Este ano 2018 a Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, renovará o servizo das ‘Visitas Escolares’ dándolle un novo enfoque e organizando a actividade de xeito regular para todo o curso 2017-18.

A finalidade desta actividade é potenciar as liñas de cooperación entre a biblioteca municipal  e os centros escolares co “obxectivo fundamental de acercar a biblioteca ao alumnado e formalo na utilización dos diferentes servizos e recursos que esta ofrece”.  

Os contidos das visitas serán unha ‘Presentación e benvida á Biblioteca’; Uso do carné de socio/a; Explicación dos diferentes Servizos e Actividades da Biblioteca; Procura de libros na sala infantil; Consulta e manexo da páxina web da biblioteca municipal e do catálogo en liña-opac  (actividade práctica na que se facilitarán ordenadores para uso das alumnas e alumnas).

As visitas realizaranse os mércores de febreiro a xuño- debendo concertar a data exacta chamando á biblioteca municipal- en horario de 11:15 a 12:45 horas, para estudantes dos cursos 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

O número de prazas non poderá superar as 25 por grupo e cada centro ten a posibilidade de concertar dúas visitas, con inscrición previa, podéndose ampliar no caso de que queden días libres sen ocupar.

Os colexios interesados en concertar unha visita escolar, deberán chamar ao teléfono 986 33 76 24 e aportar os seguintes datos: nome do centro, persoa de contacto e teléfono, curso do alumnado que asistirá á visita, número de participantes e se ten necesidade de autobús gratuíto.

Neste último caso, poñerase a disposición dos centros un autobús de balde para o desprazamento das alumnas e alumnas do colexio á biblioteca municipal, ida e volta.

Clube de lectura Infantil

Asemade, a Biblioteca Municipal, tendo en conta a importancia que a lectura ten na idade infantil, pon en marcha o ‘Clube de Lectura Infantil’ para nenas e nenos de 3º a 6º de Educación Primaria, como actividade de animación á lectura e como complemento á educación formal que se imparte na escola.

É unánime o saber que o hábito da lectura é un gran estímulo á creatividade, imaxinación, intelixencia e a capacidade verbal e de concentración de nenos e nenas. Desde sempre os libros nos enriquecen e nos levan a investigar en aventuras, historias, a soñar espertos. O libro é unha porta á formación e información en todos os sentidos.