O goberno municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, levará nas próximas semanas a pleno a súa proposta de orzamento para o que resta de ano.
As contas que se presentan para rematar o exercicio 2023 ascenden á cantidade de 19 M de euros, incluíndo de forma equilibrada a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respectando o obxectivo de estabilidade orzamentaria.
“É unha planificación económica ambiciosa, cun marcado carácter expansivo, xa que experimenta un crecemento dun 36,23% respecto do orzamento vixente, prorrogado de 2018, sendo o máis elevado da historia deste concello ao superar en 5 M de euros ao anterior”, explicou o rexedor, “Pero, sobre todo, trátase dun orzamento real froito dunha análise exhaustiva das necesidades primordiais do Concello, da xestión eficiente dos recursos públicos e elaborado con prudencia, rigor e pensando nun achegamento á cidadanía para dar unha resposta áxil e inmediata ás súas demandas máis urxentes”
O rexedor apuntou que a proposta que se levará a pleno está feita a medida para regularizar no que resta de exercicio a situación económica na que se atopaba o Concello, unha situación orzamentaria insostible que provocou ter que iniciar o ano con expedientes de modificación orzamentaria. “É un orzamento de transición, que nos vai permitir poder encarar os seguintes partindo dunha situación administrativa regulada e dunhas contas saneadas. Por iso, lonxe de rematar a tarefa con este documento, estamos a traballar xa no do 2024, no que poder dar cabida a cada unha das demandas da sociedade porriñesa”.
Eixos fundamentais de actuación: servizos básicos e programas de contido social
O novo orzamento céntrase en garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos, así como dos programas de contido social: promoción e benestar social, axuda no fogar, gasto en educación, fomento de emprego, carencia enerxética, promoción do deporte de base, desenvolvemento cultural, etc., aumentando con carácter xeral todas políticas de gasto.
A liña principal de traballo marcada polo executivo para a planificación dos ingresos foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno e necesario aforro para os petos da veciñanza. Para facelo posible, destinarase remanente para levar a cabo as inversións necesarias. No tocante aos gastos céntrase na dotación necesaria par atender aos compromisos adquiridos co persoal, proveedores e novas contratacións, destacando o incremento substancial da prestación de servizos a toda a comunidade, de maneira regulada e legal.
Hai que resaltar o compromiso do goberno por manter e reforzar os servizos sociais e a mellora dos servizos municipais consignando no orzamento a tal fin a maior porcentaxe de gasto, con 2 M de euros destinados a asistencia social.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou hoxe a nova estrutura do goberno local e delegacións de competencias. O rexedor aposta polo proxecto iniciado dende que preside a corporación dando continuidade ao labor que levaron a cabo os concelleiros e concelleiras no último ano , un labor apoiado na experiencia e a xestión que se reforzará coa creación de novas áreas que ampliarán a calidade do servizo que se presta á veciñanza.
“O Porriño afronta grandes retos nos próximos catro anos e para facelo contará cun equipo comprometido, eficaz e cohesionado que traballará de forma transversal para atender as necesidades dos veciños”, explicou o rexedor, “Centraremos a nosa liña de traballo na atención ás persoas e na correcta prestación dos servizos públicos, e para iso creamos novas áreas que reforzan as actuais como a de Participación cidadá e asociacións, Consumo, Migración, Infancia e Promoción e xestión da vivenda”.
Estas novas concellerías traballarán de maneira coordinada coas xa existentes, permitindo ao equipo de goberno dar unha maior resposta ás necesidades que se detectan no eido dos servizos e do social, os dous piares nos que Lorenzo sustenta o seu proxecto para O Porriño.
Asemade, designaranse catro tenencias de alcaldía que corresponderán a Carlos Martínez, Carolina González, Abel Estévez e Antía Carrera.
O rexedor convocou xa o pleno de organización, que se celebrará o luns 26 de xuño ás 9h.
