Porriño, escrito así: co guión no medio”.

Confesa que xa empézalle a bulir pola cabeza por onde irá o pregón e axiña deixa claro que non será algo corrente, “fareino excéntrico e cantando algunha canción de ‘Paquita la del Barrio’, coma ‘Rata de dos patas’…Paquita é una mexicana que sufriu un mal de amores moi grande e que canta rancheiras machacando aos tíos…e gustaríame cantar esta canción coma resposta ás agresións de xénero…amosando que hai mulleres moi fortes que poden enfrontarse a individuos destes e que espero que o día de mañá sexan todas…e tamén buscarei un xeito de cantar outra centrándome no Porriño…o que non vou facer, porque si algo sé é de cantar, é soltar un ‘megamonólogo’ porque eu son un pouco máis histriónico”.

O ‘Entroido 2018’ comezará o vindeiro día 9 de febreiro e chegara, cunha programación de festas, música, teatro, animación na rúa ou obradoiros, ata o día 14

Teatro, música, obradoiros para nenas e nenos, disfraces, máscaras, , comparsas, festa infantil ou animación na rúa, forman parte do programa do ‘Entroido 2018’ do Porriño, que empezará a celebrarse o vindeiro día 9 de febreiro, venres, co concerto do Grupo América (ás 8 e media da tarde) na Praza de Antonio Palacios.

Un dos ‘días grandes’ será o sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este mércores 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.

Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.

A Rondalla de Pontellas gaña o Corcurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo

7.500 persoas, que encheron o aforo preparado para o acto, puideron ver este domingo no IFEVI como a rondalla de Pontellas se levaba o primeiro premio do Concurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo.

A calidade das dez formacións participantes foi altísima e, ademais de composicións tradicionais, foron quen de atreverse con temas dos Beatles, unha música que non faría estraño que o propio capitán Sparrow estivese entre o público, a banda sonora de Piratas do Caribe’, ou a de ‘Star Wars’.

Finalmente foi a forza a que acompañou á rondalla porriñesa que conqueriu o maior número de votos do xurado, por diante de Santa Eulalia de Mos e a Rondalla de Vincios, que obtivo a terceira praza nunha xornada para non esquecer.

‘Recoméndoche un libro’, impulsado por @festivaldecans, e que ten a Biblioteca Municipal do Porriño coma colaboradora, convocan o III Concurso ‘O Ollo de Vidro’

As entidades organizadoras do proxecto “Recoméndoche un libro”, entre as que figura o Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño, coma colaboradora, convocan o III concurso “O Ollo de Vidro” para premiar os traballos audiovisuais máis valorados de entre os participantes nese proxecto.

Poderán participar no concurso, cuxas bases poden consultarse premendo aquí, todas aquelas persoas e colectivos que o desexen enviando un vídeo ao enderezo de correo electrónico: recomendocheunlibro@gmail.com.

Os traballos audiovisuais, que poderán tratar sobre calquera libro ou tema e non poderán superar os 3 minutos de duración, terán que estar en galego, e poden abranguer  críticas literarias, booktrailers, booktube ou calquera tipo de proxecto audiovisual dirixido á animación lectora.

A alcaldesa aposta polo futuro da vila durante a presentación do libro ‘O Porriño. Historia e Patrmonio Cultural’, de Xosé Ramón Paz Antón e o fotógrafo Xulio Gil

A alcaldesa presentou este xoves, nun Centro Cultural Municipal ateigado, o libro “O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural”, do que son co-autores o historiados porriñés   Xosé Ramón Paz  Antón e o fotógrafo  Xulio Gil.

Eva García de la Torre, quen amosouse especialmente “ilusionada e emocionada” cualificou a obra de “imprescindible” tanto para coñecer a historia da vila, coma para estar orgullosos do noso pasado e, principalmente, para ser conscientes do feito de que temos a obriga de coidar e conservar “o noso patrimonio cultural, natural, arquitectónico, etnolóxico e social”.

O libro, como salientaron os seus autores, amosa a riqueza da historia do Porriño no que deixaron a súa pegada os viquingos ou árabes,  que viu loitas mediavais e o dominio da Igrexa, que foi o pasto do lume prendido nas invasións de portugueses e franceses, que dependeu de Baiona e Salvaterra, que deu o considerado vestixio máis antigo da Humanidade, que veu nacer a ministros, sindicalista, grandes militares que acompañaron na loita ao mesmo Simón Bolívar, ou a un dos xenios da arquitectura, tales foron os nomes de Antonio Pallares, Laureano Alonso, Francisco Pérez Leirós e, especialmente, Antonio Palacios; unha vila que tiña un pan apreciado en todos os reinos da península, que viviu a emigración, os movementos obreiro e agrario, as dúas repúblicas, a Guerra Civil, os asasinatos do franquismo e o nacemento dunha industria que é hoxe un dos sinais identificativos do Porriño.

O Porriño do futuro

A alcaldesa pechou o acto facendo unha exposición do que na súa opinión debería ser O Porriño do futuro e que, salientou, pasa por recuperar a vila para as súas veciñas e veciños, para os seus cativos e para os mais novos.

Eva García de la Torre, lembrou que hoxe os coches ocupan o 70% do espacio urbano do Porriño, que conta con numerosas barreiras arquitectónicas e aceras estreitas ou  que hai grnades zonas que poderían recuperarse para as persoas, sen obras faraónicas ou inversións multimillonarias.

A alcaldesa apostou por reconquistar para os cidadáns lugares coma a Avenida de Antonio Palacios e o entorno do Centro Cultural a Praza de San Sebastián ou a Avenida de Galicia que conta xa cun proxecto que permitirá facer un “espacio máis amable” con elementos que chamen aos cidadáns a ocupalos e facer deles “lugares de convivencia”.

A Biblioteca Municipal pendura na súa web a programación de actividades para o ano 2018

A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, vén de publicar a súa programación de actividades para o ano 2018. Na mesmas cabe salientar a variedade de propostas, os distintos formatos e a ampla temática da oferta formativa e lúdica, buscando que “a biblioteca municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social”.

Ademais dos tradicionais servizos que prestan as bibliotecas públicas, o centro porriñés reorienta a súa actividade tentando adaptarse á evolución da comunidade de usuarios e as necesidades sociais.

Para este ano, a Biblioteca Municipal do Porriño ofrece distintos obradoiros, actuacións musicais, roteiros de patrimonio, clubs de lectura para adultos e menores, cursos de cociña, grupos de conversación en alemán e inglés en varios niveis; cursos de alfabetización dixital para maiores en distintos niveis, obradoiros de fotografía dixital, de escritura creativa, formación de usuarios, charlas, proxección de documentais ou encontros de ciencia.

Este 2018, a biblioteca iniciará un programa de visitas escolares durante todo o ano para formar ao alumnado local na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece, como a consulta e manexo da súa páxina web e do catálogo, facilitando ordenadores para uso das alumnas e alumnos nestas visitas reguladas.

Por último, a Alcaldía do Porriño adianta que a Biblioteca Municipal levará a cabo durante o 2018 unha ampla programación de actividades de animación á lectura, con espectáculos para os máis pequenos, que se presentarán proximamente.

Na web www.bibliotecadoporrino.com  xa aparece publicada a relación de cursos e obradoiros para este ano, indicando que as inscrición xa está abertas para as que se celebren antes do verán.

Todas son gratuítas pero é necesario inscrición previa -presencial ou no teléfono 986337624-, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Os participantes tamén deberán ser socios/as da Biblioteca Municipal do Porriño ou da rede de bibliotecas de Galicia.