Comezan as obras de humanización e mellora das rúas Buenos Aires e Progreso

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe o inicio das obras de humanización e acondicionamento das rúas Buenos Aires e Progreso, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, técnicos do departamento autonómico de Infraestruturas e da empresa adxudicataria.

Os traballos, que contemplan a reforma integral da PO-329 ao seu paso polo centro urbano transformándoa nunha rúa na que os coches ceden protagonismo aos peóns, deron comezo hoxe e teñen un prazo máximo de execución de 5 meses.

“Con esta actuación daremos vida a unha zona do centro urbano que precisa dinamizarse e acondicionaremos un dos principais accesos á vila, reforzando a seguridade peonil, mellorando a accesibilidade e a estética e favorecendo a integración urbana, ademais de retirar o paso de vehículos pesados da zona”, explicou o alcalde.

Os traballos comprenden a intervención nun treito de case 700 metros desta vía, na que se reforzará a seguridade a pé dos vecinos, ademáis de mellorar a accesibilidade e tamén o aspecto estético deste treito da vía, favorecendo a súa mellor integración urbana. En concreto, os traballos consistirán na execución de beirarrúas máis anchas, para o que se reducirá un pouco a anchura dos carrís de circulación na reordenación das zonas de aparcadoiro en todo o treito de actuación, na renovación dos pavimentos, tanto das beirarrúas como dos aparcadoiros; e na rehabilitación da calzada. Completarase a actuación coa dotación de mobiliario urbano: dispoñeranse bancos, papeleiras, xardineiras e árbores; ademáis de mellorar a iluminación con 22 novos puntos de luz e con 12 reforzos luminosos nos pasos peonís, para garantir unha maior seguridade.

Os traballos proxectados polo departamento de Infraestruturas da Xunta dividiranse en cinco treitos, en función das necesidades de actuación detectadas en cada un deles. NO primeiro tramo, entre as dúas interseccións coa rúa dos Muíños, que chega ao comezo do peche protexe as vías dotren, aumentarase o ancho da beirarrúa, reducíndose os carrís e deixando as prazas de aparcadoiro na marxe dereita. No segundo treito, desde o comezo do peche de Adif ata o paso a nivel, reordenarase a sección actual da calzada para aumentar o ancho das beirarrúas, manténdose tamén aquí os aparcadoiros na marxe dereita.

O tramo tres vai desde o paso a nivel ata o cruce coa rúa Ponte do Valo, onde se proxecta nunha plataforma compartida a nivel, de sentido único de circulación desde o mesmo paso a nivel ata a rúa Avelino Villasuso. No cuarto treito, que descorre cruzando o río Louro e pasa baixo a autovía A-55, vaise mellorar a seguridade peonil, colocando pasos elevados e adaptándose á normativa de accesibilidade. E no quinto treito, que acaba na glorieta da PO-331, reordenarase a calzada para gañar espazo para os peóns

Avanzan os traballos de mellora dos parques infantís

O Concello do Porriño avanza no seu obxectivo de acondicionar e mellorar todos os parques infantís. Os traballos, que abranguen 33 zonas de xogo do centro urbano e das parroquias, están a ser acometidos con varias vías de financiación, algún deles con fondos propios e outros con cargo a unha liña de axudas do Plan Concellos da Deputación Provincial que supón unha inversión de 228.000 euros.

Os traballos licitados contemplan sete parques do centro do Porriño nos que se están a acometer limpezas, melloras e reparacións son o do Cristo, o do Matadoiro, o de Fontevella (Pío XXII), o do Camiño do Cando (fronte á Igrexa), o da urbanización O Sol, o de Lamazares e o do Campo da Feira. As actuacións a levar a cabo cenráronse principalmente na reparación dos pavimentos coa colocación de céspede sintético en cinco deles, o arranxo de diferentes elementos ou partes destes (tobogáns, columpios, balancíns.) algúns dos cales foron substituídos por outros novos; axuste e fixación de pezas e elementos; limpeza e preparación de distintas superficies para posterior aplicación de pintura e verniz protector.

