A alcaldesa de O Porriño, Eva García considera que a situación sanitaria do Porriño polo número de infectados por Covid “é verdadeiramente preocupante“, segundo valorou despois de recibir este mediodía datos concretos sobre a incidencia actual da pandemia no concello. O número de persoas infectadas ata onte é de 46 das que 19 son contaxios acaecidos entre o luns (12) e martes (7).

O Porriño permanece dende hai catro días no grupo de concellos en alerta vermella polo número de contaxios en relación coa a súa poboación.

A alcaldesa explicou que o Concello “adoptou medidas a maiores porque sabemos que hai sitios onde a xente non garda a distancia de seguridade. Foi a razón pola que pechamos os parques infantís; non `polos nenos senón polos maiores; ou a razón pola que ordenamos que as competicións deportivas sexan a porta pechada”.

Eva García engadiu que “sei que ás veces é difícil de aceptar esas medidas pero eu como responsable do que ocorra no concello do Porriño teño que tomar esas decisións para velar pola saúde de todos“.