@festivaldecans abrirá a súa 15ª edición cos filmes ‘A estación violenta’ e ‘British winters’

O Festival de Cans continúa nesta edición a súa aposta polas novas xeracións de cineastas do país e acollerá a proxección de tres filmes realizados por novos profesionais da creación que veñen do ámbito da curtametraxe.

Así, na apertura proxectaranse British Winters, debut de Roque Cameselle no ámbito da imaxe real, e A estación violenta, primeira longa de Anxos Fazáns, que se atopa nestes días presentando o filme internacionalmente no prestixioso BAFICI. Nela, esta Novísima do cinema galego adapta libremente a novela homónima de Manuel Jabois. Protagonizada por Alberto Rolán, Xosé Barato e Nerea Barros, os dous primeiros estiveron este xoves na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do 15º Festival de Cans que tivo lugar na tenda de Nikis Galicia en Santiago de Compostela.

“Cans cumpre 15 primaveras e eu síntome moi vello porque xa estiven na primeira edición”, bromeu Barato, recalcando a emoción que o equipo do filme sinte polo seu vínculo co festival. Alberto Rolán, pola súa parte, recalcou o carácter “xeracional” desta película que relata o reencontro entre tres amigos de xuventude nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante. A estación violenta terá en Cans a súa primeira grande proxección pública en Galicia, xusto antes da súa estrea comercial en salas prevista para o 31 maio.

Entradas da sección oficial

A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, adiantou que a partir da semana que vén estarán xa dispoñibles na tenda virtual do festival as entradas para Furacáns (a competición de curtas de non-ficción) e os primeiros 500 packs de entradas para a Sección Oficial a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo.

Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda dende o martes 24 de abril ata o venres 4 de maio, e terán un prezo de 21,5 euros.

As entradas para Furacáns, pola súa parte, costarán 5 euros, estarán dispoñibles a partir do xoves 26 de abril en tenda.festivaldecans.com e poderán retirarse no posto de merchandising do festival durante os días de celebración do certame.

O Concello celebra o ‘Día Internacional da Auga’ distribuindo 3.000 exemplares dun manual de bos usos da mesna co titulo ‘No Porriño amamos a auga’

No marco do Día Internacional da Auga, o Concello do Porriño vén de entregar 3.000 exemplares dun manual de bos usos co título ‘No Porriño amamos a auga’, que distribuíuse en establecementos comerciais e centros de ensino da vila.

O obxectivo desta iniciativa é acadar o interese e a atención das veciñas e veciños do Porriño no que se fala dos motivos para aforrar auga, o tratamento da mesma para o seu consumo, os diferentes servizos públicos da auga, as iniciativas e acciones que poden desenrolar as familias para contribuír á protección deste ben común, un repaso sobre o ciclo hídrico, como utilizar a calefacción e o aire acondicionado, as billas ou como temos que empregar a auga na horta e no xardín.

Así mesmo, este xoves, a alcaldesa do Porriño, coma presidenta de Augas do Louro, asistiu á celebración da segunda xornada de portas abertas na na estación depuradora deste organismo en Guillarei.

Durante a mesma tivo lugar a presentación do terceiro concurso de debuxo infantil, que este ano tratará sobre a potabilización co lema “A emocionante viaxe da auga dende a natureza ata a túa casa”. O premio para o gañador de cada Concello será unha Tablet Samsung de 7 polgadas e para os finalistas unha cámara dixital acuática.

No concurso participarán rapazas e rapaces de 3º e 4º de Educación Primaria dos Concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui, sendo o prazo de presentación dos debuxos o comprendido entre o 1 de Abril e o 20 de Maio.

O Goberno local contribuirá á conservación e estudo do “excepcional” achádego dunha fortificación romana de 1.200 anos de antigüidade no Faro de Budiño

Os romanos levantaron unha fortaleza defensiva de varias hectáreas no Faro de Budiño un lugar no que, ademais, había un asentamento romano construído, posiblemente, hai uns 1.200 anos.

