Edgar Costas galardoado co IV Premio Roberto Vidal Bolaño, entregado no Porriño


Edgar Costas Sanmartín recibiu o IV Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, instituído polo Concello do Porriño e organizado polo IES “Ribeira do Louro” e por Editorial Galaxia. O acto de entrega do galardón desenvolveuse no salón de actos do instituto porriñés.
A obra do autor galardoado titulase “Casa de feras”, segundo o fallo ao que deu lectura a profesora Raquel Castro, secretaria permanente do xurado. Francisco Castro, director xeral de “Editorial Galaxia” entregou o galardón e o diploma acreditativo.


O premio está dotado con 2.000 euros, que constituen a achega do Concello do Porriño, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría. Ademais, “Editorial Galaxia” comprometese a edición e publicación da obra gañadora.
O Premio Roberto Vidal Bolaño naceu coa finalidade de crear un fondos de textos teatrais en galego, susceptibles de ser representados polo alumnado de ensino secundario.

Un zafarrancho de reparacións comezou hoxe pola praza do Concello e a rúa peonil

Esta mañá operarios do Servizo de Vías e Obras do Concello iniciaron un zafarrancho de reparacións de beirarrúas que se estenderá ao longo das vindeiras semanas polo centro urbano, parroquias e polígonos industriais.
Comezaron co arranxo e reposición de baldosas de pedra na praza Arquitecto Antonio Palacios e na rúa peonil. “Demos preferencia á contorna do Concello pola maior afluencia de peóns que está a notarse co incremento dos peregrinos e visitantes” subliñou a alcaldesa Eva García.

Indicou que “de seguido continuarán co zafarrancho por outras rúas do centro urbano e despois pasarán a reparar beirarrúas en parroquias e nos polígonos industriais, nomeadamente, na Granxa onde hai moitas deterioradas”, engadiu a alcaldesa.
Estes traballos realízanse grazas á incorporación de novos traballadores ao Servizo Municipal de Vías e Obras, contratados por seis meses, a través da achega do Plan Concellos 2021 da Deputación.

 

O goberno municipal levará ao pleno o regulamento de tele traballo para os empregados do Concello

O goberno municipal porriñés levará para a súa aprobación plenaria na vindeira sesión da corporación, o regulamento de tele traballo con Concello. O texto da proposta será trasladado mañá mércores aos demais grupos políticos da corporación na comisión municipal de Economía, Facenda e Persoal que deberá ditaminar o asunto para o pleno do vindeiro mércores 30 de xuño.

O regulamento para a prestación en réxime de tele traballo no Concello do Porriño aprobouse por unanimidade de todos os sindicatos despois das negociacións mantidas con Lourdes Moure, concelleira socialista, responsable de Persoal e Facenda.

Como principais criterios, o regulamento establece que non todos os servizos municipais serán susceptibles de tele traballar; nos que sexa posible deberá limitarse ao 50% dos empregados; e finalmente, establece que non se poderá superar un máximo de 2 días de tele traballo por semana.

Se a proposta que se leva a pleno acada o respaldo da maioría da corporación, o regulamento de tele traballo para os empregados municipais do Porriño entraría en vigor a partir do 15 de setembro.

Por outra banda, esta semana haberá outras comisións informativas previas ao vindeiro pleno. O mércores tamén convocouse comisión de Parques e Limpeza. E o xoves haberá comisións de Urbanismo e de Contas.

Deixamos ligazón cos “pdf” das comisións convocadas para o mércores.

