O Concello do Porriño destinará un total de 20.000€- o maior investimento da súa historia- ao Festival de Cans que este 2018 chega á súa XV edición

Así transmitiullo a alcaldesa, Eva García de la Torre, ao director do certame, Alfonso Pato, e a presidenta da Asociación Cultural Arela, organizadora do mesmo, Keka Iglesias, nunha xuntanza á que tamén asistiron as concelleiras de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, e Educación e Seguridade, Lourdes Moure.

García de la Torre subliñou o compromiso do Goberno local e de todas as veciñas e veciños do Porriño, “que fan un importante esforzo”, co festival e cos veciños de Cans e de aí que no orzamento para 2018, “que está pechado e que se levará a Pleno”, haxa unha partida orzamentaria nominativa para o festival.

O obxectivo, apunta a alcaldesa, é o de garantir un “aporte económico vital para o festival” de xeito que  o mesmo poida seguir celebrándose cada ano con maior éxito e “siga a situar a O Porriño no mapa cultural dentro e fora de Galicia”.

Pola súa banda, Alfonso Pato amosouse “moi satisfeito pola nosa relación co Concello” e non só, comentou, polo seu apoio económico, senón polo “enorme esforzo de loxística” que ten que afrontar no caso dun festival que organizativamente é moi complicado e que pola súa “transversalidade”, require a intervención de distintas concellerías: a de Seguridade, Tráfico, Vías e Obras ou Educación, que contribúen a que o festival poida realizarse ano tras ano.

Todo listo para a Cabalgata de Reis do Porriño que sairá este venres ás 6 da tarde

O Porriño ten ultimada xa para a Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos, que chegarán á vila este venres,  día 5, ás 6 da tarde. A esa hora Melchor, Gaspar e Baltasar, sairán nas súas carrozas cara ao centro antes de empezar, xa pola noite, o reparto dos xoguetes.

A Cabalgata que estará encabezada pola Rondalla de Pontellas, estará composta polas tres carrozas das Súas Maxestades, outras dúas máis con regalos e unha terceira que pechara a comitiva na que haberá duendes, zancudos, cabalos ou figuras de luz, entre outras sorpresas. 

Os Reis, logo de saír da rúa Doantes de Sangue, percorrerán a Avenida Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, San Sebastián, San Benito e Ramón González para chegar, á Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, logo de facer un percorrido ‘áxil’, posto que as previsións sinalan que podería chover ás 8 da tarde..

Diante do Concello, haberá un palco onde se disporán os tronos dos tres Magos nos que recibirán as nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus últimos pedidos, collerán as súas últimas cartas e posarán para as fotos que os pequenos queiran facerse con eles.

No caso de que chovese antes do remate da Cabalgata, a recepción ás Súas Maxestades se realizaría no Pavillón Municipal.

Rúas afectadas por cortes de tráfico

A Policía Local informa de que por mor da Cabalgata non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, dende as 3 da tarde deste venres, dende a entrada á piscina ata a rúa Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, momento no que se iniciará a comitiva.

Tamén se cortará ao tráfico rodado a rúa Antonio Palacios, dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloqus- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.

Así mesmo estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia- aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.

Volta aos anos 80 na Festa Pre-Fin de Ano coa que O Porriño despide o sábado, día 30, este 2017

Como xa é tradicional, O Porriño dille adeus ao ano cun día de antelación. Este sábado día 30, na carpa municipal a ‘Festa Pre-Fin de Ano’ levará aos asistentes á despedida de 1979 e a benvida de 1980…ano ao que vai adicada esta noite.

A festa comezará as 23:00h coa actuación de Club Naval, banda encargada de despedir  o ano na primeira parte do seu concerto. Ás 12 menos cuarto, todo o mundo irá á Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, para tomar os ’12 lacasitos’ ao compás das badaladas, evento dirixido polo showman Carlos Veleiro.

De volta á carpa, empezará a segunda parte da actuación de Club Naval ata a 1:30 para dar paso á ‘animación dos 80’s’, con  baile, música, coreografías,  espectáculo e a participación do público.

Nesta parte da celebración o mestre de cerimonia será  Cristian de Samil.

