O mércores 7 arranca o ciclo de “Cinema na rúa con flocos de millo” (palomitas) que organiza o Concello de Porriño ó abeiro da programación cultural de agosto.
En principio tanto a primeira como as restantes proxeccións están previstas na praza Arquitecto Antonio Palacios, a partires das 22 horas. Pero se xurden complicacións meteorolóxicas (hai previsión de choiva para o mércores) a proxección trasladaríase ó Centro Cultural Municipal.
A primeira película programada será “Megalodón”, unha historia de acción, terror e ciencia ficción que gravita sobre un actor clásico neste xénero, Jason Statham que terá que enfrentarse cun xigantesco tabeirón.
Statham ten unha moi ampla filmografía na que destacan “The Transporter” e dúas secuelas e a súa participación nas tres entregas de “Los Mercenarios” con Sylvester Stallone, Jet Li e outros clásicos deste xénero.
O cinema na rúa é unha oferta cultural gratuita que promove o departamento de Cultura do Concello de Porriño. E os flocos de millo tamén distribuiranse de balde entre o público asistente.