Exposición dos calacús de Samaín decorados por nenos e nenas do Porriño

 

A Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, coa ocasión do Samaín  anuncia que mañá sábado exporanse na rúas e nos arredores da Casa Consistorial, as cabazas decoradas por escolares de Primaria dos colexios do Porriño.

A temática  foi  libre e o material decorativo tamén. Non houbo restricións técnicas nin materiais, segundo informou a OMIX.

Os traballos xa rematados, un total de 205 cabazas, recolléronse hoxe venres en cada colexio participante.

Mañá sábado estarán expostos nas rúas da vila dende ás 12:00 ata ás 22 30 horas, a consecuencia da restrición horaria imposta polo toque de queda vixente na comunidade autónoma.
 
Entre as 22,30 e as 22,45 do sábado 31 de outubro, as/os nenas/nenos/pais/nais, que así o desexen poderán pasar a recuperar as súas cabazas. Por tratarse de pezas perecedoiras o concello non se fai responsable da súa integridade.
 
Os demais traballos serán recollidos por persoal do Concello para a súa posterior reciclaxe.

 

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes participaron en sendas reunións telemáticas sobre a Volta Ciclista a España e o Camiño de Santiago

 

Eva García, alcaldesa de O Porriño participou este mediodía, xunto con outros alcaldes e alcaldesas de concellos da ruta xacobea, nunha reunión telemática coa presidenta da Deputación. Tratouse dunha reunión da Mesa Provincial do Camiño na que Carmela Silva explicou aos responsables municipais as diferentes iniciativas que a Deputación está a desenvolver para pór en valor este itinerario cultura como un eixe estratéxico da estratexia turística de O Porriño e demais concellos do Camiño.

VOLTA CICLISTA

Por outra banda, David Alonso, concelleiro de Deportes participou noutra reunión telemática de responsables municipais dos concellos pontevedreses polos que transcorrerán etapas da Volta Ciclista a España coa Subdelegada do Goberno e mandos da Garda Civil de Tráfico. Pola súa banda David Alonso estivo acompañado de Julio Bernárdez, xefe de Deportes e Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local.

 
Na reunión telemática con Maica Larriba repasaron o libro de ruta nas diferentes etapas e as previsións de paso polas localidades. No caso de O Porriño, o vindeiro xoves 5 de novembro, terá lugar a saída lanzada da etapa decimo quinta, a partir das 10:50 horas.
A caravana sairá de Mos e chegará ao Porriño pola Avenida de Galicia de xeito neutralizado sendo a saída lanzada dende a rotonda dos Aloques e avenida Antonio Palacios en dirección a Ponteareas.
Segundo as previsións da organización será preciso cortar o tráfico por todas estas vías e outras afectadas, como a rúa Domingo Bueno aproximadamente media hora antes do paso da comitiva.

Cunha ofrenda floral comezaron hoxe os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios”

 

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal, o Concello do Porriño comezou os actos do “Ano Arquitecto Antonio Palacios” coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento que se cumpre hoxe o 27 de outubro. 

Trátase dunha iniciativa das Concellerías de Cultura e Turismo que dirixen Cami Moreira e David Alonso, respectivamente que hoxe acudiron ao cemiterio a realizar a ofrenda ante a tumba de Palacios.

O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de outubro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

Algúns deses actos terían que comezar hoxe pero adiáronse debido ás medidas restritivas anti-Covid. Entre elas, unha serie de visitas guiadas teatralizadas a obras de Antonio Palacios, así como un encontro de arquitectos sobre o significado do seu legado.

 

O Concello decide precintar parques infantís, suspender o mercado ambulante, controlar aforos na Praza de Abastos e competicións deportivas sen público

A Alcaldía comunica que compre adoptar una serie de medidas complementarias no ámbito municipal á vista do crecemento dos contaxios por covid-19 que motivaron que dende hoxe, O Porriño estea en alerta vermella. O Porriño cun total de 26 contaxios activos, entrou en nivel 3 polo que o goberno municipal, tras unha reunión de urxencia, resolveu as seguintes disposicións:

 

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.

