O Consorcio de Augas do Louro anuncia aos veciños de Porriño, Salceda, Mos e Tui o aprazamento do pago das taxas con motivo da situación de alarma por coronavirus.

O comité directivo do Consorcio que preside a alcaldesa de O Porriño, Eva García, valorou os efectos económicos que as medidas de confinamento e cese das actividades decretadas están a provocar especialmente nas familias e pequenos comercios así como as limitacións que esta situación supón aos usuarios para acceder fisicamente ás entidades bancarias.

Polo que decidiuse modificar o calendario fiscal de 2020 aprazando 20 días, ata o 30 de abril, a data de pago en voluntaria dos recibos de novembro-decembro de 2019, retrasar dous meses os prazos de inicio e fin de pago en voluntaria dos recibos de xaneiro-febreiro de 2020 e retrasar un mes os prazos previstos para os recibos de marzo-abril de 2020.

Por outra banda, o Consorcio lembra que o importe dos recibos que emite depende en grande medida do consumo de auga realmente realizado polo que todos aqueles establecementos que tiveran que cesar a súa actividade durante os meses de marzo e abril verán cómo se reduce o importe do recibo proporcionalmente á cantidade de auga non utilizada.

O Consorcio tamén informa que as persoas en risco de exclusión social están exentas do pago das taxas polo que, de darse esta situación a consecuencia do estado de alarma por coronavirus, poden solicitar dos servicios sociais municipais os informes que acrediten esta nova situación para poder acceder a esta exención.

O Consorcio lembra aos usuarios que mantén a súa disposición o número 900810103 así como a súa sede electrónica e páxina web as 24 horas do día.