A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, vén de publicar a súa programación de actividades para o ano 2018. Na mesmas cabe salientar a variedade de propostas, os distintos formatos e a ampla temática da oferta formativa e lúdica, buscando que “a biblioteca municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social”.

Ademais dos tradicionais servizos que prestan as bibliotecas públicas, o centro porriñés reorienta a súa actividade tentando adaptarse á evolución da comunidade de usuarios e as necesidades sociais.

Para este ano, a Biblioteca Municipal do Porriño ofrece distintos obradoiros, actuacións musicais, roteiros de patrimonio, clubs de lectura para adultos e menores, cursos de cociña, grupos de conversación en alemán e inglés en varios niveis; cursos de alfabetización dixital para maiores en distintos niveis, obradoiros de fotografía dixital, de escritura creativa, formación de usuarios, charlas, proxección de documentais ou encontros de ciencia.

Este 2018, a biblioteca iniciará un programa de visitas escolares durante todo o ano para formar ao alumnado local na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece, como a consulta e manexo da súa páxina web e do catálogo, facilitando ordenadores para uso das alumnas e alumnos nestas visitas reguladas.

Por último, a Alcaldía do Porriño adianta que a Biblioteca Municipal levará a cabo durante o 2018 unha ampla programación de actividades de animación á lectura, con espectáculos para os máis pequenos, que se presentarán proximamente.

Na web www.bibliotecadoporrino.com  xa aparece publicada a relación de cursos e obradoiros para este ano, indicando que as inscrición xa está abertas para as que se celebren antes do verán.

Todas son gratuítas pero é necesario inscrición previa -presencial ou no teléfono 986337624-, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño. Os participantes tamén deberán ser socios/as da Biblioteca Municipal do Porriño ou da rede de bibliotecas de Galicia.