Todas estas medidas estarán vixentes ata que mellore a situación.

A alcaldesa Eva García explicou que todas estas decisións “precisan da colaboración da veciñanza” e fixo “unha chamada á prudencia para que os porriñeses e porriñesas limiten os contactos con persoas non convivintes para protexerse a sí mesmos, a súas familias e aos demais. O Ministerio de Sanidade advirtenos de que agardamos meses moi duros e teremos que ser moi responsables”.

Novo horario da Sala de Estudo Municipal que tamén abrirá de tarde

 

A Sala de Estudo Municipal, habilitada no Centro Cívico, vén de ampliar o seu horario de apertura: de 8:30 a 14:00 h. e de 15:00 a 20:30 h., de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria oportunas pola COVID-19, segundo anunciou hoxe Cami Moreira, concelleira de Cultura.


Esta Sala de Estudo abriu o pasado 9 de xuño por decisión da concelleira, para complementar á Biblioteca Municipal, na procura dunha separación de espazos para maior funcionalidade.

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura para máis información.

http://ecultura.net/novo-horario-da-sala-de-estudo-municipal/

O Porriño celebrou a XXVII Festa dos Callos

Preto de trinta establecementos do Porriño participaron na 27ª edición da Festa dos Callos que se celebrou este domingo. Segundo acordaron establecementos e organizadores, cun novo prezo único, de 6 euros que incluía ración de callos, pan e a cazola conmemorativa.

 

As limitacións impostas polos protocolos anti-covid obrigaron a organizadores e Concello a reducir os actos públicos. A agrupación musical Feixoada encargouse da animación de rúa.

  

As asociacións AHOSPOR e ACIPOR, co apoio do Concello do Porriño, organizaron este certame que practicamente pechou as Festas do Cristo 2020.

Festas do Cristo: Cambio de emprazamento do espectáculo de danza de Anxela Blanco que pasará ao Centro Cultural Municipal



A Concellería de Cultura e Festexos informa dun cambio de emprazamento do espectáculo de danza de Anxela Blanco que está previsto para este sábado 3 de outubro. Non se celebrará na Praza do Cristo senón que terá lugar no Centro Cultural Municipal, á vista das previsións de choiva para o sábado.

Este cambio supón unha adaptación a un espazo interior polo que non se representará o que estaba previsto inicialmente, chamado ‘Voo’, senón outro de nova creación nomeado ‘Chove’”, anuncia a Concellería que dirixe Cami Moreira.
O cambio de recinto supón tamén un aforo restrinxido (75 espectadores) con entrada libre e de balde ata completar ese aforo, polos protocolos anti-covid. A duración do evento será de 30 minutos.

Deixamos ligazón coa páxina web de Cultura


As Festas do Cristo ofrecen o espectáculo “Ópera Break’s” coa mestura das actuacións da soprano Esperanza Mara e artistas urbanos


Hoxe luns 28, festivo local no Porriño, a programación das Festas do Cristo ofrecerá un espectáculo musical que mesturará a ópera coas artes urbanas como o break dance e os dj’s.

O espectáculo que comezará ás 18 h. na praza do Concello, cun aforo reducido, está producido por “Vella Escola”. O seu responsable, Pablo Castiñeira explicou que na posta en escena “sumaremos o talento operístico da soprano Esperanza Mara cos bailaríns Bboy Serlli e Pol Rock e co DJ Mil”.

“Trátase dunha fórmula nova que coido que é un formato que debemos promover pois estas novas formas de espectáculo pretenden acercar a ópera e as artes urbanas a outros públicos”, manifestou Cami Moreira, concelleira de Festas y Cultura.

“Pretendemos quitar ese aire de que a ópera é un espectáculo para adultos e elitista, cando realmente é unha manifestación musical que pode conxugar moi ben coa arte urbana. Ofreceremos unha fusión entre contar unha historia en formato operístico apoiado con bailes de cultura urbana cun resultado espectacular”, engadiu a concelleira de Festas e Cultura.