@festivaldecans abre a convocatoria de obras a concurso para a súa XV edición

O Festival de Cans, que celebrará a súa XV edición  do 23 ao 26 de maio de 2018, abriu este martes, díia 26 de decembro, a súa convocatoria de obras a concurso que, sinalan dende a organización “presentará moitas novidades con respecto á edición anterior”.

Entre as pezas que se poderán presentar, que deberán de ser de produción galega e realizadas entre 2017 e 2018, atópanse as curtametraxes de ficción e de animación, así como os videoclips como ven sendo habitual, pero sumarase unha sección novidosa á competición con respecto ao ano anterior.

Será a sección “Furacáns”, centrada nas obras de non- ficción e que buscará visibilizar as curtametraxes de creadoras e creadores que asuman maiores riscos narrativos. Esta sección xa foi testada con enorme éxito de público na pasada edición, aínda que foi programada a partir de invitacións cursadas directamente polo festival a directoras e directores. Este ano, a sección será por vez primeira competitiva, e terá un premio de 1.000€ , que otorgará un xurado específico creado para avaliar estas obras.

En total serán 7.900€ os que o Festival de Cans repartirá entre as obras premiadas, buscando impulsar a creación das novas e novos creadores audiovisuais de Galicia. Ademáis da categoría “Furacáns”, o festival otorgará entre os seus premios principais 2.000€ á mellor curtametraxe de ficción, 1.500€  ó premio do público e 1.500€ á mellor curtametraxe de animación. A maiores recibirán premios económicos ata completar a cantidade final, as categorías de videoclips e as de mellor realización, mellor guión, mellor interpretación femenina e mellor interpretación masculina. As bases completas do concurso e os premios en cada categoría poden consultarse na web www.festivaldecans.gal.

Outra novidade é que por vez primeira, o Festival de Cans habilitará na súa web un apartado para poder inscribir de xeito gratuíto as obras. Tamén segue manténdose a opción da plataforma www.festhome.com, para quen desexe facelo a través desta vía, cun prezo de 2 euros por cada obra inscrita. O Festival de Cans abre a porta a que creadoras e creadores inscriban libremente obras como documentais e mesmo longametraxes, webseries ou outros formatos, dándolle preferencia na selección a aquelas obras que non fosen estreadas polo momento en Galicia. En base ao material recibido, o Festival de Cans decidirá a incorporación de novas seccións paralelas que poidan enriquecer a programación do festival.

O libro ‘O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural’ amosa o pasado da vila e fai unha viaxe pola súa riqueza patrimonial, arquitectónica, etnolóxica, cultural, natural e paisaxística

“O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, escrito por Xosé Ramón Paz Antón e ilustrado polo fotógrafo Xulio Gil ven a “encher un vacío sobre a historia porriñesa que se contempla neste libro dende os tempos prehistóricos ata a actualidade”.

Paz Antón resume en algo máis de duascentas páxinas o pasado deste territorio e as súas xentes ao tempo que se describe unha parte relevante do seu patrimonio cultural e paisaxístico, un relato que vén de salientar o excelente labor de Xulio Gil, quen capta coa súa cámara aspectos insólitos ou pouco coñecidos e engade unha lectura visual que fai moi atractiva a obra que se presenta.

Partindo dos xacementos arqueolóxicos, da romanización e da alta idade media, a información vai facéndose densa coas incursións viquingas e árabes, a creación dos mosteiros de Budiño e Cans, os señoríos e loitas medievais, o nacemento do concello da Louriña, a dependencia de Baiona e Salvaterra, a queima das fábricas de pan na guerra con Portugal, a forte reedificación de templos no Barroco e a invasión dos franceses.

A partir de aquí resúmense os fitos máis relevantes dos séculos XIX e XX, o concello constitucional, a vida social e cultural, a emigración, os movementos agrario e obreiro, a guerra civil, o franquismo e a industrialización. Entre outras achegas destacadas cabe citar a reproducción do primeiro mapa do concello que se conserva no Archivo General de Simancas e que foi realizado en 1655.

Como subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, “O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, que foi editado grazas a colaboración do Concello, “é unha excelente mostra dos nosos recursos naturais, o noso patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e cultural e amosa quenes somos, e ensina o porqué temos que estar orgullosos do noso pasado e, en base ao mesmo seguir avanzando cara ao futuro”.

