O pavillón municipal do Porriño acolleu hoxe a conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que, como cada ano, organiza Aceesca para reclamar a implicación de toda a sociedade para a plena inclusión das persoas con diversidade.

Como sempre, contaron coa participación e respaldo do Concello do Porriño, da comunidade escolar e de outras entidades e centros de día como Afaga Alzheimer ou o Centro de Día de Torneiros.

Laura, en representación do grupo de autoxestores de Aceesca “Os dez do Porriño” , foi a encargada de ler o manifesto que abriu o acto.

Un acto co que, tal e como relatou, “queremos celebrar a nosa fortaleza e exercer os nosos dereitos” e “berrar ben alto que as persoas con discapacidade queremos formar parte da sociedade dunha forma activa, queremos que se teñan en conta as nosas opinións e ser os protagonistas das nosas vidas”.

Laura lembrou que as persoas con diversidade teñen dereito a ter un traballo, contar cos apoios que necesitan para poder desempeñalo e que sexa nas mesmas condicións que o resto das persoas. Reivindicou tamén unha accesibilidade universal tanto física como cognitiva.

“Pensamos que unha sociedade diversa é moito máis rica, pero aínda existen moitas barreiras e queremos poder derribalas. Axudádesnos?”, concluíu, “Por iso precisamos unha educación máis inclusiva, unha atención sanitaria competente, apoio das administración con servizos e recursos que respondan ás nosas necesidades, máis investigación, máis aposta polo emprego para as persoas con discapacidade, máis apoio e comprensión de toda a sociedade. Queremos unha sociedade unida e onde non se discrimine a ninguén”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que ninguén mellor que eles “para trasladarnos ao resto da sociedade as súas necesidades e as súas propostas para conseguir algo que é de xustiza: un mundo que non deixe a ninguén atrás”. “Moitas veces non somos conscientes das barreiras coas que vos atopades cada día, esas que moitas veces vos impiden tamén cumprir os vosos soños”, díxolles o rexedor, “Por iso quero darvos as grazas, grazas aos Dez de Aceesca polo traballo que facedes e grazas a todas e todos os que hoxe estades aquí para facer deste un mundo mellor. Pola miña parte, como alcalde e como o voso veciño e amigo, tomo nota de todas elas e prometo, de corazón, facer o que estea na miña man para axudar a que se fagan realidade”.

Lorenzo rematou anunciando que, como o ano pasado, serán os usuarios e usuarias de Aceesca os encargados de iluminar o Nadal do Porriño, protagonizando o encendido navideño.

A xornada continuou co desfile de paraugas que deseñaron os centros participantes para visibilizar o importante que é poder vivir nunha sociedade diversa e plural na que todas e todos teñamos os mesmos dereitos e oportunidades e concluíu co gran flashmob no que participaron todos os asistentes.