O Concello do Porriño inviste 228.000 euros na mellora integral de once parques infantís

 

No seu obxectivo de ter en óptimas condicións todos os parques infantís do municipio, o Concello do Porriño vén de presentar un proxecto construtivo de mellora destes espazos de lecer a través do cal se actuará en once deles, localizados no centro urbano e nas parroquias.

A día de hoxe, as actuacións, que suporán unha inversión de máis de 228.000 euros, con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial, están en fase de licitación e os prazos determinan a súa execución nun prazo de seis meses.

“Somos conscientes de que a gran parte das 38 áreas de xogo infantís que están distribuídas por todo o termo municipal precisan ser acondicionadas, algunhas delas presentan un estado nefasto e lamentable, e así o faremos. Creáronse novos espazos como o da Praza da Alameda e anunciamos a reconversión doutros como o Parque Infantil na zona do antigo Campo da Feira, e agora con esta nova achega imos mellorar sete parques do casco urbano e outros catro en parroquias”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo, á vez que remarca que “xa temos proxectos para acondicionar todos eles, unicamente estamos pendente da dotación orzamentaria correspondente, de aí que, a medida que vaiamos dispoñendo de recursos, sen dúbida investiremos nesta materia, porque manteño o meu compromiso de facer do Porriño unha auténtica cidade da infancia, e a mellora de parques infantís é unha prioridade”.

Os sete parques do centro da vila na que se acometerán limpezas, melloras e reparacións son o do Cristo, o do Matadoiro, o de Fontevella (Pío XXII), o do Camiño do Cando (fronte á Igrexa), o da urbanización O Sol, o de Lamazares e o do Campo da Feira. As actuacións a levar a cabo céntranse principalmente na reparación dos pavimentos coa colocación de céspede sintético en cinco deles, o arranxo de diferentes elementos ou partes destes (tobogáns, columpios, balancíns….) algúns dos cales serán substituídos por outros novos; axuste e fixación de pezas e elementos; limpeza e preparación de distintas superficies para posterior aplicación de pintura e verniz protector.

En Torneiros actuarase en dous parques, no da fase II e no da fase III. Alí tamén se acometerán reparacións e limpezas de diferentes elementos de xogo, así como o reemprazo de pezas novas, e a maiores tamén se arranxarán bancos. Ademais, no primeiro deles substituirase o actual pavimento coa colocación dunha capa de area e no segundo será preciso toda a retirada do pavimento existente e a disposición dun novo con instalación de céspede sintético.

Os outros dos parques que completan a lista son o da Escola Unitaria de Mosende e o de San Diego, na mesma parroquia. No da escola levarase a cabo unha recolocación dos elementos de xogo, que serán postos a punto; colocarase unha capa de area e procederase á retirada do peche perimetral para a instalación dun novo. No outro, ademais da reparación e limpeza das diferentes estruturas, demolerase o pavimento e realizarase un novo.

A superficie na que se actuará nestas sete áreas de xogos suman un total de 2.280 metros cadrados.

Con todo, dende o goberno municipal aseguran que estas actuacións se completarán con melloras en todos e cada un dos parques infantís de tódalas parroquias que se sufragarán con fondos propios.

 

Máis de 40 pilotos de Galicia e Portugal danse cita mañá no Porriño

 

O Concello do Porriño acolle un evento de scalextric primeiro nivel, será da man do Slot Club Porriño, na súa sede localizada no número 2 da rúa Ourense. Trátase do Campionato Ibérico Legend organizado pola marca SRC. A competición celebrarase ao longo deste sábado, 4 de febereiro, e contará coa participación de máis de 40 pilotos procedentes de toda Galicia e do Norte de Portugal.

O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro de Deportes Abel Estévez presentaron xunto con representantes do Slot Club Porriño o cartel desta xornada que dará comezo ás 09.00 horas coas verificacións, momento no que a organización porá a lupa nas mecánicas dos coches para comprobar de que todo está correcto. A saída do primeiro dos coches está prevista para ás 10.00 horas. Os pilotos deberán percorrer 20 tramos, divididos en catro sección de cinco tramos cada unha. A proba continuará pola tarde, xa que logo da parada para xantar, a partir das 16.00 horas, os pilotos volverán a poñerse aos mandos dos seus vehículos para disputar as dúas últimas sección.

A cita de mañá é a segunda, única na provincia, dun total de 16 probas repartidas por toda a xeografía española e Norte de Portugal. Neste campionato Legend os participantes están divididos en cinco categorías: os 4×4, para coches con tracción ás catro rodas; os 4×2, para os coches con só tracción atrás; os máster, para pilotos nacidos antes de 1973; os infantís, para a cativada nacida a partir do 01/01/2009 e a categoría damas.

