Performance de ‘Violencia Zero’ no Porriño

Performance de ‘Violencia Zero’ no Porriño, este luns, día 6, para reivindica a Igualdade de Xénero e concienciar aos cidadáns do problema da Violencia Machista

‘Mulleres en acción: violencia zero 2016-2017’ é un proxecto de acción artística que se desenvolve no espazo público co fin de reivindicar a igualdade de xénero, concienciar a poboación do problema da violencia machista e, sobre todo, para tratar de unir forzas para loitar contra esta lacra presente na sociedade.

Esta edición recolle 25 accións de arte contemporánea nas súas diferentes modalidades (pintura, música, danza, teatro, poesía, graffiti ou performance), que se levarán a cabo ata novembro de 2017 en 25 concellos da provincia, O Porriño entre eles.

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionarán como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes.

Este luns, ao mediodía, organizado polo organismo provincial e o Concello do Porriño, na Praza de Antonio Palacios-ou no caso de que chova, no Centro Cultural Municipal-, terá lugar unha performance aberta á participación de todas as veciñas e veciños da vila, a cargo da artista Sandra Bejarano, que interpretará a peza “Non me queiras así”.

Aumenta o número de peregrinos no Albergue do Porriño

Aumenta o número de peregrinos que pasaron a noite no Albergue do Porriño ao longo do ano pasado

Un total de 5.214 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 386 máis que en 2015, o que supuxo un incremento do 8%. Por segundo ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago.

Os meses de máis actividade no albergue foron os de maio-con 577 persoas-xullo-con 755-, agosto-con 1.138- e setembro- con 873-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en en abril, con 511 estadías e outubro, con 474.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

María Fumaça no pabellón municipal

O Pavillón Municipal do Porriño acolle este domingo, día 5 de marzo, ás 6 da tarde, dentro da Programación Cultural Municipal do mes de marzo, a actuación de María Fumaça, que presentará o seu novo traballo: ‘Aire’.

O Concello invita a todas as rapazas e rapaces que “veñan a cantar e bailar” os novos temas e, por suposto, algún dos anteriores deste proxecto musical que é María Fumaça, integrado por ducias de artistas, entre eles Uxía, Sérgo Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín ou Tanxarina, entre eles.

Teatro infantil: Os novos músicos de Bremen.

Teatro infantil: Os novos músicos de Bremen, este sábado, día 4 de marzo, ás 6 da tarde no Centro Cultural Municipal

Catro animais foron abandonados polas súas familias. Estes se atopan e deciden formar un grupo musical. Todo ia moi ben ata que a Señora Dankeshán decide separalos, eliminando a Orellaslongas, o Burro, alegando pouco oído musical.

O Burro, co su afán de superación e grazas a axuda dunha vaca tola consegue volver a unir a todo o grupo e facer o seu soño realidade: tocar na Praza do Obradoito de Compostela.

Suspéndese o Gran Desfile de Comparsas

AVISO IMPORTANTE: ***Suspéndese (é decir, non se farán outro día) o Gran Desfile de Comparsas polas malas condicións climatolóxicas.
O Enterro da Sardiña pasa do mércores, día 1, ao sábado, día 4

O Gran Desfile de Comparsas, que debía celebrarse este martes, día 28, ás 6 da tarde no Porriño, con saída dende San Sebastián, queda suspendido a causa das malas condicións climatolóxicas.

Así mesmo, o Enterro da Sardiña, programado para este mércores, día 1 de marzo, ás 7 da tarde, pasa para o sábado, día 4, á mesma hora, co mesmo percorrido: Círculo Recreativo e Cultural, rúa Domigo Bueno, San Sebastián e Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

A Biblioteca Municipal edita unha guia con ducias de documentos.

A Biblioteca Municipal do Porriño edita unha guñia con ducias de documentos, escritos e debuxos para promocionar e difundir a figura e a obra do arquitecto Antonio Palacios

A Biblioteca Municipal do Porriño, entendendo que Antonio Palacios é probablemente un dos porriñeses máis insignes da historia da vila, ven de xuntar a maior cantidade de documentos escritos sobre a súa figura a través da ‘Sección Local’, coa pretensión de promocionar e difundir a súa obra, conservar para o futuro esta importante información e asegurar a súa consulta para todas as porriñesas e porriñeses.

Monografías, ata folletos turísticos, comunicacións de congresos, catálogos de exposicións, memorias de investigación, que se conqueriron por medio de compra, doazón ou préstamo, integran esta escolma adicada ao arquitecto quen, ademais de deixar algunhas mostras do seu traballo no Porriño- o edificio do Concello a máis representativa delas- esta soterrado na vila, como foi o seu desexo.

Froito desta labor a Biblioteca Municipal publica a guía de lectura “Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño”, coa referencia das decenas de documentos que se foron xuntando ao longo de anos.
Parte deles están actualmente expostos nunha instalación da vitrina do ‘Recuncho’, localizada no vestíbulo da biblioteca, forrada con reproducións dos planos orixinais de construción do Concello do Porriño.