Comisión de Economia

Comisión Limpeza Viaria

Un bando da Alcaldía lembra aos particulares a obrigatoriedade de solicitar autorización ao Concello para facer, nas súas fincas, fogueiras de San Xoán

O Concello do Porriño informa de que hai un prazo ata as 00:00 horas do mércores 23 para que os particulares interesados ​​en facer fogueiras nas súas fincas, na véspera de San Xoán, presenten as súas correspondentes solicitudes para acadar autorización municipal.
Un bando da Alcaldía lembra as obrigas que deberán observar os solicitantes no que atinxe á montaxe, materiais e localización das fogueiras nos terreos de propiedade privada onde van facerse. Tamén o bando subliña que os solicitantes deben cumprir as normas de prevención contra Covid en propiedades privadas, como a distancia social e o uso dunha máscara, e que se respecte o número de 15 persoas reunidas ao aire libre e 6 se están en interiores.

Deixamos ligazón co texto do Bando en “pdf”

20210618_Publicación_Bando_BANDO 2021

 

 

O Balonmán Porriño xogase hoxe o pase ás semifinais do Campionato de España cadete masculino

 
Ás 20,30 horas, no Pavillón 1, o equipo cadete masculino do Balonmán Porriño Conservas Orbe, xogase hoxe o pase a semifinais do Campionato de España contra o conxunto valisoletano CB Delicias Play 360.
Una vitoria, incluso un empate dos porriñeses garante que pasen ronda. Ata de agora, o Balonmán Porriño gañou o seu primeiro encontro fronte ao Grupo IMQ Gijón e onte perderon contra o Barcelona, por 23-44.
 
O equipo blaugrana acreditou a súa condición de máximo favorito para facerse co título deste Campionato que está a celebrarse na nosa vila coa participación dos mellores equipos españois, agás o Granollers que non puido viaxar por un gromo da Covid que afectou a media plantilla.
 
No que atinxe ao equipo cadete feminino do Balonmán Porriño que tamén está a xogar polo Campionato de España en Elche, xa non ten posibilidades de pasar ronda debido a que sufriu a segunda derrota no seu cadro. Aínda así, fixeron unha tempada extraordinaria coroada coa clasificación para esta fase final.

Recepción da alcaldesa aos 7 equipos participantes na fase final do Campionato de España de balonmán cadete masculino

A alcaldesa Eva Garcia ofreceu esta mañá unha recepción aos equipos participantes na fase final do Campionato de España de balonmán cadete masculino que está a celebrarse no Porriño dende onte. Acudiron delegacións dos sete equipos: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba, Grupo IMQ Gijón, CBM Delicias Play 360 Valladolid, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño Conservas Orbe.

O acto celebrouse no salón de plenos do Concello. Os capitáns dos sete equipos, ocuparon cadeiras onde habitualmente séntanse os concelleiros. Acompañaron á alcaldesa, José Carlos de Castro, delegado da Federación de Balonmán, e Lucía Freiría, directiva do Balonmán Porriño.

Eva García felicitou aos sete equipos por chegar a esta fase final e tivo un recordo agarimoso para o Granollers que debido a un gromo de coronavirus con varios xogadores contaxiados non puido viaxar ao Porriño.

A alcaldesa subliñou a condición de “gran favorito do Barcelona para levarse este Campionato pero agardo que os do Balonmán Porriño vos dean moita, moita guerra”, dixo Eva García.

Como remate da recepción, a alcaldesa entregou aos delegados e delegadas dos sete equipos, unha caixa conmemorativa cunha bola de pan do Porriño e un libro sobre a obra do noso arquitecto, Antonio Palacios.

A fase final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino comeza este mércores no Porriño


Finalmente serán sete os equipos que participen a partir deste mércores 16, na fase final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino que se celebrará ata o domingo no Polideportivo Municipal do Porriño. Lamentablemente un gromo de coronavirus con media ducia de xogadores contaxiados impediu que o Balonmán Granollers poida participar, e de feito xa renunciaron a viaxar.
Os sete equipos participantes nesta fase final da que sairá o campión de España cadete masculino serán: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba Balonmano, Grupo IMQ, CBM Delicias Play 360, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño.
O vindeiro xoves, a alcaldesa Eva Garcia ofrecerá unha recepción aos equipos participantes no Concello.
Deixamos imaxe adxunta co cadro de emparellamentos e horarios de partidos desta fase final.