En Torneiros estase a actuar en dous parques, no da fase II e no da fase III. Alí tamén se acometen reparacións e limpezas de diferentes elementos de xogo, así como o reemprazo de pezas novas, e a maiores tamén se están a arranxar os bancos. Ademais, no primeiro deles estase a substituir o actual pavimento coa colocación dunha capa de area e no segundo será preciso toda a retirada do pavimento existente e a disposición dun novo con instalación de céspede sintético.

Os outros parques que completan a lista son o da Escola Unitaria de Mosende e o de San Diego, na mesma parroquia. No da escola levarase a cabo unha recolocación dos elementos de xogo, que serán postos a punto; colocarase unha capa de area e procederase á retirada do peche perimetral para a instalación dun novo. No outro, ademais da reparación e limpeza das diferentes estruturas, demolerase o pavimento e realizarase un novo.

A superficie na que se actuará nestas sete áreas de xogos suman un total de 2.280 metros cadrados.

A maiores, como xa dixemos, estas actuacións completáronse con melloras no resto dos parques sufragadas con fondos propios. Moitas delas xa executadas como o de Carracido, A Graña, Candosa, San Paio , A Guía, Vilafría, Cerquido, Orbenlle, A Forna, Sanguío, Devesa ou Costeira.

“Manteño o meu compromiso de facer do Porriño unha auténtica cidade da infancia e por iso a mellora dos parques infantís é unha prioridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Hai moitos nenos e nenas no pobo, non só no centro urbano, senón tamén nas parroquias e todos eles teñen que disponer de espazos seguros para xuntarse a xogar. Por iso non só acondicionaremos as existentes, senón que farei o preciso para habilitar novos parques para eles.

A Vida nun Click, gardando as lembranzas das persoas con alzhéimer

O centro cultural acolleu onte a proxección dos traballos de “A Vida nun Click” , a actividade interxeracional que levou a cabo o alumnado do IES Pino Manso e as persoas usuarias da Unidade Asistencial de Día de Afaga no Porriño.

O obxectivo desta actividade era escoitar as historias de vida dos maiores e recollelas nun soporte dixital de imaxe, texto e audio. En resumo, crear uns documentos de vida e axudar a que maiores e mozos se coñezan e valoren.

Despois de dous meses e cinco encontros nos que se apostou por conectar a curiosidade do alumnado coa xenerosidade e experiencia dos maiores, onte proxectáronse os vídeos.

Samu traballou con Dorinda, Paula con Lidia, Nash con Fita, Eloy con Carmen, Raúl con Mari Paz, Nabor con Rosa, Iago con María, Nerea e Sara con Fina, Iker con Naty, Isma con Manolo, Yoel con Pepe, Raúl con Cholo e Bryan con Esperanza. Onte disfrutaron xuntos do traballo.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor esta iniciativa “xa que traballando da man, implicando a todas as xeracións, será como consigamos avanzar e concienciar sobre esta enfermidade”. Lorenzo destacou que “moitas veces é complicado explicar aos mozos e mozas o que lle está a acontecer ao seu avó ou avoa, incluso aos maiores nos costa entendelo, e non se me ocorre mellor maneira de explicalo que que sexan eles mesmos quen o faga, os que conten o que sinten e o que lles está a pasar. Ademais, gardamos as súas historias. Nin o tempo poderá borrar xa estas lembranzas e por iso o valor deste traballo é incalculable”.

Máis de 300 veciños do Porriño terán servizo de saneamento antes de fin de ano

O comité directivo do Consorcio de Augas do Louro, presidido por Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, aceptou a proposta de adxudicación para a contratación de seis obras en materia de saneamento no Concello do Porriño. As actuacións supoñen unha inversión de máis de 900.000 euros e darán servizo a preto de 300 veciños de distintas parroquias.