Dende o Concello e dende o Slot Club Porriño animan a asistir a “esta gran xornada de scalextric, aínda que só sexa para ver como van de rápido estes vólidos”.

O Porriño contrata a esterilización da súa poboación felina

 

O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 120 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato cunha clínica veterinaria sita no Porriño que levará a cabo a esterilización de 90 femias e 30 machos.

O Obxectivo desta actuación é a captura dos animais para a súa esterilización e posterior solta, en aplicación do método CES ( captura, esterilización e solta) e así evitar o crecemento descontrolado da poboación felina.

Este ano contaremos coa colaboración de PROXECTO GATO que se encargará, xunto coas voluntarias e voluntarios acreditados polo concello, de conseguir este obxectivo. 

A maiores, o concello está na redacción dun convenio con PROXECTO GATO xa que entendemos que esta colaboración máis estreita é necesaria para poder cumprir obxectivos comúns como é a protección e o benestar dos animais.

“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza. Nesa liña traballamos”.

No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.

O Porriño camiña da man da educación cara a igualdade

 

O Porriño vólcase un ano máis coa igualdade. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, presentaron hoxe o inicio da programación anual  baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade”.

Foi no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios onde se estaba a desenvolver o primeiro dos Obradoiros de Xénero incluídos no programa. Nesta actividade, dirixida aos nenos e nenas de 6º de educación infantil dos centros educativos do Porriño, o alumnado traballará os estereotipos de xénero.   Nestes obradoiros participarán preto de 200 nenos e nenas.

“Temos moi claro que para acadar unha igualdade real efectiva é esencial traballar da man da educación”, explicou a concelleira, “Para loitar contra os estereotipos de xénero é necesario actuar en idades moi temperás xa que é cando se pode romper con estas etiquetas e perxuízos que sustentan a desigualdade”. 

No mesmo sentido se expresou o rexedor que destacou a importancia de “desenvolver unha programación anual tal e como se recolle no Plan de Igualdade, que non se limite a conmemorar unhas datas sinaladas, senón que traballe cada día na sensibilización, información e, sobre todo, na educación das/os máis pequenas/os, xa que eles serán ese mundo xusto e igualitario de mañá”. 

Os primeiros domingos de cada mes habrá mercado ambulante no Porriño

 

A concellería de Comercio do Concello do Porriño, que dirixe Antía Carrera, informou hoxe da ampliación dos días de mercado ambulante no Porriño. A petición dos vendedores, o Concello do Porriño suma unha nova data mensual de celebración do mercadiño. Será o primeiro domingo de cada mes e os postos instalaranse na mesma localización que o resto dos días, na rúa Leandro Diz.

A feira desenvolverase en horario de tarde. Nos meses de inverno instalarase de 16 a 19:30 h e no verán, cando os días son máis largos, de 16 a 21 h.

Comezan as obras de construción dun muro de contención na Buraca, en Cans

 

O Concello do Porriño, a través da concellería de Vías e Obras que dirixe Ramón Porto, comezou hoxe as obras de execución dun muro de contención de pedra en Lourido, na parroquia de Cans.

Trátase dun muro de 10 ml de lonxitude e unha altura de entre 1,5 e 5 m proxectado para asegurar a estabilidade deste camiño da Buraca que estaba a desplomarse. 

“A situación na que se atopa este camiño supón un risco para os usuarios e o derrube de terras que se estaba a ver agravado coas inclemencias do tempo requería dunha actuación urxente”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

As obras contan cun orzamento de 9.018,09 euros.

A Biblioteca do Porriño pechou o 2022 con cifras de récord

A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da concellería de Cultura , rexistrou no 2022 o seu récord histórico de préstamos e un alto índice de participación nos seus servizos e actividades. Así o sinalan os datos contabilizados o pasado ano que,  con 27.747 préstamos, rexistran un incremento dun 21%, situando á Biblioteca do Porriño á cabeza do ranking galego xunto ás grandes cidades.

O número de préstamos é o maior indicador de éxito pero tamén destaca o incremento de usuarios. Na actualidade son 8.344 as persoas usuarias, dos cales 494 se deron de alta no 2022.

“O segredo do éxito da nosa Biblioteca é manter a colección totalmente actualizada e facer a inversión necesaria para que as/os usuarias/os dispoñan das últimas novidades tanto en lingua galega como en castelán. Contamos cun fondo de 39.940 documentos á disposición das/os usuarias/os”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais a biblioteca non se limita ofrecer o servizo de préstamo, tamén sirve de plataforma de iniciativas culturais atractivas e de numerosas actividades de promoción da lectura”.

