O Porriño celebra “Do Libro ás Letras”

O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño celebra este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título “Do Libro ás Letras”. Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os días 18 de abril e 2 e 16 de maio na Biblioteca, en horario de 18 a 19:30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.

Nelas, as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán.

Programa especial despois de dous anos de celebracións a distancia

O club de lectura do Porriño volveu á súa actividade presencial o pasado mes de outubro, despois de case dous anos de pandemia, en que se vira obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia para conseguir manter viva a súa actividade.  En 2022, logo de dous anos en que tivera que celebrar estas dúas festividades na distancia, o club de lectura, que conta con vinte participantes, quere resarcirse con este programa especial presencial, organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes.

O ano pasado conmemoraron o Día do Libro compartindo unha fotografía mosaico onde saían todas a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura. Este ano, por fin, poden celebralo tamén cunha imaxe de todas xuntas na biblioteca, acompañadas polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.

E, se en 2020 e 2021 celebraran o Día das Letras Galegas cun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario de poemas das dúas persoas homenaxeadas, Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias, respectivamente;  en 2022 poden por fin facer as lecturas e comentarios en formato presencial. 

Ademais, as ferramentas desenvolvidas durante eses dous anos a distancia seguen a empregarse agora para complementar a actividade presencial do club. A información destas actividades especiais pode consultarse no blog https://clublecturaporrino.wordpress.com/, un espazo virtual no que están accesibles as guías de lectura e comentario dos libros, así como podcasts, recomendacións de lectura e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.

CONCERTO SOLIDARIO POR UCRANIA: COMBO DOMINICANO, AMÉRICA, ANTONIO BARROS E IALMA ESTE DOMINGO NO PORRIÑO!

O Porriño acollerá este domingo, día 3 de abril, o concerto solidario organizado polo Concello en beneficio do pobo ucraíno, que tanto está a sufrir pola invasión rusa.  

O evento, no que participarán altruístamente o Grupo América, o Combo Dominicano e os artistas, Antonio Barros e iAlma, foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros Bienvenido Estévez e Antía Carrera, estiveron acompañados no acto de presentación por representantes das entidades colaboradoras do evento: o presidente da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, Indalecio Cuevas, o xerente, David Sobral, o artista local, Antonio Barros, e os representantes das empresas Go Music e Eventos Salpor, Miguel Díaz e Leonardo Fernández.  

O rexedor convidou a toda a veciñanza do Porriño e da contorna a asistir ao evento e contribuír a axudar ás persoas refuxiadas. “Síntome moi orgulloso de formar parte deste pobo”, asegurou Lorenzo, “En canto apelamos á súa colaboración os porriñeses e porriñesas, unha vez máis, deron exemplo de solidariedade e entrega. O fixeron cargando un trailer de axuda humanitaria e sei que o farán agora tamén”. Neste sentido o rexedor quixo extender o seu agradecemento “a todos aqueles veciños que de maneira totalmente desinteresada ofreceron as súas vivendas para acoller a persoas refuxiadas” . 

Cabe destacar que en total foron 20 as familias porriñesas que se ofreceron para acollida e cuxa disposición, xunto coas 20 prazas ofertadas polo Concello, se enviou ao Ministerio encargado de coordinar e xestionar a acollida de refuxiados.

Pola súa banda, o presidente dos empresarios, Indalecio Cuevas, animou a colaborar á cidadanía “e darlle un pouco de cor e música a esta situación que lamentablemente estamos a vivir e na que temos que ser enormemente solidarios”. Así, os empresarios abriron unha conta na que conseguiron recadar fondos que serán canalizados a través do Concello para axudar á poboación ucraína.

 

Tamén estiveron presentes na presentación Arturo López e Merchi Díaz, dous veciños do Porriño que acolleron xentilmente na súa casa a catro mozos ucraínos que abandoaron o seu país fuxindo da guerra. Os mozos, de entre 12 e 24 anos, pediron axuda para sair de Jarckov, a primeira cidade ucraína bombardeada, e esta familia porriñesa non dubidou en abrirlles as portas da súa casa. Un xesto de xenerosidade que o rexedor quixo agradecer públicamente “en nome de toda a veciñanza do Porriño, moitas grazas polo voso exemplo”.

Número de conta para axuda humanitaria

Os fondos obteranse coa “Fila 0”, na que todo aquel que queira disfrutar do concerto poderá facer a súa doazón. A tal fin, o concello habilitou un número de conta cuxa recadación se destinará íntegramente a axuda humanitaria e na que se poderán facer as súas achegas tanto particulares como empresas.

IBAN ES13 2080 5054 0831 1002 7980

O Porriño promove o envellecemento activo da man de AFAGA

O Concello do Porriño e AFAGA poñen en marcha o programa “Cultiva a mente” co obxectivo de previr a demencia e promocionar hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional nas persoas maiores de 55 anos.

