O Porriño recupera unha fermosa tradición: as alfombras do Corpus, que levan seis anos sen adornar a vila. 

Os preparativos para a elaboración dos tapices florais que lucirán o día 19 xa deron comezo. Un grupo de voluntarias da Asociación de amas de casa, consumidores e usuarios Rosais encárgase xa de preparar o material para os mantos florais que engalanarán as rúas. 

O Porriño convertirase nunha explosión de cor que invita a pasear dende a igrexa de Santa María ata a praza Arquitecto Antonio Palacios para disfrutar das cores e aroma de miles de flores. 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, achegouse onte a compartir coas voluntarias un ratiño de traballo e conversa. Ángeles, Chelo, María, Adela e Chiruca estaban a esfollar mimosas mentres Rosa se encargaba de tinguir o serrín que se utilizará para elaborar os deseños. Area, serrín, mimosas, madeira, rosas, hortensias ou árnica darán forma aos debuxos. 

“O entusiasmo destas mulleres non só fará máis fermosa se cabe a vila, tamén contribuirá a perpetuar unha valiosa tradición para moitos porriñeses e porriñesas e, por iso, contarán sempre co noso apoio”, apuntou o rexedor, “Estes tapices son cultura, tradición e arte”. 

Cabe destacar que as alfombras comezaron a elaborarse no Porriño no 1994 e cada ano centos de veciños e veciñas participaban. 

Neste momento precísanse voluntarios, polo que as persoas interesadas en colaborar poden solicitar máis información chamando ao teléfono do Concello onde lles indicarán onde dirixirse e en que horarios.