Un Nadal sobre xeo: O Porriño contará cunha pista de patinaxe

O Porriño prepárase para vivir unhas festas de Nadal inesquecibles cunha nova atracción estrela: unha pista de patinaxe sobre xeo ecolóxico, pensada especialmente para que os máis pequenos e as súas familias gocen da maxia do Nadal no centro da vila.

Cunhas dimensións de 160 metros cadrados (16 metros de longo por 10 de ancho) e capacidade para 40 persoas simultaneamente, a pista instalarase no aparcamento público da rúa Antonio Palacios. Para garantir a diversión calquera día, estará cuberta por unha carpa, permitindo o seu uso mesmo en días de choiva. E o mellor de todo: o acceso será completamente gratuíto.

Está previsto que a pista de patinaxe abra as súas portas do 7 de decembro ata o 8 de xaneiro, converténdose nun lugar imprescindible para gozar destas datas. O horario xeral será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, aínda que en días sinalados como o 7, 24, 25 e 31 de decembro, e o 1 e 5 de xaneiro, estableceranse horarios especiais que se comunicarán proximamente.

A instalación conta con tecnoloxía de xeo ecolóxico, unha solución respectuosa co medio ambiente que permite gozar desta actividade tradicional do Nadal de maneira sustentable.

Esta iniciativa forma parte dun completo programa do Nadal que o Concello está a ultimar e que comezará hoxe co tradicional aceso da iluminación do Nadal, nun acto cheo de emotividade a cargo dos usuarios e usuarias de Aceesca.

“Queremos encher O Porriño de ilusión e ledicia este Nadal, creando espazos de encontro para as familias e actividades que nos fagan gozar xuntos destas datas tan especiais”, sinalou o alcalde, Alejandro Lorenzo, convidando a todo o mundo a visitar a vila “para gozar dun Nadal inesquecible”.

A piques de rematar as obras de saneamento da Levada, en Mosende

O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Vías e Obras, está a punto de finalizar as obras de saneamento da Levada, na parroquia de Mosende. Este proyecto, que beneficiará a un total de cinco vivendas, executouse cunha inversión superior aos 47.300 euros, financiados a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

As obras consistiron na instalación dun colector de saneamento con tuberías de PVC compacto de 250 mm de diámetro, que recolle as augas fecais das vivendas ata a súa conexión coa rede existente na estrada provincial. No tocante ás augas pluviais, ao tratarse dun ámbito rural sen beirarrúas, as augas das choivas canalizábanse a través das cunetas. Con todo, o proxecto tamén contemplou a construción de novas beirarrúas que resolverán este problema, mellorando así a recollida e drenaxe de pluviais. Asemade, deuse saída a unha fonte, completando as melloras realizadas na contorna.

O Porriño incremente a súa achega directa a Aceesca

O Concello do Porriño materializa o seu compromiso coa inclusión social ao duplicar o apoio económico a ACEESCA, alcanzando un total de 30.000 euros neste ano. Este respaldo, o maior que se prestou a esta entidade social, formalízase a través de dous convenios de colaboración que reforzan a atención integral que ofrece a entidade nas súas distintas áreas: atención temperá, educación, centro de día, talleres ocupacionais e fomento do emprego.

A administración local mantén a súa achega de 9.800 euros a ACEESCA e duplica o investimento no seu programa de emprego LUME, que agora ascende a 20.000 euros. Este esforzo económico destínase a apoiar as diversas actividades que realiza a asociación, cuxo traballo é fundamental para a integración e o desenvolvemento de persoas con discapacidade intelectual no Porriño e na contorna.

A colaboración do Concello con ACEESCA vai máis aló das axudas económicas. O concello implicouse activamente en proxectos como a Cafetería Lume, un innovador programa de formación dual ao que contribuíu coa cesión de instalacións, así como no centro de FP Dual e na inclusión de ACEESCA nas actividades das áreas de Política Social e Benestar Social, así como nas educativas.

Ademais, brindouse respaldo á construción da nova residencia inclusiva que ampliará as oportunidades de atención e apoio ás persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o labor diario de ACEESCA, subliñando o seu compromiso coa inclusión e o benestar social. “O traballo que realizan é inconmesurable, loitan desde hai décadas por un Porriño máis inclusivo e empático. Cambian moitas vidas e cámbianas a mellor, e iso é algo que o Concello sempre ten que respaldar”.

Cunha traxectoria de máis de 40 anos, ACEESCA consolidouse como un referente na inserción laboral e social de persoas con discapacidade no Porriño, ofrecendo programas e servizos que promoven a súa autonomía e desenvolvemento persoal.

A súa marca de emprego, Aceesca Emprego, naceu no ano 2006 co seu centro especial de emprego, para xerar oportunidades laborais ás persoas con discapacidade intelectual, ante a dificultade que encontran para conseguir postos de traballo na empresa ordinaria. Comezou cunha actividade de xardinería e a día de hoxe coa imaxe renovada de LUME aglutina a 63 traballadores. Prestando servizos de deseño e mantemento de xaardíns, producción de plantas ou limpeza, ademais da formación profesional en xardinería, limpeza, hostalería ou administración.