Estas son algunhas das conclusións ás que apuntan os estudos dos arqueólogos Francisco Alonso, Oria Ferreiro, Mario Fernández-que está a facer a súa tese doutoral- José Carlos Sánchez e Tania Rial, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que durante o seu traballo sacaron a luz restos dunha edificación e restos de tellas, cerámica e vidro que, segundo indicaron, poderían ser da época ‘tardo-antiga’, á que os científicos refírense coma ‘séculos escuros’, un dato que podería ser confirmado cando un laboratorio estadounidense remate as probas do ‘Carbono 14’.

O concelleiro de Medio Ambiente, Marcelino Coto, xunto co presidente da Comunidade de Montes de Budiño, José Luis Martínez, visitou os restos e mantivo unha xuntanza co equipo de arqueólogos coa finalidade de “decidir cales serán as medidas que imos tomar dende o Goberno  local para preservar e facilitar o estudo deste importante achádego que é patrimonio de todos os porriñeses”.

A intención de Marcelino Coto é que o Concello, xunto coa Deputación de Pontevedra, impulse e facilite a continuidade do traballo, que se leve adiante un “proxecto de conservación e recuperación neste lugar” e que o mesmo sexa visitado polos porriñeses con especialistas que expliquen a súa importancia e a súa historia.

O concelleiro salientou o feito de que coma indicaron os arqueólogos, ata hoxe non se fixera unha escavación así nun xacemiento semellante en toda Galicia, e que se tratase dunha ‘acrópole’ que formaba parte dunha construción composta por tres ‘coutos’, con tres liñas de murallas, que puideron ocupar, en conxunto, unhas 11 hectáreas, facendo do Faro de Budiño, coma salientou Mario Fernández, “unha grande fortaleza” en altura.

Este xoves, no Centro Cultural Municipal, organizada pola asociacción ‘Levada Libre’ e o Concello do Porriño, conferencia sobre os ‘Vigueses e Porriñeses nos campos de concentración nazis’

Organizadas pola asociación Levada Libre, coa colaboración do Concello do Porriño, este xoves, día 15 de marzo, ás 8 da tarde no Centro Cultural Municipal, rematan as xornadas da “Semana da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña”.

As mesmas abrangueron actos, conferencias e coloquios en Tui, o pasado día 3, Salceda, o pasado xoves, 8, da man do historiados Xosé Álvarez,quen falou sobre la República e o seu sistema educativo, e a ‘reinaguración’ do monumento aos asasinados polo réxime de Franco na ‘Volta da Moura’.

O peche correrá a cargo de María Torres, quen falará dos ‘Vigueses e porriñeses mortos nos campos de concentración nazis’, deportados aos mesmos, situados en Europa e no Norte de África, logo de combater coma resistentes, espías, soldados na Francia libre ou no Exército Soviético.

@festivaldecans, que este ano terá a meirande achega municipal da súa historia, bate marcas de curtas inscritas

O Festival de Cans- que este ano terá a meirande achea municipal da súa historia bate un ano máis a súa marca de curtas inscritas, pois recibiu na súa convocatoria para as seccións oficiais a concurso un total de 252 producións galegas, o que supón máis dun 7% de incremento con respecto á edición anterior, na que chegaran 235 traballos.

Cabe salientar que esta é a cifra de pezas audiovisuais que cumplen os requisitos necesarios para poder ser valoradas á hora de formar parte das categorías a concurso, xa que de ter en conta todo o material recibido, a cifra sería superior ás 300 obras. Divididas por categorías recibíronse un total de 68 curtametraxes de ficción, 43 de non ficción, 15 de animación e 105 videoclips. Ademais, recibíronse tamén 21 obras de diferentes fomatos, que nalgúns casos comporán as diversas seccións paralelas dos festival.

Estes datos constatan que estamos nun prolífico momento na creación audiovisual galega, e que edición tras edición, o festival pode acadar un paso adiante, tanto a nivel cuantitativo como cualitativo. A organización móstrase tamén gratamente sorprendida da boa acollida da súa nova categoría competitiva, Furacáns, na que se recibiron, tal e como se citou anteriormente, 43 obras de non ficción.

