A Policía Local formulou 100 denuncias en catro horas, por non facer uso das máscaras de protección

Un total de 100 denuncias por non facer uso das máscaras de protección formularon axentes da Policía Local do Porriño mediante un operativo de catro horas despregado onte á tarde, en todas as entradas e saídas por estrada do termo municipal.

No transcurso do operativo, realizado entre as catro e as oito da tarde, os axentes pararon e revisaron vehículos particulares, camións, furgonetas de reparto e ata autobuses de transporte de viaxeiros e de liñas regulares.

A falla máis habitual foi que varias persoas compartían vehículo sen facer uso das máscaras sen ser familiares ou conviventes.

Cada denuncia da lugar a unha sanción económica de 100 euros por persoa que tramitará a autoridade competente.

Durante as semanas anteriores, a Policia Local do Porriño estivo realizando unha labor “pedagóxica” avisando aos cidadáns da obrigatoriedade do uso das máscaras.

A Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure volve a instar á veciñanza a que “sexan conscientes da gravidade da situación e que o uso obrigatorio das máscaras de protección e observar as medidas de distancia, é polo ben de todos”, segundo manifestou a tenente de alcalde. 

Elévanse os casos de emerxencia social: o Concello repartiu esta semana alimentos entre 500 familias necesitadas

Esta semana rematou o reparto do mes de xullo do Banco de Alimentos “SÓS Porriño”. David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais explicou que como consecuencia da crise económica que propiciou a pandemia sanitaria, “actualmente temos que atender e repartir alimentos entre máis xente. Pasamos de 175 familias a primeiros de ano, a 300 e agora mesmo xa son 500 familias do Porriño, as demandantes desta axuda”.

O concelleiro indicou que segundo as novas estimacións do departamento de Servizos Sociais que dirixe, “son da orde de entre 1.200/ 1.300 persoas, entre adultos e menores, as que dependen das entregas de SÓS Porriño para manter unha alimentación axeitada”.

Como consecuencia desta situación de emerxencia social que está a atender o Concello “no mes de agosto haberá tamén un reparto de alimentos” segundo indicou David Alonso que volveu agradecer ás empresas de alimentación e elaboración do Porriño e contorna as súas doazóns e colaboración.

 

A Alcaldesa falou coa familia afectada polo brote e ponse a súa disposición polo que poidan necesitar

Eva García de la Torre falou coa familia do Porriño afectada polo brote de coronavirus e trasladoulle o apoio do Concello. A alcaldesa púxose á disposición da familia polo que puidera necesitar e na medida que a administración municipal fora quen de colaborar.


A través dunha conversa telefónica coa nai do mozo primeiramente infectado, a alcaldesa interesouse polo estado de todos eles. Segundo lle trasladaron, cursan illados nos seus domicilios. O seu seguimento realizase a través do Centro de Saúde , polo persoal de Atención Primaria.



A alcaldesa do Porriño aproveitou para facer un chamamento público a toda a veciñanza para que “cumpra co uso obrigatorio da máscara, coas distancias sociais e demais protocolos anti-Covid vixentes na nosa comunidade”. Eva García exhortou, “de xeito especial á mocidade para que eles sexan conscientes de que son un vector de contaxio e polo tanto tamén de risco e ás probas me remito”, rematou a alcaldesa.

 

Sanidade confirma ao Concello a existencia dun brote de Covid-19 con 6 positivos

A Consellería de Sanidade informou esta mañá ao Concello do Porriño da existencia dun brote de Covid-19 con media ducía de positivos. Dende a Consellería comunicaron telefónicamente coa alcaldesa Eva García á que informaron que o brote está localizado no centro da vila.

Pola información recibida polo Concello, sábese que o primeiro contaxíado foi un mozo que transmitiu a patoloxía a súa noiva e a familiares cercanos de ambos. Todos eles están illados nos seus domicilios e realízase o seu seguemento a través do Centro de Saúde, polos médicos de Atención Primaria.

A Consellería informou á alcaldesa que os rastrexadores epidemiolóxicos seguen a investigar se houbo máis contaxios e realizaron unha serie de probas “PCR”.

Os resultados agardanse coñecer hoxe para determinar se o radio de contaxios foi máis amplio.  