Reparto de áreas
A concellería de Festexos do Concello do Porriño vén de publicar as bases que establecen os requisitos, pautas e condicionantes que se deberán cumprir para a instalación de postos de venda ou casetas en Porrigalia 23. Poderán optar aos postos de venda ou casetas as ANPAS dos centros educacionais do Porriño, as asociacións veciñais e culturais do municipio, asociacións deportivas do Porriño e asociacións protectoras de animais.
BASES DE FUNCIONAMENTO DOS POSTOS DE VENDA OU CASETAS POLAS
ASOCIACIÓNS CULTURAIS E VECIÑAIS SEN ANIMO DE LUCRO, ANPAS E ASOCIACIÓNS
PROTECTORAS DE ANIMAIS
O pavillón municipal acolleu a segunda edición de “Pre-Porrigalia”, un evento co que preto de 200 nenos e nenas de sete centros educativos do Porriño iniciaron a conta atrás para Porrigalia 2023, que este ano se celebrará os días 7, 8 e 9 de xullo.
Os pequenos e pequenas disfrutaron do espectáculo de animación A BAILAR, da compañía Animar-T, unha festa interactiva con cancións en directo, xogos, divertidos bailes, un monicreque xigante, maxia, grandes bonecos, explosións de confeti, batalla de globos xigantes e moitas máis actividades que fixeron as delicias dos cativos.
Desta maneira, deron o disparo de saída á troula das civilizacións que este ano anegará de novo o Porriño. O fixeron acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, e os seus mestres. O rexedor convidou aos nenos e nenas a “disfrazarvos todos este ano e disfrutar a tope dunha festa da que sodes moi protagonistas e que está pensada por e para vós”.
O pleno da corporación local do Porriño reúnese este xoves 22 de xuño, ás 13 h, en sesión extraordinaria para celebrar o sorteo das mesas electorais para as eleccións que se celebrarán o 23 de xuño.
Conforme ao criterio establecido pola Xunta Electoral Central no seu Acordo 34/2023, de 2 de marzo de 2023, na medida na que a data prevista legalmente vai a coincidir coa constitución das corporacións locais elexidas no recente proceso celebrado do 28 de maio de 2023, se autoriza ao que os concellos poidan realizar o sorteo dos vocais das mesas electorais entre os días 22 e 28 de xuño de 2023.
Na seguinte ligazón podedes descargar a listaxe completa de admitidos/as nas diferentes quendas do Campamento de Verán 2023 do Concello do Porriño: https://oporrino.org/documentos/listaxe-admitidos-as-no-campamento-de-veran-2023/
O Porriño quenta motores para celebrar unha nova edición de Porrigalia. A concellería de Festexos vén de publicar as bases para participar nos desfiles de comparsas que terán lugar o venres 7 e o sábado 8 de xullo.
Poderán participar todas aquelas ANPAS, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC que presenten comparsas integradas por un mínimo de 8 compoñentes e que acudan caracterizados dunha das civilizacións de Porriño: galos, romanos, castrexos, exipcios ou gregos.
Cada comparsa participante recibirá un premio de 300 euros, que se otorgará ata alcanzar o importe máximo establecido de 5.400 euros (por orde rigoroso de inscrición). Aquelas comparsas que desexen participar en Porrigalia fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.
As bases están publicadas e poden consultarse na seguinte ligazón https://oporrino.org/documentos/bases-desfile-comparsas-porrigalia-2023/
O Concello do Porriño vén de activar o Bono Enerxético, con axudas económicas directas para paliar as situacións de pobreza enerxética das familias do municipio.
Así o deu a coñecer hoxe o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, que explicou que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros.
“Somos conscientes das dificultades que atravesan moitas familias e o elevado coste do subministro eléctrico resulta en moitos casos inasumible”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Con estas axudas buscamos aliviar a economía das persoas máis vulnerables”.
Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.
Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos.
As axudas poderán solicitarse desde o vindeiro venres 23 de xuño ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para solicitalo estarán a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).