O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o pregoeiro do ‘Entroido do Porriño 2018’

O cantante, ‘crooner’ e showman Tony Lomba será o encargado de dar o pregón do Entroido do Porriño o vindeiro sábado, día 10 de febreiro, á 1 da tarde na Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Lomba, coñecido por ter sido integrante de grupos como ‘Unión Penosa’, ‘Los 3 Sudamaricones’  e ‘Tony Lomba & Elio dos Santos’, entre outros, domina coma poucos a música, de Raphael a Nino Bravo, de Marvin Gaye a Vicente Fernández ou de Rod Stewart á música lixeira italiana, unha autoridade á que suma a enerxía e a pegada que transmiten as súas  actuacións en directo.

O ‘alter ego’ de Germán Fandiño, sinala que “é un grato pracer” de ser o pregoeiro do Entroido deste ano, “sobre todo porque gardo unha ligazón moi especial con Cans, onde teño unha familia adoptiva á que síntome moi vencellado…e que fai que poida dicir que síntome un fillo ‘puta-tivo’ do Porriño, escrito así: co guión no medio”.

Confesa que xa empézalle a bulir pola cabeza por onde irá o pregón e axiña deixa claro que non será algo corrente, “fareino excéntrico e cantando algunha canción de ‘Paquita la del Barrio’, coma ‘Rata de dos patas’…Paquita é una mexicana que sufriu un mal de amores moi grande e que canta rancheiras machacando aos tíos…e gustaríame cantar esta canción coma resposta ás agresións de xénero…amosando que hai mulleres moi fortes que poden enfrontarse a individuos destes e que espero que o día de mañá sexan todas…e tamén buscarei un xeito de cantar outra centrándome no Porriño…o que non vou facer, porque si algo sé é de cantar, é soltar un ‘megamonólogo’ porque eu son un pouco máis histriónico”.

O ‘Entroido 2018’ comezará o vindeiro día 9 de febreiro e chegara, cunha programación de festas, música, teatro, animación na rúa ou obradoiros, ata o día 14

Teatro, música, obradoiros para nenas e nenos, disfraces, máscaras, , comparsas, festa infantil ou animación na rúa, forman parte do programa do ‘Entroido 2018’ do Porriño, que empezará a celebrarse o vindeiro día 9 de febreiro, venres, co concerto do Grupo América (ás 8 e media da tarde) na Praza de Antonio Palacios.

Un dos ‘días grandes’ será o sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este mércores 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.

Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.

A Rondalla de Pontellas gaña o Corcurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo

7.500 persoas, que encheron o aforo preparado para o acto, puideron ver este domingo no IFEVI como a rondalla de Pontellas se levaba o primeiro premio do Concurso de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo.

A calidade das dez formacións participantes foi altísima e, ademais de composicións tradicionais, foron quen de atreverse con temas dos Beatles, unha música que non faría estraño que o propio capitán Sparrow estivese entre o público, a banda sonora de Piratas do Caribe’, ou a de ‘Star Wars’.

Finalmente foi a forza a que acompañou á rondalla porriñesa que conqueriu o maior número de votos do xurado, por diante de Santa Eulalia de Mos e a Rondalla de Vincios, que obtivo a terceira praza nunha xornada para non esquecer.

‘Recoméndoche un libro’, impulsado por @festivaldecans, e que ten a Biblioteca Municipal do Porriño coma colaboradora, convocan o III Concurso ‘O Ollo de Vidro’

As entidades organizadoras do proxecto “Recoméndoche un libro”, entre as que figura o Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño, coma colaboradora, convocan o III concurso “O Ollo de Vidro” para premiar os traballos audiovisuais máis valorados de entre os participantes nese proxecto.

Poderán participar no concurso, cuxas bases poden consultarse premendo aquí, todas aquelas persoas e colectivos que o desexen enviando un vídeo ao enderezo de correo electrónico: recomendocheunlibro@gmail.com.