Serán unhas 80 vivendas as que a finais deste 2023, algunhas delas antes xa de rematar o verán, estarán conectadas ao sistema de saneamento do Louro. “Trátase de darlle á veciñanza un servizo básico que lle corresponde, que neste caso levamos a cabo con fondos propios do Consorcio, que non debemos esquecer que dependen dos recursos que aporta cada municipio (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui), co pago dos impostos dos seus cidadáns, pero que dende todos os concellos debemos impulsar e dar prioridade a actuacións como estas, con axuda tamén doutras entidades supramunicipais, para dar resposta a todas as demandas”, explica o presidente Alejandro Lorenzo.

Estas seis actuacións no termo municipal do Porriño son: na Rebouza, parroquia de Atios, onde se instalarán 700 metros de tubaxe que conectarán á rede de saneamento a unha ducia de casas, beneficiando a máis de 40 veciños, cunha inversión de 145.436,17 euros. Outro dos proxectos engloba catro actuacións dúas en Atios (Portela de Souto e en A Rocha-Covelo), unha en Pontellas (Igrexa-Centeáns Arrotea) e outra en Torneiros (San Roque-A Areeira), nas cales a inversión chega aos 310.846,18 euros e suporán a posta en funcionamento de máis dun quilómetro de canalización, dando servizo a 19 casas e preto de 70 usuarios. Por último, a de maior magnitude en canto a inversión e beneficiarios, é a proxectada na estrada de Mosende a Tui, en Madorras, onde se instalarán seis colectores cunha lonxitude de 1.100 metros e unha estación de bombeo, ademais esta actuación permitirá anular un canon de vertido non autorizado da CHMS e poñer en servizo outros 1.200 metros lineais de canalizacións existentes posibilitando así a conexión á rede de medio cento de edificacións, entre as que se atopa tamén a Escola de Mosende, e preto de 200 habitantes; a inversión neste caso é de 450.460,17 euros.

Prevese que ao longo do vindeiro mes de xuño comecen a executarse os traballos de todas estas actuacións, quedando rematadas antes de que finalice o ano.

Con todo, Lorenzo volve facer fincapé en que “as inversións continuaranse nos próximos meses: máis proxectos, licitacións e recepcións de obras que irán completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios para dar servizo á totalidade da veciñanza”.

Xa está aberta a inscrición no Campamento de Verán 2023!

Xa se pode formalizar a inscrición no Campamento de Verán 2023 do Concello do Porriño. A actividade está dirixida a rapaces e rapazas do Porriño de entre 3 e 12 anos e enfocada na aprendizaxe, formación e ocio para eles e elas. 

Este ano desenvolverase entre o 3 de xullo e o 11 de agosto en quendas de dúas semanas cada unha: do 3 ao 14 de xullo, do 17 ao 28 de xullo e do 31 de xullo ao 11 de agosto.  O horario será de 8:45 a 14 h. 

En cada quenda poderán participar 50 nenas e nenos.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 2 de xuño ás 21 h e pode formalizarse presencialmente por rexistro ou on line a través da sede electrónica do Concello. 

Para máis información podes dirixirte ao  3º andar do Concello do Porriño ou chamando ao 986337429.
Ext 6. / Ext 257

Deixámosvos a documentación necesaria para formalizar a inscrición. 

 

Inscrición e baremo

https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-campamento-de-veran-2023/

Autorización

https://oporrino.org/documentos/autorizacion-para-recoller-participante-no-campamento-de-veran/

Información

https://oporrino.org/documentos/informacion-campamento-de-veran-2023/

Catro patas de apoio

A concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño están a desenvolver un Programa de Intervencións asistidas con Cans para o alumnado con NEAE do centro educativo ACEESCA.

Baixo o lema “4patas de apoio”, profesionais dedicados ás intervencións asistidas con animais trasladan aos participantes os beneficios que achegan os cans aos seres humanos, mediante a súa incorporación en contextos terapéuticos, co obxectivo de proporcionar motivación e estímulo. 

