O Concello do Porriño xa ten os resultados do informe técnico que se solicitou á Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra sobre o estado dos tilos do Parque do Cristo, debido ao seu aparente mal estado e á caída de varios deles. O mesmo conclúe a necesidade de proceder á súa tala de maneira inmediata ante o problema de seguridade que supoñen.

Pese a que non estamos a falar de árbores de moita antigüidade confirmouse un estado deficiente, advertíndose da existencia de madeira en fase de descomposición. Para comprobalo fixéronse probas co resistógrafo.

Por outra banda, determinouse que as árbores están afectadas por dous fungos: Armillaria mellea e Bjerkandera adusta. O primeiro deles, Armillaria mellea, ataca ás raíces principais e as destrúe por completo e o segundo, B. Adusta produce podremias brancas e destrúe os tecidos vivos.

No informe tamén  se indica que a súa evolución non será positiva, senón que continuará o proceso de degradación ata que se veñan abaixo.

En base a isto, e dacordo ao informado polos servizos técnicos municipais, acordouse proceder a ovalado urxente da praza e do parque infantil para evitar situacións de perigo para os viandantes, así como para os nenos e nenas que xogan habitualmente na zona. 

O recinto xa está pechado e a concellería de Parques e Xardíns procederá de inmediato á tala dos 12 tilos afectados. Polos mesmos motivos de seguridade, procederase á tala do sauce do parque da Avda. Buenos Aires, xunto ao río Louro.