O Concello resolverá mediante concertación directa a venda dunha parcela no PPI 6 en Budiño por 338.000 €

A Comisión Municipal de Urbanismo tratará este mércores da resolución, mediante concertación directa, da venda dunha parcela de chan industrial urbanizable no PPI 6 de Budiño, valorada en 338.000 €.  O térreno, de uso industrial, ten 5.110 metros cadrados

Despois de que o anterior procedemento de concurso público celebrado quedase deserto, agora apareceu un comprador interesado o que motiva a resolución da venda por concertación directa. Esa resolución terá que ser aprobada polo pleno da Corporación Local do Porriño.

O asunto será informado previamente na Comisión Municipal de Urbanismo coa exposición de motivos que fará Pedro Pereira, concelleiro responsable do patrimonio municipal.

Novo reparto do Banco de Alimentos “SOS Porriño” entre as familias máis necesitadas

 
 
Membros da agrupación de Protección Civil do Porriño e voluntarios que colaboran co Banco de Alimentos iniciaron hoxe un novo reparto de produtos.
 
 
“Son ó redor de 5 toneladas de alimentos non perecedoiros para atender a unhas 300 familias, é dicir, aproximadamente a un milleiro de persoas entre menores e adultos que se atopan nunha situación de emerxencia”, segundo explicou David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.
 
O reparto durará tres dias e abrangue todo o termo municipal.
 

O mércores realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda sur das Gándaras


O Concello do Porriño informa que este mércores día 22 realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda das Gándaras que afectará ao tráfico rodado do acceso sur aos polígonos industriais de As Gándaras e A Granxa.

A empresa “ENDENOR, Construcción, Mantenimiento y Servicios”, adxudicataria da contrata, informou ao Concello que a duración dos traballos será dun día, de xeito que o xoves 23, recuperarase á normalidade, se non xurde algún imprevisto.

Os traballos a realizar son o levantado e novo asfaltado da rotonda sur das Gándaras sita a continuación da saída 21 da Autovía A-55 en dirección Tui, polo que cumpre cortar o tráfico rodado. Mentres duren as obras, a circulación de vehículos cara ao sur do Polígono das Gándaras, se realizará pola saída anterior, número 18.

Tamén o acceso dende a rotonda sur do polígono de A Granxa, queda cortado namentres se realizan estes traballos, desviándose a circulación entre o sur dos polígonos á altura da saída 18 da A-55, dirección Tui.

O Concello do Porriño agradece a colaboración dos condutores e usuarios.

O Concello lembra que a Piscina Municipal,está aberta dende hai unha semana e funciona segundo os protocolos anti-Covid



A Concellería de Deportes do Concello do Porriño lembra que dende hai unha semana está aberta a Piscina Municipal baixo unas estritas pautas de prevención do Covid-19.

O emprego da máscara é obrigatorio en todo momento, agás dentro da piscina.

A solicitude de cita previa é un requisito imprescindible. Debe solicitarse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través do número 986 34 44 20 ou por correo electrónico no enderezo: piscinaporrino.eulen@gmail.com

O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas.

O horario de apertura da Piscina Municipal do Porriño será:
de luns a venres, de 7 da mañá a 14 horas; e de 16 h. a 23 horas. Os sábados, de a 14 h. e de 17 a 20,30 h. E domingos, tan só en quenda matinal, de 10 a 14 horas.

Os responsables da instalación municipal advirten que non se permitirá o acceso a persoas con síntomas compatibles co “Covid-19”: tose, febre ou dificultade para respirar.

A Xunta de Voceiros estudará se é posible algunha compensación ás canteiras polo estado de alarma


A Xunta de Voceiros Municipais convocada para o vindeiro venres 17, ás 12 horas, tratará a petición dunha posible devolución de parte do canon que canteiras radicadas no Porriño aboan anualmente ao Concello. A petición basease na paralización forzosa –entre as canteiras que aínda están activas- durante os tres meses que durou o estado de alarma polo “Covid-19”.

O primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira como concelleiro responsable do Patrimonio Municipal, levará a proposta á consideración dos voceiros dos restantes grupos da corporación para determinar se procede algunha compensación. Ata este intre, catro canteiras solicitaron formalmente ao Concello a devolución de parte do canon anual que pagan.


Precisamente outro asunto que tratará a Xunta de Voceiros, a proposta de Pereira, vai ser o establecemento dun Prego Xeral para as Canteiras, como ferramenta para ordenar a relación deste sector co Concello do Porriño.

Son dous dos seis asuntos que forman a orde do día da reunión da xunta de voceiros municipais que tamén, tratará en qué situación atópase a Comisión de Deslinde con Mos cúa actividade que retomaron ambos concellos, paralizouse co estado de alarma