Con respecto ao apartado de curtametraxes de ficción, segue rexistrándose -ao igual que nos pasados anos- un gran volume de traballos de creadores e creadoras galegos que viven e desenvolven a súa actividade profesional fóra de Galicia. Así o constatan as produción recibidas dende lugares como Madrid, Barcelona, Sevilla, Bilbao, Portugal, Inglaterra, Estados Unidos, Italia ou Hungría. Obsérvase tamén como dato moi positivo a recepción do mesmo número de curtametraxes de animación que na pasada edición pese a ser unha modalidade que esixe un traballo moi complexo, o que garante a constitución desta categoría nesta edición do festival.

No tocante aos videoclips, esta foi a categoría que máis medrou con respecto ao 2017, ao recibirse foron 105 as pezas fronte ás 73 da pasada edición. As pezas recibidas nesta categoría, que abranguen estilos tan distintos coma o folk, o rock, o hip-hop, o funk, o pop ou a música electrónica, competirán na Noite Gía dos videoclips, que se celebrará na noite do xoves 24 de maio.

Dá comezo agora para a organización un exhaustivo e laborioso proceso de visionado e selección, que se prolongará durante varias semanas e a través do cal se elixirán as obras finalistas en cada categoría.

@festivaldecans impulsa un curso de vídeo co obxectivo de realizar un documental sobre a figura da mestra “Dona Sara”

O Festival de Cans impulsa un ano máis o seu Proxecto Cans 303, un curso de gravación, edición e montaxe de vídeo, coa intención de iniciar no audiovisual a todas as persoas que desexen adquirir coñecementos. O obxectivo será facer como exercicio final unha curtametraxe colectiva que se estreará na vindeira edición do Festival de Cans, que terá lugar do 23 ao 26 de maio deste ano.

En pasadas edicións, o festival traballou con veciñas e veciños de diversas idades na creación de pezas documentais co obxectivo de recuperar a memoria da aldea e recompilar material fotográfico, en vídeo ou sonoro. Isto axudou e segue axudando a contruír a historia recente de Cans e a facer un archivo de imaxes sobre a parroquia.

O curso comezará o sábado 24 de febreiro para celebrarse todos os sábados dos meses de marzo e abril, entre as 10,00 e as 13,00 horas da mañá. Esta formación, que será impartida na sede do Festival de Cans polo realizador Juanma Lodo, terá un prezo de 40 euros, pero haberá un desconto do 50% para todas as persoas que colaboren na organización do festival ou sexan socias da Asociación de veciños O Castelo de Cans.

As persoas que desexen presentar a súa candidatura para o curso poden inscribirse no mail festivaldecans@festivaldecans.com, ou no número de teléfono 679 433 076. O prazo para a inscripción rematará o xoves 22 de febreiro ás 15,00 horas.

Este ano, as persoas que se inscriban no grupo, traballarán nun documental sobre a figura de Sara Quinteiro, mestra histórica de Cans durante varias décadas -á que todo o mundo na aldea coñecía como Dona Sara-, e que impartía as súas clases na “Casa da Mestra”. O festival fai un chamamento a todas aquelas persoas que poidan aportar material fotográfico e reseñas biográficas desta mestra e das que foron as súas alumnas para recuperar a súa historia coa maior exactitude posible.

O Proxecto 303 tamén se complementa cun blogue do mesmo nome, coordinado por Juanma Lodo, onde se van escribindo os avances do curso ao mesmo tempo que se explican nocións técnicas de algunhas das secuencias máis coñecidas da historia do cinema.

Este venres, empeza o ‘Entroido do Porriño 2018’ co concerto do Grupo América

Este venres, día 9, da comezo o Entroido do Porriño 2018 co concerto, ás 8 e media da tarde, na Praza de Antonio Palacios, do Grupo América.

https://www.facebook.com/AmericadeVigo/videos/1593468277404144/

Un ‘días grandes’ será mañá, sábado, 10, no que está previsto o pregón, á 1 da tarde, a cargo do cantante, crooner e showman Tony Lomba; seguirá o ‘Xantar do Entroido’, a celebración da 75ª edición do Xogo da Ola, o primeiro Desfile de Comparsas (dende as 6 da tarde), para o que están inscritas, ata este 13 de adultos e 3 infantís, e a ‘Gran Festa Rachada’, co grupo ‘Versionettes’.

