A Deputación de Pontevedra organiza para este luns, ás 11 e media da mañá, no salón de actos do Centro Cultural do Porriño a segunda das actividades socioculturais previstas para este ano e dirixidas ás persoas usuarias do servizo de Teleasistencia Domiciliaria.

Nesta ocasión, a Deputación preparou unha charla informativa titulada “Maior Seguridade” dirixida a  máis de 40 persoas dos concellos de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

“Maior Seguridade” será impartida por persoal especializado da Garda Civil que explicará ás persoas asistentes cuestións relacionadas coa prevención de actos de delincuencia enfocados á terceira idade, proporcionando técnicas tanto para detectalos como para reaccionar fronte a eles dentro e fóra do domicilio.

Na actualidade, o servizo de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 523 persoas de 45 concellos da provincia. Esta iniciativa permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.

Ao longo do 2017 atendéronse un total de 4.735 alarmas (cun tempo medio de atención de 10,6 segundos e de resolución de incidencias de 1 minuto e 28 segundos) desde os terminais. Por número de chamadas destacan as persoas usuarias dos concellos de Tomiño, con 358; O Porriño, con 327; Mos, con 299; O Grove, con 258 e Sanxenxo, con 232 chamadas.