A alcaldesa presentou este xoves, nun Centro Cultural Municipal ateigado, o libro “O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural”, do que son co-autores o historiados porriñés   Xosé Ramón Paz  Antón e o fotógrafo  Xulio Gil.

Eva García de la Torre, quen amosouse especialmente “ilusionada e emocionada” cualificou a obra de “imprescindible” tanto para coñecer a historia da vila, coma para estar orgullosos do noso pasado e, principalmente, para ser conscientes do feito de que temos a obriga de coidar e conservar “o noso patrimonio cultural, natural, arquitectónico, etnolóxico e social”.

O libro, como salientaron os seus autores, amosa a riqueza da historia do Porriño no que deixaron a súa pegada os viquingos ou árabes,  que viu loitas mediavais e o dominio da Igrexa, que foi o pasto do lume prendido nas invasións de portugueses e franceses, que dependeu de Baiona e Salvaterra, que deu o considerado vestixio máis antigo da Humanidade, que veu nacer a ministros, sindicalista, grandes militares que acompañaron na loita ao mesmo Simón Bolívar, ou a un dos xenios da arquitectura, tales foron os nomes de Antonio Pallares, Laureano Alonso, Francisco Pérez Leirós e, especialmente, Antonio Palacios; unha vila que tiña un pan apreciado en todos os reinos da península, que viviu a emigración, os movementos obreiro e agrario, as dúas repúblicas, a Guerra Civil, os asasinatos do franquismo e o nacemento dunha industria que é hoxe un dos sinais identificativos do Porriño.

O Porriño do futuro

A alcaldesa pechou o acto facendo unha exposición do que na súa opinión debería ser O Porriño do futuro e que, salientou, pasa por recuperar a vila para as súas veciñas e veciños, para os seus cativos e para os mais novos.

Eva García de la Torre, lembrou que hoxe os coches ocupan o 70% do espacio urbano do Porriño, que conta con numerosas barreiras arquitectónicas e aceras estreitas ou  que hai grnades zonas que poderían recuperarse para as persoas, sen obras faraónicas ou inversións multimillonarias.

A alcaldesa apostou por reconquistar para os cidadáns lugares coma a Avenida de Antonio Palacios e o entorno do Centro Cultural a Praza de San Sebastián ou a Avenida de Galicia que conta xa cun proxecto que permitirá facer un “espacio máis amable” con elementos que chamen aos cidadáns a ocupalos e facer deles “lugares de convivencia”.