O Concello do Porriño anunciou hoxe a posta en marcha do dun Plan formativo para o presente ano. “Reactivar o servizo municipal de emprego foi dende o principio unha cuestión prioritaria, xa que o é para os porriñeses e porriñesas que se atopan en situación de desemprego”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O Concello debe ser tamén un motor de creación de emprego no municipio e para iso é necesario apostar pola formación da veciñanza nos eidos que demandan os principais sectores produtivos e tamén acompañalos e asesoralos no proceso de procura de emprego”. 

Baixo esta premisa, o Concello vén de aprobar un novo Plan de Formación para o  2023 que dará cobertura as necesidades esixidas polas empresas, dando a oportunidade a máis de 500 persoas integrantes da Bolsa de Emprego de formarse en Manipulación de Carretillas Elevadoras, Almacenaxe e Picking, Produción en Automoción, Limpeza Industrial entre outras especialidades.

O vindeiro luns comezarán a impartise as primeiras especialidades coa posta en marcha dun Curso práctico de Manipulación de Carretillas Elevadoras, homologado conforme a normativa UNE, e formación para a obtención Carné de Manipulación de Alimentos. Todas as persoas interesadas en inscribirse no Plan de Formación deberán formalizar a súa inscrición de forma presencial nas instalacións de Porremprego en horario de 9 a 14h.

Reactivación de Porremprego

A Concellería de Emprego e Formación do Concello do Porriño, que dirixe Rosario Costas, pechou o ano con 1.562 usuarios activos na súa bolsa de emprego. Unha cifra que acredita a capacidade de resposta do servizo municipal nun momento no que o paro no Porriño cae a cifras históricas, xa que o municipio rematou o 2022 con 1.379 persoas desempregadas,  o dato máis baixo dos últimos dez anos.

Cabe destacar neste sentido que Porremprego se atopaba practicamente sen actividade a finais do 2021, xa  que non existía máis que un Técnico de Orientación Laboral ao servizo do Concello que ademais combinaba as atencións do Servizo de Emprego Público de Galicia (SPEG) coas sesións de asesoramento da Bolsa Municipal de Emprego.

 “Esta desatención do servizo conlevou a baixa de 5.221 usuarios. Co fin de reactivalo, procedemos á contratación de dous orientadores adicionais que, xunto co técnico do SPEG, analizaron a situación de cada unha das persoas inscritas en situación de baixa para retomar as sesións de asesoramento”, explicou a concelleira, “Deste xeito conseguimos duplicar o número de usuarios coa tarxeta activa en apenas un ano, pasando de 825 a 1.562”.

Así mesmo, os técnicos de orientación laboral realizaron un total de 336 novas inscripcións de persoas usuarias e 1.561 sesións de asesoramento.

No que respecta o funcionamento da Aula CEMIT, financiada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o desenvolvemento de accións para a inclusión dixital da cidadanía, impartíronse 804 horas de formación das que se beneficiaron 1.664 persoas.

O plan de acción da concellería de Emprego puxo o foco tamén no emprendemento, coa próxima posta en marcha do Polo de Emprendemento que ofrecerá, entre outros, servizos de información sobre oportunidades de emprendemento, asesoramento personalizado, espazos de traballo temporal e networking, captación de investimento e financiamento e orientación, asesoramento e recursos físicos. As persoas usuarias, ademais, poderán acceder a convocatorias anuais de axudas para a consolidación do seu investimento e a xeración de postos de traballo.

O impulso dado polo novo executivo tamén se centrou no eido da formación, poñendo en marcha múltiples iniciativas sociolaborais nas que participaron un total de 270 persoas: Xornadas Técnicas en colaboración con importantes empresas do sector do metal como CITIC HIC Gándaras Censa, ou do sector da automoción como GRUPO COPO, BENTELER, ou SERVEO; formación en manexo de Carretillas Elevadoras, charlas ou obradoiros prácticos en técnicas de procura de emprego, así como distintas accións formativas en novas tecnoloxías.

As accións executadas polo departamento concluíron cun total de 137 insercións laborais, das cales 44 foron tramitadas directamente pola Axencia Local de Colocación a partir das demandas realizadas polo tecido empresarial, e 88 producíronse nos diferentes programas de emprego acadados polo Concello a través de subvencións.