Este domingo, 12 de febreiro ás 7 da tarde, o cineclube do Porriño acolle a proxección da película colaborativa “Visións”, enmarcada no proxecto da Deputación de Pontevedra “Cinema e Muller” que ten por obxectivo visibilizar ás creadoras do audiovisual da provincia, fomentando unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

“Visións” trátase dunha película na que participan activamente dez mulleres cineastas da provincia de Pontevedra aportando dez olladas onde cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica centrada en cuestións relacionadas co xénero. Así, a película aborda dende a intimidade da creación e a construción da corporeidade da natureza, ata berros, o corpo feminino, o día a día dunha creadora audiovisual, a dificultade de conciliar así como a relación entre a casa e a muller ou entre xeracións de mulleres dunha mesma familia.

Nesta película colaborativa, promovida pola institución provincial, participan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla. “Visións”, realizada en dous meses, inclúe dez minicurtas nas que as directoras fixeron tamén de cámaras e de montadoras, realizando a película de principio a fin, coas súas propias mans, cun axustado orzamento como exemplo do cinema que practican.

O proxecto de “Cinema e Muller”, que impulsou a posta en marcha da película “Visións”, trátase dunha aposta por darlle visibilidade ao traballo das máis de setenta mulleres que se dedican ao mundo audiovisual da provincia de Pontevedra, ben como cineastas, ben como editoras, produtoras ou guionistas.