Os traballos audiovisuais, que poderán tratar sobre calquera libro ou tema e non poderán superar os 3 minutos de duración, terán que estar en galego, e poden abranguer  críticas literarias, booktrailers, booktube ou calquera tipo de proxecto audiovisual dirixido á animación lectora.

A alcaldesa aposta polo futuro da vila durante a presentación do libro ‘O Porriño. Historia e Patrmonio Cultural’, de Xosé Ramón Paz Antón e o fotógrafo Xulio Gil

A alcaldesa presentou este xoves, nun Centro Cultural Municipal ateigado, o libro “O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural”, do que son co-autores o historiados porriñés   Xosé Ramón Paz  Antón e o fotógrafo  Xulio Gil.

Eva García de la Torre, quen amosouse especialmente “ilusionada e emocionada” cualificou a obra de “imprescindible” tanto para coñecer a historia da vila, coma para estar orgullosos do noso pasado e, principalmente, para ser conscientes do feito de que temos a obriga de coidar e conservar “o noso patrimonio cultural, natural, arquitectónico, etnolóxico e social”.

O libro, como salientaron os seus autores, amosa a riqueza da historia do Porriño no que deixaron a súa pegada os viquingos ou árabes,  que viu loitas mediavais e o dominio da Igrexa, que foi o pasto do lume prendido nas invasións de portugueses e franceses, que dependeu de Baiona e Salvaterra, que deu o considerado vestixio máis antigo da Humanidade, que veu nacer a ministros, sindicalista, grandes militares que acompañaron na loita ao mesmo Simón Bolívar, ou a un dos xenios da arquitectura, tales foron os nomes de Antonio Pallares, Laureano Alonso, Francisco Pérez Leirós e, especialmente, Antonio Palacios; unha vila que tiña un pan apreciado en todos os reinos da península, que viviu a emigración, os movementos obreiro e agrario, as dúas repúblicas, a Guerra Civil, os asasinatos do franquismo e o nacemento dunha industria que é hoxe un dos sinais identificativos do Porriño.

O Porriño do futuro

A alcaldesa pechou o acto facendo unha exposición do que na súa opinión debería ser O Porriño do futuro e que, salientou, pasa por recuperar a vila para as súas veciñas e veciños, para os seus cativos e para os mais novos.

Eva García de la Torre, lembrou que hoxe os coches ocupan o 70% do espacio urbano do Porriño, que conta con numerosas barreiras arquitectónicas e aceras estreitas ou  que hai grnades zonas que poderían recuperarse para as persoas, sen obras faraónicas ou inversións multimillonarias.

A alcaldesa apostou por reconquistar para os cidadáns lugares coma a Avenida de Antonio Palacios e o entorno do Centro Cultural a Praza de San Sebastián ou a Avenida de Galicia que conta xa cun proxecto que permitirá facer un “espacio máis amable” con elementos que chamen aos cidadáns a ocupalos e facer deles “lugares de convivencia”.

A Biblioteca Municipal pendura na súa web a programación de actividades para o ano 2018

A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, vén de publicar a súa programación de actividades para o ano 2018. Na mesmas cabe salientar a variedade de propostas, os distintos formatos e a ampla temática da oferta formativa e lúdica, buscando que “a biblioteca municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social”.

Ademais dos tradicionais servizos que prestan as bibliotecas públicas, o centro porriñés reorienta a súa actividade tentando adaptarse á evolución da comunidade de usuarios e as necesidades sociais.

Para este ano, a Biblioteca Municipal do Porriño ofrece distintos obradoiros, actuacións musicais, roteiros de patrimonio, clubs de lectura para adultos e menores, cursos de cociña, grupos de conversación en alemán e inglés en varios niveis; cursos de alfabetización dixital para maiores en distintos niveis, obradoiros de fotografía dixital, de escritura creativa, formación de usuarios, charlas, proxección de documentais ou encontros de ciencia.

Este 2018, a biblioteca iniciará un programa de visitas escolares durante todo o ano para formar ao alumnado local na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece, como a consulta e manexo da súa páxina web e do catálogo, facilitando ordenadores para uso das alumnas e alumnos nestas visitas reguladas.