García de la Torre reitera que este “magnífico traballo” que O Porriño non tiña e que necesitaba e que servirá de clave para mirar cara ao futuro e á necesidade de poner en valor os nosos costumes e a nosa esencia.

Este venres, día 8, co acendido das luces, arranca o programa do Concello para este Nadal

Exposicións, festivais, música, teatro, obradoiros, os anunciados Campamentos para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, rondallas, amais do acendido das luces, a Festa Pre-Fin de Ano ou a Cabalgata de Reis, son algunhas das actividades programadas polo Concello para este Nadal.

As mesmas desenrolaranse durante máis dun mes, dende o día 1 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2018, en todas as parroquias do Porriño.

Os ‘pratos fortes’ deste Nadal serán o Acendido das luces, este venres, día 8 ás 8 da tarde, un acto amenizado polo grupo musical ‘Os Claretes’; a Festa Pre-Fin de Ano, o sábado, 30 de decembro, ás 11 da noite, na Praza de Antonio Palacios e na Carpa do Roxy, coas actuacións da Rondalla de Pontellas e a Orquestra Club Naval, e a ‘Cabalgata de Reis’, o 5 de xaneiro de 2018, ás 6 da tarde, polas rúas da vila.

 

A presidenta da Deputación, acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, inaugura as melloras do Campo de Fútbol do Carballo, en Atios

A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu esta mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.

No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”

Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.

As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos  e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.

Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.

En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.

A alcaldesa cualifica de “infamia” o ataque ao monumento da Volta da Moura que lembra aos veciños do Porriño asasinados polo exército franquista logo do Golpe de Estado de 1936

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto co alcalde de Salceda, Marcos Besada, o ex alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, responsábeis da ‘Asociación Levada Libre’ e familiares das veciñas e veciños asasinados polo Exército franquista denunciou este xoves o ataque sufrido polo monumento erixido o pasado mes de agosto na ‘Volta da Moura’ para lembrar aos republicanos represaliados días despois do Golpe de 1936.
 
García de la Torre cualificou de “infamia” o ataque á escultura, realizada polo artista Marcos Escudero e no que se lembra a loita pola liberdade e a defensa da democracia, da legalidade e das institucións republicanas dos veciños do Porriño Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
 
A alcaldesa, que amosouse dacordo co rexedor de Salceda, que subliñou que “somos herdeiros dos valores da República” e de Enrique Cabaleiro, quen lembrou que o monumento puxera en valor “a memoria das persoas que deron as súas vidas pola liberdade”, púxose a dispor dos familiares e da Asociación Levada Libre para que o mesmo lugar sexa un espazo emblemático de defensa dos valores democráticos e da convivencia.
 
Pola súa banda, o representante de Levada Libre, logo de citar a Nelson Mandela afirmando que “é máis doado ensinar a amar que ensinar a odiar”, propuxo deixar o lugar coma o deixaron os que o atacaron, para que se saiba que os herdeiros dos que mataron, seguen odiando, engadir un caixón, coma unha caixa para o correo, no que “quen queira insultarnos o poda facer e se quere poñer o seu nome”, pediu plantar no lugar tres oliveiras, cada unha delas procedente dos concellos do Porriño, Salceda e Tui, e adiantou o proxecto de facer unhas xornadas, con historiadores especialistas na II República, para que conten a verdade do que aconteceu dende 1936.

Tecendo Lazos: O Noso Son: bailes e cancións de Agora e de Sempre.Canta-Avoas

Desde á Concellería de Mocidade (OMIX) do Concello do Porriño en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, levaremos a cabo este venres, día 3 de novembro de 2017, no edificio Socio-comunitario, o programa ‘Tecendo Lazos’.

A través dun obradoiro interxeracional, contribuiremos á difusión da tradición oral e musical galega e se tratará de poñer en contacto as distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre das persoas participantes.

As familias participantes compartiran os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares -música e letra- que coñece cada familia.

Terá unha duración de 16 horas das cales 14 horas serían un módulo especifico e ás 2 restantes outro transversal: A historia do meu concello.

Data inicio: 3/11/17
Data finalización: 29/11/17
Días de impartición: 3,8,10,15,17,22,24 e 29 de novembro
Horario: mércores e venres de 19:00-21:00