Obradoiro para nenos “Coidemos o mar. Podemos!”

A Biblioteca Municipal organiza o obradoiro para nenos ‘Coidemos o mar. Podemos!’, no que participarán dúas investigadoras do Centro Oceanográfico de Vigo

Os nosos mares están en perigo, pero nós podemos facer moito para conservalos. A Biblioteca Municipal do Porriño, sensibilizada co respecto ao medio ambiente, quere contribuír a protexelos, e para iso actúa dende o ámbito da información e a formación.

Por iso, organiza o vindeiro luns, día 5 de xuño, coincidindo co ‘Día Mundial do Medio Ambiente’, o obradoiro infantil “Coidemos o mar, podemos!” .

A Biblioteca contará coa colaboración do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, que está a celebrar os seus 100 anos de historia. As investigadoras do IEO, María Sainza e Esther Román, coordinarán esta actividade onde se tentará ensinar, de forma divertida, como coidar e conservar o mar a través do coñecemento científico -bioloxía, vida mariña- e da presentación de accións que leven á conservación e sustentabilidade dos mares, evitando a contaminación -plásticos, ecosistemas vulnerables, educación responsable-.

Trátase dunha actividade gratuíta e aberta para público infantil entre 8 e 13 anos. Desenvolverase na biblioteca o luns de 6 a 7 e media da tarde. Para participar é necesario ser socio/a da biblioteca e inscribirse previamente, de forma presencial ou chamando por teléfono (986337624). As prazas son reducidas e cóbrense por orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no Porriño.

Aprazada a actuación de “Lembranzas Moañesas”

ÚLTIMA HORA: Aprazada a actuación de ‘Lembranzas Moañesas’ prevista para as 20:00 h. deste venres na raza de Antonio Palacios

A actuación de ‘Lembranzas Moañesas’, prevista para este venres , día 26, ´s 8 e media da tarde na Praza Antonio Palacios, ven de aprazarse por mor do mal tempo. Nuns días comunicarase en que data o grupo estará de novo no Porriño

Estrea mundial de “A historia dun satélite”

Logo do desfile dos chimpíns, O Porriño acolle este xoves a estrea mundial de ‘A historia dun satélite’, longametraxe das ‘Also Sisters’

O Porriño viviu este xoves o intre máis recoñecíbel e celebrado do Festival de Cans: o paseo das ‘estrelas’ nos chimpins, polo centro do concello ata chegar á alfombra vermella, situada no Círculo Recreativo e Cultural no que , logo das presentacións e dos agradecementos dos organizadores, chega un dos grandes fitos do certame.

Neste caso é a estrea mundial de “A historia dun satélite”, unha longametraxe dirixida polas ‘Also Sisters’, as irmás Sonia e Miriam Albert-Sobrino, producido pola Universidade de Utah, na que están dando clases.

Os e as protagonistas da cinta, Alfonso Míguez, Bárbara Grandío, Jaime Faraldo, Mariana Fernández, Susana Sampedro, Tacho González, Kevin Stwart ou Patxi Bisquert.

O Concello dispón todo o necesario para o Festival de Cans

O Concello dispón todo o necesario para que a parroquia e os veciños e visitantes de Cans gocen do festival

Tal e como adiantara a alcaldesa, Eva García de la Torre, na xuntanza que mantivo cos representantes da Asociación de Veciños, o torreiro de Cans ten un novo banco, de madeira.

O concelleiro de Seguridade, Limpeza e Parques e Xardíns, Orlando Márquez, supervisou a colocación deste banco ao que o Concello destinou un orzamento de preto duns 6.000€, e que está a dispor das persoas que asisten, dende este mércores ao Festival de Cine de Cans.

O Concello tamén dispuxo os case 400 valos na estrada que leva á parroquia dende o centro da vila, e que teñen coma obxectivo garantir a seguridade da circulación e a Concellería de Limpeza situou colectores de lixo extra na zona do torreiro, no espazo do río e na nova zona dos nenos

Hai unha semana, a Concellería de Seguridade xa retirara o enreixado que rodeaba o aparcadoiro situado preto da Rotonda do Can, quitando a malla e os postes e substituíndo os mesmos por un ‘peche’ de árbores e persoal da Concellería de Limpeza acondicionara a zona central de Cans, na entrada da Adroza e a beira do Bar Fortes; tamén rozará de silveiras e herbas os camiños por onde transitará o público, a zona da Casa da Mestra, o acceso ao ‘jalpón friki’, o Camiño do cemiterio, Camiño do cruceiro ata o Castillo e o Parque do Río e retirara o ciscallo de baixada ao río.