Publicadas as bases de funcionamento dos postos de venda para asociacións en Porrigalia

A concellería de Festexos do Concello do Porriño vén de publicar as bases que establecen os requisitos, pautas e condicionantes que se deberán cumprir para a instalación de postos de venda ou casetas en Porrigalia 23. Poderán optar aos postos de venda ou casetas as ANPAS dos centros educacionais do Porriño, as asociacións veciñais e culturais do municipio, asociacións deportivas do Porriño e asociacións protectoras de animais. 

BASES DE FUNCIONAMENTO DOS POSTOS DE VENDA OU CASETAS POLAS
ASOCIACIÓNS CULTURAIS E VECIÑAIS SEN ANIMO DE LUCRO, ANPAS E ASOCIACIÓNS
PROTECTORAS DE ANIMAIS

A 15ª promoción de Policía Local da Agasp realiza prácticas no Porriño

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu hoxe no Porriño xunto co alcalde Alejandro Lorenzo aos 78 integrantes da 15ª promoción de Policía Local que se está a formar na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Desde onte e ata mañá, o alumnado está a coñecer de primeira man como traballan os axentes da patrulla de Policía Local do municipio.
 
Trátase dun primeiro contacto coa actividade ordinaria dos axentes deste corpo de seguridade, antes de que comecen as súas prácticas este verán nos seus concellos de orixe. De feito, este mesmo venres remata a primeira parte da formación teórica na Academia, durante a época estival realizarán a parte práctica e en setembro volverán ás aulas a rematar a parte teórica e graduarse antes de tomar posesión.
Santiago Villanueva reafirmou o compromiso de colaboración da Xunta cos concellos galegos na selección e formación dos membros da Policía Local e puxo en valor que a AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade no que xa se formaron máis de 3.000 alumnos nas promocións de Policía Local e das distintas promocións de categorías de mandos.
 
Cada semana pasan tamén polas instalacións centos de forzas e corpos de seguridade e efectivos de servizos de emerxencias para actualizar os seus coñecementos nos cursos do plan de formación continua da Academia.
 
O rexedor, pola súa banda, deulles a benvida ao Porriño e animounos a aproveitar estes días que pasarán cos axentes da Policía Local para aprender deles e empezar a disfrutar dunha profesión que de seguro lles traerá moitas satisfaccións e boas experiencias. Lorenzo destacou tamén a responsabilidade e profesionalidade da Policía Local do Porriño.

As nenas e nenos do Porriño dan o pistoletazo de saída a Porrigalia 23

O pavillón municipal acolleu a segunda edición de “Pre-Porrigalia”, un evento co que preto de 200 nenos e nenas de sete centros educativos do Porriño iniciaron a conta atrás para Porrigalia 2023, que este ano se celebrará os días 7, 8 e 9 de xullo.

Os pequenos e pequenas disfrutaron do espectáculo de animación A BAILAR, da compañía Animar-T, unha festa interactiva con cancións en directo, xogos, divertidos bailes, un monicreque xigante, maxia, grandes bonecos, explosións de confeti, batalla de globos xigantes e moitas máis actividades que fixeron as delicias dos cativos.

Desta maneira, deron o disparo de saída á troula das civilizacións que este ano anegará de novo o Porriño. O fixeron acompañados polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Educación e Cultura, Carolina González e Bienvenido Estévez, e os seus mestres. O rexedor convidou aos nenos e nenas a “disfrazarvos todos este ano e disfrutar a tope dunha festa da que sodes moi protagonistas e que está pensada por e para vós”.

O Porriño celebra este xoves o sorteo das mesas electorais

O pleno da corporación local do Porriño reúnese este xoves 22 de xuño, ás 13 h, en sesión extraordinaria para celebrar o sorteo das mesas electorais para as eleccións que se celebrarán o 23 de xuño. 

Conforme ao criterio establecido pola Xunta Electoral Central no seu Acordo 34/2023, de 2 de marzo de 2023, na medida na que a data prevista legalmente vai a coincidir coa constitución das corporacións locais elexidas no recente proceso celebrado do 28 de maio de 2023, se autoriza ao que os concellos poidan realizar o sorteo dos vocais das mesas electorais entre os días 22 e 28 de xuño de 2023. 

Publicadas as bases para participar no desfile de comparsas de Porrigalia 2023

O Porriño quenta motores para celebrar unha nova edición de Porrigalia. A concellería de Festexos vén de publicar as bases para participar nos desfiles de comparsas que terán lugar o venres 7 e o sábado 8 de xullo.

Poderán participar todas aquelas ANPAS, asociacións culturais e veciñais, clubs deportivos do municipio e a AECC que presenten comparsas integradas por un mínimo de 8 compoñentes e que acudan caracterizados dunha das civilizacións de Porriño: galos, romanos, castrexos, exipcios ou gregos.

