A presidenta da Deputación, acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, inaugura as melloras do Campo de Fútbol do Carballo, en Atios

A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu esta mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.

No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”

Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.

As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos  e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.

Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.

En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.

O Porriño volve a liderar a creación de emprego na Área Metropolitana e a finais de outubro había traballando 500 veciños e veciñas máis que cando o actual Goberno local chegou ao Concello

O Porriño liderou en outubro, xunto con Salceda de Caselas, a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo, como xa pasara no me de setembro. A finais do mes pasado había na vila 1.642 persoas desempregadas, unha realidade inaudita no Porriño dende hai preto dunha década.

Dacordo cos datos publicados este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta da Galicia,a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,8%, en total 5,3 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

En relación co mes de outubro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.893 a 1.642, o que supón que hai 251 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu preto de 3 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña que os actuáis datos de creación de emprego no Porriño son aínda máis esperanzadores tendo en conta que en xullo de 2015, cando o actual Goberno municipal iniciara a súa xestión, había na vila 18.500 habitantes e hoxe supera os 20.000.

García de la Torre, que fuxe de calquera tipo de confianza, reitera que “a creación de emprego é a nosa primeira preocupación e o eixe esencial da nosa xestión”. Neste eido, amósase convencida que as medidas que estamos a impulsar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, “funcionan” e lembra entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Do mesmo xeito, tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles en base a un acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de máis de 60.000€ de fondos municipais no que vai deste ano.

A alcaldesa sinala, por último, como unha importante contribución á creación de emprego o  feito de chegar a entendementos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño.

A alcaldesa entregou na Aula CeMIT do Porriño os diplomas ás veciñas e veciños que adquiriron coñecementos en OpenCart, deseño con Qcad, edición ou creación de páxinas web con WordPress

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Benestar, Igualdade e Emprego, Soledad Girón, fixo entrega este xoves na  Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, do Porrriño, dos diplomas aos alumnos a alumnas que participaron nos talleres programados dende o mes de xuño.

A oferta formativa impartida, foi  moi variada; Iniciación á informática (2 edicións), Edición de imaxes con Gimp, Google APPS,  Deseño con Qcad, Crea a tua tenda virtual con OpenCart, Creación de páxinas Web con WordPress, Libre Office Base, Libre Office Calc,Ofimática con Libre Office- CODIX, e Microsoft Office Word.

A aula CeMIT impartiu máis de 220 horas de formación gratuíta, da que se beneficiaron 62 veciños e veciñas do Porriño que tiveron, así, a ocasión de mellorar non so os seus coñecementos nestes eidos, senón de mellorar as súas posibilidades de empregabilidade.

Este é, como insiste a alcaldesa, o obxectivo “principal”, da xestión do actual Goberno Municipal: “a diminución do paro no Porriño incrementando as accións, proxectos e iniciativas formativas que, como sinalan os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, permitíronos reducir o desemprego en 500 persoas e baixar o mesmo na nosa vila de máis do 24 ao 18,6%”

A Rede CeMIT , como indica Ana María Pérez Martínez, responsábel desta aula no Porriño,  configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega.

A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A alcaldesa cualifica de “infamia” o ataque ao monumento da Volta da Moura que lembra aos veciños do Porriño asasinados polo exército franquista logo do Golpe de Estado de 1936

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto co alcalde de Salceda, Marcos Besada, o ex alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, responsábeis da ‘Asociación Levada Libre’ e familiares das veciñas e veciños asasinados polo Exército franquista denunciou este xoves o ataque sufrido polo monumento erixido o pasado mes de agosto na ‘Volta da Moura’ para lembrar aos republicanos represaliados días despois do Golpe de 1936.
 
García de la Torre cualificou de “infamia” o ataque á escultura, realizada polo artista Marcos Escudero e no que se lembra a loita pola liberdade e a defensa da democracia, da legalidade e das institucións republicanas dos veciños do Porriño Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
 
A alcaldesa, que amosouse dacordo co rexedor de Salceda, que subliñou que “somos herdeiros dos valores da República” e de Enrique Cabaleiro, quen lembrou que o monumento puxera en valor “a memoria das persoas que deron as súas vidas pola liberdade”, púxose a dispor dos familiares e da Asociación Levada Libre para que o mesmo lugar sexa un espazo emblemático de defensa dos valores democráticos e da convivencia.
 