Neste sentido destacan iniciativas como o Club de Lectura, concebido como un espazo para ler e falar dos libros, ou as exitosas Xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”, que este ano se retomarán incluíndo, ademais das conferencias, talleres para nais e pais, ou a Feira do Libro

Este ano sumaranse as Xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro”, organizadas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e o Club de Lectura. A galega Ledicia Costas, será a encargada de presentalas e contarán con nomes como Marcos Calveiro, Diego Giráldez, Raquel Castro ou Carlos Meixide.

 

Alejandro Lorenzo coñece as capacidades tecnolóxicas de AIMEN e a súa activa participación en proxectos de I+D+i

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Industria, Rosario Costas, visitou esta mañá o Centro Tecnolóxico AIMEN co obxectivo de coñecer as capacidades tecnolóxicas e proxectos máis destacados que está a desenvolver o centro na actualidade.

Ambos mantiveron unha reunión co presidente de AIMEN, Antonio Casal; o director xeral do Centro, Jesús Lago; e outros membros do equipo directivo, quenes explicaron o traballo que veñen desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia no ámbito da fabricación avanzada e fábrica intelixente.

A continuación, percorreron as instalacións da Planta de Tecnoloxías de Unión e a Planta de Tecnoloxías Láser, onde se puido coñecer o equipamento vanguardista do que dispón o Centro para favorecer a innovación e proporcionar á industria galega servizos de alto valor engadido.

O presidente de AIMEN, Antonio Casal, agradeceu a visita e puxo en valor a importancia da colaboración entre centros e administracións para seguir innovando e reforzar a transferencia de tecnoloxía e coñecemento ao tecido empresarial.

Pola súa parte, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de contar no municipio cun centro tecnolóxico referente en I+D+i a nivel nacional e internacional e reiterou a disposición do Concello do Porriño a colaborar no necesario para que AIMEN siga contribuíndo á mellora tecnolóxica das principais empresas galegas e tamén co desenvolvemento económico do Porriño.

O Entroido quenta motores no Porriño

O Concello do Porriño prepara xa o Entroido 2023 e vén de publicar as bases nos desfiles de comparsas que se celebrarán o sábado 18 de febreiro e martes 21 de febreiro.

A participación está aberta a todas aquelas comparsas constituídas como asociacións ou clubes sen ánimo de lucro que teñan un mínimo de 10 compoñentes. A inscrición abre o 30 de xaneiro ata o 10 de febreiro, ambos incluídos, e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello.

Tal e como recollen as bases haberá dúas modalidades, infantil (ata 12 anos) e adultos (a partir de 13 anos).

Este ano os grupos optarán a premios de ata 1.200 euros, dependendo do número de compoñentes da comparsa (300 euros de 10 a 19 compoñentes, 550 euros de 20 a 39 compoñentes, 850 euros de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros de 56 a 85 compoñentes 1200 para as de máis de 85 compoñentes). O importe máximo que se establece é de 13.950 euros polo que os premios se repartirán ata acadar esta cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón:  https://oporrino.org/documentos/bases-entroido-2023/

Impreso de solicitude:    https://oporrino.org/documentos/inscricion-desfiles-comparsas/

Modelo de declaración responsable:  https://oporrino.org/documentos/declaracion-responsable-entroido/

 

II Concurso Escolar de Carteis do Entroido

Os nenos e nenas serán de novo os encargados de deseñar o cartel e dar o pregón do Entroido porriñés. Dende a Concellería de Educación e Normalización Lingüística convócase o II Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscan as mellores ilustracións para promover estas festas no Porriño.

Neste concurso, elaborado de forma conxunta polos servizos municipais da OMIX e Normalización Lingüística, poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do Porriño, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Nesta edición establécense 3 categorías  (de 6 a 8 anos; de 9 a 12 anos e de 13 a 16 anos) para as que haberá 1º, 2º e 3º premio en cada unha delas, 9 persoas premiadas en total que recibirán un lote de material escolar. Ademais, de entre todos os carteis premiados escollerase un que será a imaxe do Entroido do Concello do Porriño 2023 e a persoa creadora do cartel dará o pregón do Entroido 2023.

Un ano máis , o Concello pretende, a través deste concurso, implicar á cidadanía máis nova na organización da súa axenda cultural; así como promover e dinamizar a lingua e cultura galegas valéndose dunha festividade tan vencellada á nosa tradición cultural. Os carteis do Entroido serán expostos no Centro Cultural Municipal e mais nas redes sociais do Concello.

Dende a OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística animan a participar a toda a comunidade escolar para formar parte da imaxe do Concello do Porriño nestas datas festivas.

Pódense consultar as bases do concurso na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/bases-ii-concurs…-cartel-entroido/