Trátase dun ciclo de obradoiros impartidos por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo. Neles abordaranse diferentes cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de “promover o envellecemento activo e dotar aos nosos maiores das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais da demencia. Nestes momentos que vivimos, nos que moitas persoas se viron illadas polas restricións impostas pola pandemia, é máis necesario que nunca actuar e poñer en marcha iniciativas que permitan ás persoas maiores socializar e disfrutar tamén desta etapa da súa vida”.

O programa desenvolverase no Centro Sociocomunitario (Pío XII S/N) un día á semana,  concretamente os luns, e terán unha duración de dúas horas (de 10:30 a 12:30h).

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao 986 337 624 ou a través dun Rexistro dirixido á Casa da Cultura.

Contos de Entroido con Paula Carballeira

Este venres, ás 18:30 h, terá lugar na Biblioteca Municipal unha nova sesión de animación á lectura a cargo de Paula Carballeira, baixo o título “Un mes. Catro lúas. Unha sesión de contos”.

Trátase dunha actividade organizada pola Biblioteca Municipal, programada ao longo de varios meses (os primeiros venres des de xaneiro ata maio) coa intención de animar a ler empregando os contos como ferramenta.

Paula dedícase a contar. Vai polo mundo recollendo contos. Trae os contos que foi atopando, e vainos contando. Así, cada catro lúas, chega ao Porriño con contos novos. En xaneiro, foron contos de inverno. En marzo, serán contos de primavera, de poesía, de maxia. En abril, contos deses que inventaba H.C. Andersen en Dinamarca. En maio, contos de aquí, letras que coñecemos lugares misteriosos dos que non sabemos. E como non podía ser doutra forma, en febreiro, tocan contos de bromas, de disfraces, de Entroido.

 

O Porriño celebra este venres o Desfile de Comparsas que fora aprazado pola choiva

A concellería de Cultura e Festexos, que dirixe Bienvenido Estévez, informa de que este venres celebrarase o Desfile de Comparsas de Entroido aprazado onte pola choiva.

As comparsas sairán dende o Pavillón Municipal ás 19:30 h e completarán o percorrido habitual: Antonio Palacios, Avda. Domingo Bueno, Travesía Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González.

O sábado terá lugar o Enterro da Sardiña, nos mesmos horarios previstos na programación.

Restricións e cortes de tráfico o venres 4 de xaneiro

Dende as 15h prohíbese estacionar nas seguintes rúas:

  • Fernández Areal, dende o número 1 ata a o cruce coa Avda. Domingo Bueno.
  • Antonio Palacios, dende o cruce coa rúa Cruceiro ata a rotonda dos Aloques.
  • Doantes de Sangue, ambas marxes que afectan a toda a fachada do CEIP Fernández López.

Dende ás 19h cortarase o tráfico na rúa Doantes de Sangue.

Dende ás 19:30h e ata que finalice o desfile cortarase o tráfico nas seguintes rúas:

  • Antonio Palacios, desde cruce do Pavillón Municipal ata a rotonda dos Aloques.
  • Domingo Bueno, ata cruce con Fernández Areal.
  • Fernández Areal, cruce Avda. Domingo Bueno ata o número 1.
  • Manuel Rodríguez, dende o Celtiña.
  • Ramón González.

As nenas e nenos visten de Entroido O Porriño

O Entroido segue a encher de ledicia e cor as rúas do Porriño.  Despois do vistoso desfile do sábado, que congregou na vila a miles de persoas, continúa a programación deseñada pola concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez.

A proposta do Concello do Porriño para estas festas está pensada para todos os públicos. Fíxose un importante esforzo por incluir actividades para o público infantil e familiar contando co periodo vacacional dos máis pequenos.  Unha delas, o Obradoiro de Máscaras para Nenas e Nenos que esta mañá impartiu a Asociación “O Porriño Arte”.

Dende as 11h, pequenas e pequenos artistas tomaron a Praza Arquitecto Antonio Palacios armados con ceras, rotuladores, purpurina e toda clase de materais plásticos para confeccionar as súas máscaras de Entroido coa axuda das pintoras e pintores da asociación.

Martes de Entroido: Desfile de comparsas

A programación de Entroido continúa este martes. Como é tradición, as comparsas lucirán de novo os seus disfraces polas rúas do Porriño. Serán 8 as que desfilen e o farán polo percorrido habitual.

Ás 18 h sairán do Pabillón Municipal  e marcharán pola rúa Antonio Palacios, Avda. Domingo Bueno, Travesía Fernández Áreal, Manuel Rodríguez e Ramón González. Amenizarán o desfile a Batucada Oledum de Coio, as charangas Anchoa e Vai de Baile,  Os Beretes e os Cabezudos.

 

 

 

 

 

Escolares do Porriño descubren o universo Antonio Palacios no Museo do Mar de Galicia

O alumnado dos centros de educación primaria e secundaria do Porriño están a disfrutar das visitas-obradoiro á exposición temporal do Arquitecto Antonio Palacios “Soños de modernidade. Compromiso con Galicia”, instalada no Museo do Mar de Galicia.

