A alcaldesa estudará cómo iniciar as reformas do inmoble do Centro Cultura A Forna, de Budiño, a humanización do seu exterior e a posibilidade de que teña unha conexión a Internet “rápida e segura”

A alcaldesa mantivo unha xuntanza cos integrantes da nova xunta directiva do Centro Cultural A Forna, de Budiño, para coñecer, polo miúdo, os problemas que afrontan os novos representantes da mesma.

Eva García de la Torre sinalou que estudará o xeito de que o Concello contribúa a sufragar as reformas que precisa o inmoble no que está o Centro Cultural, de modo que as mesmas se poidan acometer en varias treitos.

Asimesmo, indicou que os orzamentos municipais recollen unha partida para que a Concellería de Vías e Obras, dirixida polo tenente de alcalde, Manuel Carrera, poida iniciar os traballos de mellora e urbanización do exterior do Centro, no que se organiza a Festa de San Blas, e que como indicaron os novos directivos precisa xa que se fagan traballos de recuperación e adecentamento.

García de la Torre informou, ademais, dos contactos que mantén con Telefónica para que os centros culturais e asociacións veciñais, dispoñan de wi-fi gratis que “permita unha conexión a Internet rápida e segura” como “medio imprescindible de dinamización social e cultural e un servizo ás veciñas e veciños, en xeral, e aos máis novos, en particular”.

Do mesmo xeito, a alcaldesa amosou a súa intención de artellar un medio que permita que o material informático que xa non se empregue no Concello se ceda ás asociacións do Porriño, “por suposto, garantindo o seu bo funcionamento”, para aproveitar o mesmo e, ao tempo, evitar gastos a estas entidades.