Nos seguintes días seguirá a Festa Infantil, co Pallaso Popín (domingo, 11), o Grande Desfile de Comparsas (o martes, día 13) e, o mércores 14, chegará outro dos grandes intres deste Entroido co ‘Velorio da Sardiña’, no Centro Recreativo e Cultural (dende as 5 da tarde); o ‘Enterro da Sardiña’ (dende as 19 h.), a Lectura do Testamento, na Praza de Antonio Palacios, e a Queima da Sardiña, na Ponte do Valo.

Podes consultar toda a programación na web ecultura.net e tamén en oporrino.org e nas redes sociais do Concello, Facebook –Concello do Porriño– e Twitter-@PorrinoConcello-.

Cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento polo Entroido

A Policía Local informa de que co gallo da celebración do Entroido, non se poderá estacionar na rúa Donantes de Sangue, a partir das 3 da tarde do sábado 10, dende a entrada á piscina ata Antonio Palacios. Esta rúa estará cortada ao tráfico dende as 5 ás 6 da tarde, coincidindo co desfile das comparsas.

Tamén se suspenderá a circulación en Antonio Palacios dende o cruzamento con Donantes de Sangue –pavillón- ata a rotonda de Aloques- rúa Domingo Bueno- dende as 6 da tarde.

Así mesmo, estará cortada a rúa Domingo Bueno, dende o número 1 ata o cruzamento da Pontenova, dende as 6 e cuarto da tarde; o mesmo pasará nos dous carrís da Avenida de Galicia– aínda que se permitirá o acceso a residentes-; tamén Pío XII e Ramón González, Manuel Rodríguez, dende o cruzamento de Xogo da Ola ata a Panadería Chinchina-nestas rúas tamén estará prohibido aparcar.

@festivaldecans impulsa un concurso de ‘booktrailers e booktubers’

O Festival de Cans, que terá lugar entre o 23 e 26 de maio-e que este ano recibirá o meirande apoio do Concello na súa historia, impulsará nesta XV edición un ‘concurso de booktrailers e booktubers’, que terá como obxectivo estimular a lectura en galego e a creación audiovisual entre persoas de todas as idades, pero sobre todo entre as máis novas e os máis novos. Estas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en poucos minutos de imaxes o contido dun libro, están a medrar cada vez máis na rede, ata o punto de que comeza a haber concursos específicos en festivais,adicados a esta modalidade.

Este concurso chamado “Ollo de vidro” enmárcase dentro dunha iniciativa da canle de youtube ‘Recoméndoche un libro’, impulsada en anos anteriores por varias institucións de Vigo como a Biblioteca Neira Vilas, O IES Castelao e a Escola Oficial de Idiomas, ademais da Asociación de Veciños de O Calvario, entidade patrocinadora do evento. Este ano incorpóranse tamén como promotoras do proxecto dúas institucións moi activas de O Porriño, como a Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía, e o IES Pino Manso, aínda que a participación estará aberta a todas as persoas que o desexen de calquera punto de Galicia.

Nos últimos dous anos, o Festival de Cans está a desenvolver unha liña de contidos enfocada sobre todo ó público máis novo, onde busca visibilizar e impulsar a intersección creativa entre a literatura e o audiovisual. En anos anteriores, Cans tivo interesantes mostras de booktrailers, e polo festival pasaron autoras e autores e editores relevantes da literatura galega, así como realizadores a realizadoras especializados nos booktrailers.

Nesta edición, o certame “Ollo de vidro”, converterase nun concurso aberto á participación no que un xurado específico escollerá unha selección de finalistas, que serán proxectados en Cans. Durante o festival celebrarase esta gran final, na que se desvelarán os gañadores. O primeiro premio estará dotado con 400€, o segundo con 250€ e o terceiro premio cunha estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes. Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.

O prazo de inscripción está aberto ata o 23 de abril e as bases da convocatoria e o concurso poden seguirse en www.recomendocheunlibro.com