Pola súa banda, o representante de Levada Libre, logo de citar a Nelson Mandela afirmando que “é máis doado ensinar a amar que ensinar a odiar”, propuxo deixar o lugar coma o deixaron os que o atacaron, para que se saiba que os herdeiros dos que mataron, seguen odiando, engadir un caixón, coma unha caixa para o correo, no que “quen queira insultarnos o poda facer e se quere poñer o seu nome”, pediu plantar no lugar tres oliveiras, cada unha delas procedente dos concellos do Porriño, Salceda e Tui, e adiantou o proxecto de facer unhas xornadas, con historiadores especialistas na II República, para que conten a verdade do que aconteceu dende 1936.

O Concello dalle a palabra aos estudantes dos distintos centros públicos da vila e segue adiante coa proposta para que O Porriño sexa Cidade Amiga da Infanciaque promove UNICEF

Como adiantara o mes pasado, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, xa está en marcha o proxecto que permitirá que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos do Porriño, poidan expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupen, así como tamén achegar as propostas de solución que consideren, co compromiso de que serán tidas en conta polo Goberno Municipal.

Así mesmo, Lourdes Moure, que este xoves estivo no CEIP da Ribeira, lembra que o Concello presentará a candidatura para que O Porriño obteña o‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’, que promove UNICEF, e polo tanto camiñar cara unha política local de infancia baseada nun diagnóstico da realidade dos nenos e nenas e da localidade, realizada de forma participativa.

Rede CeMIT do Porriño emite a través de videoconferencia a presentación da “Guía técnica e proxecto tipo de infraestructuras de fogar dixital (IFD)

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, do Porriño emite a través de videoconferencia a presentación da “Guía técnica e proxecto tipo de infraestructuras de fogar dixital (IFD).

No venres 3 de novembro participaremos nun proxecto europeo como piloto, xunto coas localidades de Sheffiels (Reino Unido) e Trento (Italia).

Trátase de ‘SIMPATICO’ (SIMplifying the interaction with Public Administration Through Information technology for Citizens and Companies), unha iniciativa para mellorar os trámites administrativos que os cidadáns poden realizar a través de internet coas administracións públicas.

A idea é que cada asistente, maior de 45 anos, dende o seu ordenador vai realice unha solicitude do procedemento de balnearios nunha “sede simulada” da Xunta de Galicia.

Será unha sesión duns 90 minutos de duración a realizar polas persoas participantes na aula CeMIT do Concello de Fisterra o VENRES 3 de NOVEMBRO, ás 11:00 horas, en liña, e dende onde estaremos titorizados e nos guiarán en todo momento no desenvolvemento da proba.

Pensamos que é unha oportunidade moi importante de participar a nivel europeo en conxunto con outros colaboradores.

Máis información: http://cordis.europa.eu/programme/rcn/664435_es.html
¿Qué é o proxecto? https://www.youtube.com/watch?v=mS6hzj61T28
Grupos de interese en Galicia: https://www.youtube.com/watch?v=wTH_XgVDzok&t=5s
Casos de uso: https://www.youtube.com/watch?v=yYayhzoJ26Y&t=8s

Tecendo Lazos: O Noso Son: bailes e cancións de Agora e de Sempre.Canta-Avoas

Desde á Concellería de Mocidade (OMIX) do Concello do Porriño en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, levaremos a cabo este venres, día 3 de novembro de 2017, no edificio Socio-comunitario, o programa ‘Tecendo Lazos’.

A través dun obradoiro interxeracional, contribuiremos á difusión da tradición oral e musical galega e se tratará de poñer en contacto as distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre das persoas participantes.

As familias participantes compartiran os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares -música e letra- que coñece cada familia.

Terá unha duración de 16 horas das cales 14 horas serían un módulo especifico e ás 2 restantes outro transversal: A historia do meu concello.

Data inicio: 3/11/17
Data finalización: 29/11/17
Días de impartición: 3,8,10,15,17,22,24 e 29 de novembro
Horario: mércores e venres de 19:00-21:00

A alcaldesa acompaña a alumnas e alumnos alemáns, que están de intercambio no Porriño, a coñecer unha canteira e unha empresa de transformación do granito

11 estudantes alemáns procedentes da cidade de Oberhausen están dende o pasado día 23 no Porriño nunha viaxe de intercambio incluído no ‘Programa Multi’, no que participan diferentes socios internacionais co el principal obxectivo de desenrolar actividades conxuntas entre rapazas e rapaces de diferentes culturas.