A alcaldesa do Porriño solicitou unha rúa para Antonio Palacios en Madrid ante un auditorio onde estaba a vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz

Eva García de la Torre solicitou que Madrid “honre debidamente ao noso arquitecto Antonio Palacios, que deixou unha obra tan destacada nesta capital, coa concesión do nome dunha rúa sobranceira da cidade”. A alcaldesa do Porriño falou este serán ante un auditorio ateigado de público no Círculo de Belas Artes de Madrid. Entre os espectadores ocupou un lugar salientable na primeira fila de cadeiras, Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno Central e deputada de Galicia en Común-Unidas Podemos pola provincia de Pontevedra.
Antes de que dera comezo o acto, alcaldesa e vicepresidenta estiveron falando e recibiron un agasallo da directiva do Círculo de Belas Artes.


Na súa intervención, Eva García reivindicou a “enorme transcendencia de Antonio Palacios como urbanista cunha pegada innegable en Vigo e no Porriño e tamén en Madrid onde deixou un legado impresionante do que unha mostra é este edificio do Círculo de Belas Artes onde nos atopamos”.
A rexedora reivindicou que “dende a nosa chegada á Alcaldía do Porriño temos traballado de arreo para recuperar unha meirande parte dos cadernos de debuxos de Antonio Palacios que serviron para editar libros como este que estamos a presentar hoxe, obra de Alvaro Bonet”, manifestou Garcia de la Torre. Precisamente Alvaro Bonet, autor de de “Trazar la mirada. Cuaderno de viaje de Antonio Palacios”, editado por “Engaiolarte”, agradeceu a colaboración do Concello do Porriño e da súa alcaldesa que lle permitiu acceder ao fondo documental de Palacios que se ten recuperado.

Concedido o primeiro lote de axudas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos por un importe de 60.926 €

O tribunal de avaliación formado por técnicas municipais e presidido polo concelleiro de Emprego, David Alonso resolveu hoxe o primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan a presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.

A alcaldesa participará, no Círculo de Belas Artes de Madrid, na presentación do libro “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios”

 

Eva Garcia de la Torre participará mañá xoves en Madrid, no Círculo de Belas Artes, na presentación do libro “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios”, do que é autor o arquitecto Alvaro Bonet.
O acto vai ter lugar ás 19 horas, na sede do Círculo, un edificio de seis plantas na rúa Alcalá que é un deseño do propio Palacios. O presidente da entidade anfitrioa, Juan Miguel Hernández de León abrirá o acto e presentará á alcaldesa de Porriño. Ademais, intervirán Manuel Blanco Lage, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid; Ana Belén Berrocal, enxeñeira de camiños e o autor, Alvaro Bonet.
A obra é editada pola firma “Engaiolarte” que xa publicara anteriormente “Unha viaxe por Galicia”, de Xosé Ramón Iglesias, por iniciativa do Concello do Porriño, despois de que a alcaldesa acadase a cesión dun fondo documental con debuxos orixinais de Antonio Palacios conservados en 11 cadernos e outro material de traballo do arquitecto porriñés.
Agora Alvaro Bonet, seguindo o traballo comezado polo profesor Moncho Iglesias, inclúe en “Trazar la mirada, Cuaderno de Viaje de Antonio Palacios” máis de 250 imaxes de paisaxes, monumentos e tipos humanos que permiten comprender mellor a dimensión artística do arquitecto porriñés.
Na súa intervención, a alcaldesa lembrará que O Porriño está a celebrar o “Ano Antonio Palacios” cunha serie de actos programados ata outubro. Actualmente e con moitísima aceptación, realízanse as visitas guiadas teatralizadas, con actores e acompañamento musical, que instrúen aos visitantes sobre a traxectoria e personalidade do arquitecto a través dun roteiro polas obras de Palacios na súa vila natal.