Por último, a Alcaldía do Porriño adianta que a Biblioteca Municipal levará a cabo durante o 2018 unha ampla programación de actividades de animación á lectura, con espectáculos para os máis pequenos, que se presentarán proximamente.

Na web www.bibliotecadoporrino.com  xa aparece publicada a relación de cursos e obradoiros para este ano, indicando que as inscrición xa está abertas para as que se celebren antes do verán.

Todas son gratuítas pero é necesario inscrición previa -presencial ou no teléfono 986337624-, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Os participantes tamén deberán ser socios/as da Biblioteca Municipal do Porriño ou da rede de bibliotecas de Galicia.

O albergue do Porriño volve bater marcas de peregrinos a Compostela: 5.643 durmiron no mesmo o pasado ano, 2.250 máis dende 2015, o que supón un crecemento de máis do 66% en so 3 anos

Un total de 5.643 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 429 máis que en 2016, o que supuxo un incremento do 8,22%. Por terceiro ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago. Os meses de máis actividade no albergue foron os de agosto-con 1.065 persoas-setembro-con 951-, xullo-con 833- e abril- con 664-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en xuño, con 658 estadías e maio, con 656.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes, e en 2016 un total de 5.214 peregrinos que durmiron no albergue do Porriño 386 máis que o ano anterior.

Isto sinala que en tres anos o uso do mesmo aumentou en 2.250 persoas, un 66,31% máis en tres anos, unha das porcentaxes máis altas dos albergues do Camiño Portugués neste mesmo tempo.

Hai que lembrar que O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e, subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, “unha acaída oferta de servizos para peregrinos, coma conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

Dacordo cos datos recollidos este pasado ano, a maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, retoma as ‘Visitas Escolares’ e o ‘Clube de Lectura Infantil’

Este ano 2018 a Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, renovará o servizo das ‘Visitas Escolares’ dándolle un novo enfoque e organizando a actividade de xeito regular para todo o curso 2017-18.

A finalidade desta actividade é potenciar as liñas de cooperación entre a biblioteca municipal  e os centros escolares co “obxectivo fundamental de acercar a biblioteca ao alumnado e formalo na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece”.  

Os contidos das visitas serán unha ‘Presentación e benvida á Biblioteca’; Uso do carné de socio/a; Explicación dos diferentes Servizos e Actividades da Biblioteca; Procura de libros na sala infantil; Consulta e manexo da páxina web da biblioteca municipal e do catálogo en liña-opac  (actividade práctica na que se facilitarán ordenadores para uso das alumnas e alumnas).

As visitas realizaranse os mércores de febreiro a xuño- debendo concertar a data exacta chamando á biblioteca municipal- en horario de 11:15 a 12:45 horas, para estudantes dos cursos 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

O número de prazas non poderá superar as 25 por grupo e cada centro ten a posibilidade de concertar dúas visitas, con inscrición previa, podéndose ampliar no caso de que queden días libres sen ocupar.

Os colexios interesados en concertar unha visita escolar, deberán chamar ao teléfono 986 33 76 24 e aportar os seguintes datos: nome do centro, persoa de contacto e teléfono, curso do alumnado que asistirá á visita, número de participantes e se ten necesidade de autobús gratuíto.

Neste último caso, poñerase a disposición dos centros un autobús de balde para o desprazamento das alumnas e alumnas do colexio á biblioteca municipal, ida e volta.

Clube de lectura Infantil

Asemade, a Biblioteca Municipal, tendo en conta a importancia que a lectura ten na idade infantil, pon en marcha o ‘Clube de Lectura Infantil’ para nenas e nenos de 3º a 6º de Educación Primaria, como actividade de animación á lectura e como complemento á educación formal que se imparte na escola.

É unánime o saber que o hábito da lectura é un gran estímulo á creatividade, imaxinación, intelixencia e a capacidade verbal e de concentración de nenos e nenas. Desde sempre os libros nos enriquecen e nos levan a investigar en aventuras, historias, a soñar espertos. O libro é unha porta á formación e información en todos os sentidos.