Os nenos e nenas de Atios estrean parque infantil

Os nenos e nenas de Atios xa dispoñen dun novo parque infantil no Outeiro, no barrio dos Galegos, que ata o de agora carecía dun espazo deste tipo. Este novo parque responde á necesidade de crear e mellorar as zonas públicas de xogos para a cativada no Porriño, unha liña de traballo que se intensificou no último ano co obxectivo de ofrecer ás familias novos espacios de lecer.

O novo parque, que requeriu unha inversión superior aos 30.000 euros, financiouse nun 70% con fondos autonómicos e está deseñado apra garantir a seguridade e diversión dos máis pequenos. A instalación realizouse sobre un firme de formigón, cuberto con céspede artificial antiestático que proporciona a amortiguación necesaria para que a cativada poida xogar con total tranquilidade. Os elementos de xogo inclúen columpios, un balancín, un tobogán de 1,5 m de altura e unha mesa de xogos.

Ademais da zona infantil, o recinto tamén alberga un parque biosaudable para adultos, con diversos elementos para promover a actividade física na poboación maior. Toda a área esta pechada perimetralmente, asegurando unha contorna segura para que os pequenos xoguen con tranquilidade.

O Pleno Infantil reivindica “para cada infancia os seus dereitos”

A corporación infantil do Concello do Porriño reuniuse esta mañá para celebrar a súa sesión plenaria anual cumprindo co compromiso adquirido da administración local de conmemorar cada ano o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, presidiu o pleno acompañado polas concelleiras de Educación e Infancia, Carolina González e Rosa Isabel ALonso. A corporación completábana representantes dos nove centros educativos de primaria e secundaria do municipio e de ACEESCA.

Os portavoces de cada uns dos centros tiveron a oportunidade de transmitirlle de primeira man, tanto ao alcalde coma ao resto de concelleiros e concelleiras, o resultado do traballo feito cos seus compañeiros e compañeiras nas aulas e defender as súas propostas para que O Porriño sexa un concello máis implicado na loita polos dereitos da infancia. Baixo o lema deste ano “Para cada infancia, todos os dereitos!” puxeron o foco na participación dos nenos e nenas na sociedade, na consecución dun planeta habitable e na paz.

No eido más local, propuxéronse cuestións como unha nova piscina pública, a necesidade de habilitar parques libres de fumo, a eliminación de barreiras arquitectónicas ou o transporte público.

Outro dos puntos da orde do día era a convocatoria dunha nova edición da campaña de recollida de alimentos infantís e productos de hixiene A Hora de Dar que axudarán a moitas familias do Porriño que o necesitan. A proposta foi aprobada por unanimade e desenvolverase o vindeiro 28 de novembro nos centros escolares.

Aberto o prazo de solicitude para o Campamento de Nadal 2024

O Concello de Porriño abre este martes 26 de novembro o prazo de inscrición para o seu Campamento de Nadal, un programa de lecer e tempo libre dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Esta actividade desenvolverase en varias datas do período vacacional escolar, e está deseñada para fomentar o desenvolvemento integral dos menores a través de xogos, talleres, dinámicas de grupo e actividades deportivas.

O obxectivo principal do campamento é ofrecer un espazo lúdico e educativo que favoreza a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio, proporcionando aos nenos e nenas unha contorna segura, de diversión e aprendizaxe durante as vacacións.

Ademais, será unha oportunidade para que os nenos e nenas desenvolvan a súa sociabilidade e gocen dun ambiente de encontro e relación cos seus compañeiros.

O campamento desenvolverase os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2024 e 2, 3 e 7 de xaneiro de 2025.

As actividades levaranse a cabo en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 h. Ademais, ofrecerase a opción de aula matinal, con entrada a partir das 8:30 h e recollida ás 14:30 h, para facilitar a conciliación das familias.

A actividade é completamente gratuíta e requírese inscrición previa, tendo preferencia os nenos e nenas do Porriño. O prazo para inscribirse será do 26 de novembro ás 8:59 h ata o 2 de decembro ás 8:59 h. As inscricións poden formalizarse de maneira presencial no rexistro municipal ou a través da sede electrónica do Concello do Porriño.

Andaina solidaria FORZA VALENCIA, AMUNT!

O Concello de Porriño organiza dunha marcha solidaria baixo o lema “Forza Valencia, amunt”, que terá lugar o vindeiro domingo 17 de novembro. Esta iniciativa ten como obxectivo axudar ás persoas afectadas pola DANA que asolou a rexión de Valencia. A marcha, que é apta para todas as idades, percorrerá 4 km polo centro urbano e o paseo do Louro, con saída desde a praza Arquitecto Antonio Palacios ás 16:30 h. Terá unha duración de aproximadamente unha hora.

Para participar, só é necesario inscribirse e realizar un donativo a partir de 5 euros, que se destinará a través de Som Solidaritat para axudar a quen máis o necesitan nesta difícil situación.