Cada comparsa participante recibirá un premio de 300 euros, que se otorgará ata alcanzar o importe máximo establecido de 5.400 euros (por orde rigoroso de inscrición). Aquelas comparsas que desexen participar en Porrigalia fóra deste orzamento, poderán inscribirse pero sen opción ao premio por participación.

As bases están publicadas e poden consultarse na seguinte ligazón https://oporrino.org/documentos/bases-desfile-comparsas-porrigalia-2023/

O Porriño activa o bono enerxético para paliar o gasto doméstico das familias

O Concello do Porriño vén de activar o Bono Enerxético, con axudas económicas directas para paliar as situacións de pobreza enerxética das familias do municipio.

Así o deu a coñecer hoxe o concelleiro de Benestar Social, Abel Estévez, que explicou que as persoas beneficiarias do programa recibirán unha axuda directa de 300 euros, que no caso das familias numerosas ascenderá a 450 euros.

 “Somos conscientes das dificultades que atravesan moitas familias e o elevado coste do subministro eléctrico resulta en moitos casos inasumible”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Con estas axudas buscamos aliviar a economía das persoas máis vulnerables”.

Poderán solicitala as persoas titulares dun contrato de subministro eléctrico ou enerxético, con vivenda habitual no Porriño, que figuren clasificadas nalgunha das modalidades de bono social eléctrico na data de solicitude.

Tamén outras persoas en situación de pobreza enerxética, como aquelas que non atopándose nalgún dos colectivos anteriores reúnan os requisitos de nivel de renda familiar de bono social eléctrico, pero non o teñan acadado por cuestións non imputables á propia persoa solicitante. Poderán tamén acceder ás axudas persoas que precisen do mantemento do subministro eléctrico para garantir a correcta cobertura de tratamentos médicos.

As axudas poderán solicitarse desde o vindeiro venres 23 de xuño ata o 15 de novembro de 2023 presentando unha solicitude no Rexistro Municipal do Concello do Porriño. Os impresos para solicitalo estarán a disposición da veciñanza nas oficinas do departamento de servizos sociais municipais (3º andar do edificio consistorial).

A unidade móbil de Coidados Porta a Porta atendeu xa a máis de 130 persoas no Porriño

O programa de Coidados porta a porta, que achega á veciñanza atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria, está de novo no Porriño.

A unidade móbil estará aparcada nas inmediacións do Pavillón Municipal hoxe e o luns para atender aos veciños. Esta é a terceira parada que Coidados porta a porta fai na vila. Nas dúas anteriores, que tiveron lugar nos meses de maior e novembro do ano pasado, recibiron atención máis de 130 maiores do Porriño.

Esta mañá o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá O Porriño e xunto co alcalde, Alejandro Lorenzo, valoraron cos profesionais que atenden no servizo o desenvolvemento do mesmo, e destacou a importancia que ten este programa para achegar servizos sociosanitarios ao carón dos fogares das persoas maiores, vivan onde vivan. Desta maneira evítase que teñan que facer longos desprazamentos para recibir estes coidados e ese lles facilita que poidan seguir vivindo na súa contorna.

Para acceder ás consultas deste programa soamente é necesario solicitar cita previa nos teléfonos 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

Dobre medalla para o porriñés Serxio Martínez na 42 Regata Internacional de Gondomar

O remeiro porriñés Serxio Martínez Troitiño, que vén de facer dobre podio na 42 Regata Internacional de Gondomar, foi recibido na casa consistorial como mostra do recoñecemento do seu pobo aos seus logros deportivos.

Serxio, que ten de 18 anos, disputou a proba lusa co seu equipo, o Remo do Miño, alzándose co ouro na categoría 4x xuvenil masculino e o bronce na 8+ absoluto masculino. Suma así dous novos recoñecementos ao seu palmarés, que pese a levar pouco tempo, medra de maneira proporcional ao esforzo deste mozo remeiro.

E é que Serxio comezou a practicar remo hai tan só dous anos e o fixo, tal e como el relata, de maneira totalmente casual, cando , cando un compañeiro de traballo do seu pai que practicaba esta modalidade deportiva o convidou a probala e dende entón converteuse na súa paixón.

“Enganchoume totalmente” , explica Serxio, “O remo é un deporte moi completo e esixente, que require un rendemento físico e mental moi alto, algo que me gustou e ademais aquí contamos co Miño, que para adestrar é un luxo, dos mellores”.

É esta entrega a que o leva a compaxinar os seus estudos de 2 de bacharelato no Pino Manso  cos seus adestramentos practicamente diarios, pese ao esforzo que iso conleva. Agora está xa coa vista posta nas próximas competicións, o Campionato Galego de Remo Olímpico que se disputará en poucas semanas, e o seu gran obxectivo, o Campionato de España.

O rexedor, Alejandro Lorenzo, felicitouno en nome de todo o pobo do Porriño polos seus logros e animouno a seguir disfrutando do seu deporte “os teus éxitos sentímolos nosos e estou segurísimo que a finais de xuño estaremos aquí recibíndote para darche a noraboa por ese Campionato de España”.