Eva García de la Torre vén de asumir, persoalmente, a solución ao “gravísimo” problema de filtracións de auga que están a padecer, dende hai anos, os veciños dun edificio da Fase V de Torneiros.

A alcaldesa, que visitou varias veces o lugar e mantivo entrevistas e xuntanzas cos habitantes do inmoble, comprobou que, tal e coma sinalan os informes dos técnicos municipais, o “estado da terraza é desastroso, hai lousas soltas, co perigo que supón para os nenos que xogan aquí, a impermeabilización está esnaquizada, os garaxes anéganse os días que chove, a varanda que hai sobre eles está enferruxada e case solta e as filtracións poden chegar a causar problemas na propia estrutura do edificio”.

294.000€ de orzamento e 3 meses de execución

Tal e coma adiantara aos veciños, e “cumprindo un compromiso persoal que asumirá con eles”, García de la Torre sinala que o Concello aprobou, por vía de urxencia, destinar 294.000€ ao arranxo destas deficiencias.

Este orzamento abrangue, subliña a alcaldesa,  a demolición completa da varanda e a súa substitución por unha nova; o cambio total da cuberta, incluída a capa de impermeabilización; o corte perimetral das paredes exteriores do edificio ate unha altura de 35 centímetros, para rematar con calquera tipo de filtración; a escavación e aterrado dos xardíns ate atopar a “cabeza da forxa” para o seu cambio integral, a colocación de impermeabilizacións bicapa nas partes en pendente de uso peonil e a impermeabilización do muro soterrado.

O prazo de execución dos traballos terá unha duración estimada de tres meses, “hai que ter en conta que os días de choiva non será posible traballar, polo cal o seu remate pódese atrasar, aínda que está previsto o seu remate en ese tempo”.