Podes facelo na facendo click na seguinte imaxe: 

Arrancan as obras de construción dun novo gran parque no corazón do Porriño

O Concello do Porriño inicia hoxe un ambicioso proxecto de transformación urbana co comezo das obras para a creación dun novo espazo público entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII. Estes traballos, que inclúen a humanización da Rúa Pío XII, representan a primeira fase da construción dun gran espazo libre de lecer destinado a revitalizar o centro urbano e promover un urbanismo máis amable e accesible.

O obxectivo principal deste proxecto é dar uso á mazá interior delimitada polas rúas Antonio Palacios, Avenida Domingo Bueno e Rúa Pío XII.

O novo deseño prevé a creación dun parque completamente aberto, onde os distintos usos e espazos estean interconectados. Incluiranse áreas de lecer, descanso, reunión e convivencia, con bancadas integradas e bancos, incrementarase a vexetación e crearanse zonas de sombra que fomenten o uso da área.  

Ademais, melloraranse as características de acabado e circulación da Rúa Pío XII utilizando pavimento pétreo que continúe coa estética do parque. A actuación nesta rúa incluirá a renovación de todas as redes de servizo como abastecemento, saneamento, gas ou iluminación pública.

Unha das metas máis relevantes deste proxecto é recuperar a rúa como un lugar de socialización, garantindo a seguridade de peóns e ciclistas. Para iso, a Rúa Pío XII integrarase plenamente no parque, favorecendo a comunicación peonil co centro da vila e mellorando unha área que actualmente presenta malas condicións.

Entre as distintas zonas que se proxectan, destaca un parque infantil, que se redeseñará cunha xeometría circular en diálogo co resto da estética. Incorporaranse elementos de xogo en harmonía coa arboleda existente, creando unha contorna segura e atractiva para os máis pequenos.

“Este proxecto non só transformará a paisaxe urbana, senón que tamén creará un espazo inclusivo e dinámico, onde os cidadáns poidan gozar dunha contorna máis saudable e socialmente activa. Estou seguro que se converterá nun punto de encontro para toda a veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O rexedor explicou que “as obras desenvolveranse buscando o menor perxuízo posible, sobre todo tendo en conta que coincide coas datas de Nadal, polo que estableceremos alternativas de circulación para que o noso comercio non se vexa afectado”.

Lorenzo concluíu explicando que as xestións para a segunda fase o proxecto están moi avanzadas. “Estamos ultimando a adquisición dos terreos necesarios para executar estas obras e aproveito para reiterar o meu agradecemento aos propietarios pola súa disposición á facilitar ao Concello que este gran parque sexa pronto unha realidade”.

Arranca o obradoiro “O Noso Encontro co Emprego” no que 16 mozos formaranse mentres traballan

O Porriño acolleu hoxe a presentación do Obradoiro de Emprego “O Noso Encontro co Emprego”, un innovador programa de formación e emprego dirixido a mozos menores de 30 anos. O evento, que tivo lugar nas instalacións de Porremprego, contou coa participación do alcalde de Porriño, Alejandro Lorenzo e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, que estiveron acompañados polo director territorial de Emprego, José Antonio Rodríguez e a directora do Obradoiro, Begoña Echegaray.

Este novo programa, que require un investimento total de máis de 480.000 euros, financiarase principalmente a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, con 439.000 euros, aos que se suma unha achega municipal de 45.000 euros. Un total de 16 alumnos-traballadores beneficiaranse desta formación, divididos en dúas especialidades: albalenería urbanización e carpintería, con oito participantes en cada unha.

Os alumnos de carpintería poñerán en práctica os seus coñecementos reparando tres pasarelas no Paseo do Louro, mellorando así a accesibilidade na senda peonil que bordea o río. En canto aos futuros albaneis, encargaranse dos labores de urbanización e pintura na rúa Paralela 3 do Polígono Industrial da Granxa, onde se executarán novas beirarrúas.

O programa “O Noso Encontro co Emprego” terá unha duración de doce meses e “representa unha valiosa oportunidade para que os mozos se formen e adquiran experiencia en profesións altamente demandadas no mercado laboral, aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral”, tal e como trasmitiu o alcalde Alejandro Lorenzo, quen  instou aos novos traballadores a “aproveitar ao máximo esta experiencia”, subliñando a importancia do servizo público que brindarán a todo o pobo.

Pola súa banda, a delegada Ana Ortiz, incidiu en que están “ante unha ocasión magnífica para abrir unha ventá ao mercado de traballo, xa que tanto a sociedade como as empresas necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”.  

O acto de presentación celebrouse dun xeito especial, xa que os alumnos doutro obradoiro de emprego do Porriño, centrado na especialidade de cociña, ofreceron un almorzo, dando a benvida aos novos compañeiros e demostrando, unha vez máis, a súa preparación e habilidades adquiridas tras un ano de formación.

Con esta iniciativa, desde o Concello do Porriño continúan reafirmando o seu compromiso coa creación de emprego e a formación da súa mocidade, sentando as bases para un futuro laboral máis prometedor para todos eles.