O Porriño e os doce restantes concellos que forman o Grupo de Desenvolvemento Rural “Eu Rural” publicaremos mañá 25N, nas redes sociais de cada municipio, un vídeo documental titulado ‘Deixar o pasado atrás’, que recolle os testemuños de superación das participantes nun obradoiro celebrado en Tomiño o pasado ano.

O vídeo documental que se estreará coa ocasión do Día INternacional contra a violencia de xénero, de forma simultánea nas RRSS de todos os concellos que integramos o territorio do GDR. 

Con esta acción, A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui queren sumarse de forma activa á loita contra todo tipo de violencia. O traballo conxunto que os concellos desenvolven en outros eidos como o desenvolvemento económico ou o turismo trasládase así tamén á loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.

A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos e contra calquera tipo de agresión física, verbal ou psicolóxica.

O documental, de seis minutos de duración, resume o acontecido na primeira edición do curso de autoestima e empoderamento feminino organizado por Eu Rural o ano pasado en Tomiño, no que xorden diferentes historias de superación entre as participantes, todas cun denominador común: deixar o pasado atrás e mirar cara o futuro con forza.