Na actividade, organizada pola Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño, participarán 214 alumnas e alumnos dos colexios do municipio. As visitas comezaron hoxe e desenvolveranse ata o 29 de marzo.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañou hoxe ao primeiro dos grupos que participou da actividade. “Estas visitas permiten aos nosos pequenos e pequenas descubrir máis a fondo a obra de Antonio Palacios dende un punto de vista práctico, dinámico, participativo e, por suposto, educativo”, explicou o rexedor, “É unha forma divertida de coñecer a figura e o traballo dun dos porriñeses máis ilustres”.

Os primeiros en participar hoxe foron o CEIP Plurilingüe de Atios e o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios. Nas próximas quendas o farán o IES Ribeira do Louro, CPR Hnos. Quiroga, CPR Sto. Tomás, CEIP da Ribeira e CEIP Cruz Budiño.

O Porriño presenta a súa programación de Entroido: cinco días de diversión cos nenos e nenas como protagonistas

Na Vila do Louro xa está todo listo para disfrutar do Entroido.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Cultura e Educación, Bienvenido Estévez e Carolina González, presentaron hoxe o programa de actos deseñado polo Concello, no que os nenos e nenas xogarán un papel protagonista.

A inauguración da exposición cos preto de 200 debuxos dos nenos e nenas que participaron no concurso escolar de carteis do Entroido foi o escenario elexido para anunciar a programación. Nun acto ao que acudiron os gañadores do concurso e as súas familias, así como representantes de todos os centros escolares, entregáronse os agasallos aos premiados e presentouse oficialmente o cartel das festas.

Valeria Lage, Rubén Rodríguez e Saray Rodríguez (primeiro, segundo e tercer posto respectivamente) serán os encargados de dar o pistoletazo de saída o sábado 26 coa lectura do pregón. As dúas nenas que conseguiron o accesit os acompañarán no balcón da casa consistorial en tan sinalado momento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, confesou a súa emoción “ao ver as caras de ilusión dos pequenos e pequenas” algo polo que asegurou “merece a pena ser alcalde”. Tal e como indicou o rexedor para él “unha das metas marcadas é facer do Porriño un referente cultural e unha cidade dos e para os nenos e nenas, na que teñan moito que decir xa que serán eles quen a vivan e dirixan nuns anos”.

A mostra cos deseños dos escolares pode visitarse no Centro Cultural Municipal.

Actividades para pequenos e maiores

 A programación arranca o sábado 26, ás 12 h, coa lectura do pregón desde o balcón da Casa Consistorial. The Turre´s Band, Batucada Percusión Latexo, Charanga Anchoa, Charanga Fanfarria Furruxa e a Charanga Vai de Baile animarán as rúas do Porriño acompañados polos xigantes e cabezudos.

Pola mañá, celebrarase un showcooking en colaboración con AHOSPOR na praza de abastos.

Xa pola tarde, 16h, disputarase o 78º Xogo da Ola, amenizado pola Fanfarria Furruxa, e ás 18h o I Desfile Conxunto de Comparsas de Entroido.

O domingo 27 de febreiro, ás 17h festa infantil na praza do concello e inchables na Praza do Cristo, Avda. de Galicia e O Pinar.

O luns 28 terá lugar un obradoiro para nenas e nenos impartido pola Asociación O Porriño Arte, de 10 a 13h; e o martes 1 desfile de comparsa de Entroido.

O broche de ouro, como non podía doutra maneira, será o mércores 2 cando terá lugar o Enterro da Sardiña co seu tradicional veloiro e lectura de testamento.

 

 

 

 

 

 

O Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido

Os veciños e veciñas do Porriño e Mos disfrutarán xuntos deste Entroido. Será o sábado, 26 de febreiro, cando se celebre o I Desfile Conxunto de Entroido entre ambos concellos no que participarán 16 comparsas, 8 de cada municipio.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, presentaron hoxe  a que será a segunda actividade conxunta entre os dous Concellos.

“Un evento que non é o primeiro, nin será o último que fagamos xuntos”, indicou Lorenzo, “Para min é un pracer e un orgullo que dous pobos limítrofes, irmáns e que facemos vida común no noso día a día, disfrutemos de novo dun acto conxunto”. O alcalde animou á veciñanza a participar deste desfile que “se desenvolverá cun estricto cumprimento das medidas de seguridade sanitarias” e animou ”a todos os/as porriñeses/as e a todos os/as mosenses a disfrutar desta xornada de festa e reencontros”.

No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, quen destacou que se trata de dous concellos “que conviven no comercial, no ocio, no cultural…. e que estamos obrigados a entendernos”. Arévalo quixo poñer en valor o entendemento e a boa disposición que supón colaborar en actividades que son o eixo da actividade cultural de ambos municipios e “moitas veces coinciden o mesmo día á mesma hora, algo que non se entende. Estou segura de que os cidadáns de Mos e do Porriño están aplaudindo de poder disfrutar xuntos deste Entroido”.

Os representantes municipais agradeceron o labor indispensable que realiza a Policía Local e os voluntarios/as de Protección Civil dos dous concellos, sen os que sería imposible organizar este evento.

Indicaron ademais que cada concello mantén a súa programación habitual, a maiores do desfile conxunto do sábado.