Dende a Concellería de Cultura animan ás veciñas e veciños e a todas as persoas interesadas na obra de Antonio Palacios, a consultar a guía, a introducirse na fascinante figura deste grande arquitecto e a aproveitar para visitar as súas obras arquitectónicas no Porriño.

Este é o programa do ‘Entroido do Porriño 2017’

O programa definitivo do ‘Entroido 2017’, ven de pendurarse na Praza de Antonio Palacios e nos milleiros de cartaces impresos, que levan un Código QR para poder acceder ao mesmo dende o teléfono móbil.

As actividades, que este ano estarán precedidas dunha completa axenda cultural, que deu comezo a principios deste mes, arrancarán coa apertura da exposición fotográfica ‘O Entroido no Porriño’ o venres, 24 de febreiro, ás 8 da tarde, no Centro Cultural Municipal.

O Sábado de Entroido, día 25, empezará coa Animación na Rúa, ás 12 da mañá na Praza Antonio Palacios, para dar paso ao Pregón, a cargo de Xosé Antonio Touriñán, ás 12 e media. De seguido, ás 2 da tarde, na mesma praza, o Xantar do Entroido; ás 4 da tarde o 74º ‘Xogo da Ola’, na rúa do mesmo nome; ás 4 e media volva á Animación na rúa, entes do Grande Desfile de Comparsas, ás 5, e ás 8 da tarde dará comezo a ‘Grande Festa Rachada’ polas rúas da vila.

O Domingo de Entroido, día 26, Festa Infantil, ás 5 da tarde, no Centro Recreativo e Cultural; o luns, día 27, será o Baile de Disfraces, coa Orquestra Dúo Amanecer, ás 5 da tarde no Centro Socio-comunitario do Porriño. O martes, día 28, ás 12 e ás 5 da tarde, na Praza de Antonio Palacios, Animación de Rúa e ás 6 o Grande Desfile de Comparsas, dende San Sebastián.

A programación rematará o Mércores de Cinza, día 1 de marzo co ‘Velorio da Sardiña’, ás 5 da tarde no Círculo Recreativo e Cultural; o Enterro da Sardiña, ás 7 da tarde, dende o Círculo Recreativo e Cultural, rúa Domingo Bueno, San Sebastián e Praza de Antonio Palacios e, finalmente, a ‘Lectura das Derradeiras Vontades’ na Ponte do Valo.

‘Visións’, no Cineclube do Porriño

Este domingo, 12 de febreiro ás 7 da tarde, o cineclube do Porriño acolle a proxección da película colaborativa “Visións”, enmarcada no proxecto da Deputación de Pontevedra “Cinema e Muller” que ten por obxectivo visibilizar ás creadoras do audiovisual da provincia, fomentando unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

“Visións” trátase dunha película na que participan activamente dez mulleres cineastas da provincia de Pontevedra aportando dez olladas onde cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica centrada en cuestións relacionadas co xénero. Así, a película aborda dende a intimidade da creación e a construción da corporeidade da natureza, ata berros, o corpo feminino, o día a día dunha creadora audiovisual, a dificultade de conciliar así como a relación entre a casa e a muller ou entre xeracións de mulleres dunha mesma familia.

Nesta película colaborativa, promovida pola institución provincial, participan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla. “Visións”, realizada en dous meses, inclúe dez minicurtas nas que as directoras fixeron tamén de cámaras e de montadoras, realizando a película de principio a fin, coas súas propias mans, cun axustado orzamento como exemplo do cinema que practican.

O proxecto de “Cinema e Muller”, que impulsou a posta en marcha da película “Visións”, trátase dunha aposta por darlle visibilidade ao traballo das máis de setenta mulleres que se dedican ao mundo audiovisual da provincia de Pontevedra, ben como cineastas, ben como editoras, produtoras ou guionistas.

Todo listo para o ‘Entroido 2017’

O Concello do Porriño desenrolará durante todo o mes de febreiro, un intenso programa cultural e de actividades, que van dende obradoiros, pasando por conferencias ou animación na rúa, que chegará ao seu punto álxido entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo, coa celebración do ‘Entroido 2017’.

A saída do mesmo será o pregón, a cargo de Xosé Antonio Touriñán, o sábado día 25, ás 12 e media, na Praza Antonio Palacios; dende se intre empezan seis días de actividades e propostas que abranguen o 74º Xogo de Ola, a Gran Festa do Entroido, o domingo, a Festa Infantil, o Bailes de disfraces- o luns, día 27, comparsas, e o Velorio, o Enterro e a lectura das derradeiras Vontades da Sardiña, o mércores 1 de marzo, dende as 5 da tarde.

O Entroido estará presente en todo O Porriño, e deixarase ver, especialmente, na Gran Festa rachada, o sábado, día 25, desde as 8 da tarde nas rúas da vila; o luns, día 27, co Grande Baile de Disfraces,dende as 5 da tarde, no Centro Socio-comunitario do Porriño; o martes, 28, no Grande Desfile de Comparsas, dende a rúa Antonio Palacios, a partires das 6 e media da tarde e, o último día da celebración co Pasamento da Sardiña.