Hai algo máis dun ano-en agosto de 2016- o mesmo número de alumnos de Ensino Secundario de institutos do Porriño estiveron dúas semanas na cidade alemana- situada en Renania do Norte-Wesfalia, na rexión do Ruhr- acompañados de dous profesores, para convivir eses quince días con familias alemáns integradas por rapazas e rapaces da súa mesma idade e un mesmo nivel académico.

Ata o vindeiro 5 de novembro,estes adolescentes están vivindo con familias de acollida de estudantes do IES Ribeira do Louro, experimentando, como fixeran as rapazas e rapaces porriñeses, unha vida familiar común no noso país.

Estas dúas semanas que as alumnas e alumnos alemás estarán no Porriño realizarán unha serie de actividades organizadas pola Concellería de Educación, que dirixe Lourdes Moure, e que abranguen dende excursións, pasando por talleres, como o realizado na panadería Amaquia, cubrir un treito do Camiño de Santiago, asistencia a clases no IES  Ribeira do Louro, participación nos actos do Samaín ou, como este martes, coñecer unha das canteiras e un centro de transformación do granito.

Acompañados pola concelleira de Educación, polo concelleiro de Limpeza, Orlando Márquez, e pola alcaldesa, Eva García de la Torrre, os estudantes visitaron a canteira de Blokdegal, na que observaron os procesos de extracción das rochas de granito e, posteriormente, a sede de Granisa onde os expertos explicáronlles cómo é o tratamento dos distintos tipos deste mineral, dende o seu corte ata o seu almacenamento dependendo das súas características.

Nesta empresa as alumnas e alumnos alemáns tiveron a oportunidade de ver os paneis que Granisa está a enviar a Barcelona para a súa colocación na catedral da Sagrada Familia, que deberá estar rematada, definitivamente, no ano 2026.

En novembro, O Porriño ‘se destapa’ co Pinchorriño

Os amantes do tapeo teñen unha nova cita co Pinchorriño, a cita gastronómica organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e a Asociación de Hostaleiros da localidade coa colaboración do Concello.

Este 2017, como salientou o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, na presentación feita este luns ao mediodía, o 12º Pinchorriño rexistrará unha nova marca de participantes: 44 establecementos en total fronte aos 41 do ano pasado, que todos os venres e sábados de novembro, de 7 da tarde a 11 da noite, ofrecerán un pincho de balde aos seus clientes.

Coto desvelou que o segredo do “éxito” desta iniciativa está “na calidade e no prezo dos pinchos que se serven”. Na mesma liña, a presidenta de Acipor, Juana Pérez, garantiu que os prezos das consumicións non subirán durante os días de celebración do Pinchorriño e lembrou que o custo desta mostra da gastronomía do Porriño recae nos propios hostaleiros.

O obxectivo este ano é o de superar as máis de 18.500 persoas que participaron na edición de 2016, unha meta que está ao alcance da man considerando que haberá tapas para todos os gustos e de todas as texturas e sabores, mesmo pinchos para veganos, sen glute e para celíacos.

A ‘ruta’ dos pinchos, os locais, as súas propostas, mesmo fotografías dos pinchos, poden seguirse por medio da APP ‘QuedamosdeTapas’, que pode baixarse dende Google Play e AppStore. Así mesmo, os clientes poden optar a gañar unha estadía nunha casa de turismo rural selando, no folleto que estará a dispor nos propios locais, catro cupóns de catro establecementos s participantes no Pinchorriño 2017.

Para rematar a presentación destas xornadas culinarias, a alcaldesa, Eva García de la Torre, lembrou que O Porriño está xa nas axendas gastronómicas de Galicia polas festas do Pan, dos Callos, dos Cachos e, por suposto do Pinchorriño.

García de la Torre animou ás porriñesas e porriñeses e a todas as veciñas e veciños da Área Metropolitana a achegarse a O Porriño e gozar duns pinchos que, “son imaxinativos, están elaborados cos mellores ingredientes…e parando en tres ou catro locais un xa vai cenado para casa”.