A través da alianza co can, o alumnado traballa as áreas que axudan ao seu desenvolvemento, promovendo a comunicación, o respecto, a autoestima e a valía persoal. 

Ladrando ladrando a clase pasa voando

O Concello do Porriño, a través da concellería de Educación e a OMIX, está a desenvolver nos centros educativos os obradoiros de educación en valores asistidos por cans de terapia “Ladrando ladrando a clase pasa voando”.

Nesta actividade participan 206 nenas e nenos de segundo de primaria do CEIP Antonio Palacios, CEIP de Atios, CEIP Cruz Budiño, CEIP Ribeira do Louro, CEIP Xosé Fernández López, CEIP Ribeira, CEIP Xosé Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CPR Santo Tomás e EI de Mosende.

“O obxectivo desta actividade é trasladar os beneficios que achegan os animais nas contorans escolares, co fin de traballar de forma transversal a educación en valores e a posesión responsable de mascotas, con obradoiros orientados a este fin”, explicou a concelleira, Carolina González.

No mesmo sentido se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que engadiu que se elaboraron para traballar tamén “o compañeirismo, o respecto, a integración, a solidariedade e a autoestima, así como os hábitos de hixiene e alimentación saudable”.

Nestes obradoiros abórdanse, entre outros temas, a educación en positivo o acoso escolar e os contratempos derivados de problemas de conducta.

A metodoloxía en todos eles é sempre activa, participativa, lúdica e integradora.

34 comercios locais amosarán na “I Porriño Fashion Weekend” as últimas tendencias da moda

Desfiles, música e moito máis é o que ofrecerá a primeira edición da “Porriño Fashion Weekend” que se desenvolverá dende o venres ata o domingo.

Este evento, que convertirá a vila nunha gran pasarela de tendencias, arrancará o venres 14 coa shopping Night, unha noite de comercio aberto na que os establecementos da vila abrirán tamén dende as 21 h e ata as 24 h. Unha noite de compras na que haberá tamén Djs, coctelería, sorteos e moitas propostas da man de comerciantes e hostaleiros.

O broche de ouro a esta primeira xornada será musical da man da orquestra Panorama que actuará a partir das 24 h na rúa Antonio Palacios (á altura do parque Ordóñez) e a continuación DJ DGrace.

A programación continúa o sábado 15 coq fashion Night. A partir das 19 h a rúa peonil transformarase nunha gran pasarela que mostrará as últimas tendencias en moda, peiteados e florería da man do comercio local. Zapatería, moda,  roupa infantil e deportiva, complementos, peiteados, maquillaxe, vestidos de noiva e arreglos florais compoñen as propostas que lanzan os establecementos participantes.

A xornalista porriñesa, Raquel Atanes, será a encargada de presentar o desfile, que rematará coa música en directo de Manu Pereyra (en colaboración con Origen Café).

A música tamén clausurará a xornada coa sesión dj na praza da man de DJ Raper & Traffic House.

O domingo 16 desenvolverase o Fashion Market, un gran mercado que se instalará na rúa Leandro Diz a partir das 16 h.

Participantes: Addiction, Elisardo Moda, Ishop, Moda Click, Volvoreta, Zafiro, Topitos, Polisport, Mapa Porriño, Orevshop, Meigallo, Dana Shop, Brooklyn Moda, Suengas, Andreu, Noa, Zapatería Tic Tac, Minerva, José Vila Estilistas, Sencar Peluqueros, Blackbird, Xiada Costas,  Merchy Díaz, Eliseo Peluquería, Ondas y Perfil, Dillarte, Abreu, Marisé, Xantar de Pepa, La de Chato, Nómadas, Scala, Francachela, Argentino 2, Hotel Parque, La Cueva, La Bendecida, El pincho, Origen, Underground, La bici, Bolboreta, Galibar, El cincuentaicinco, Safari, Ácronos e a Vinoteca.

 

 

O Concello do Porriño distribúe desfibriladores nas parroquias

O Concello do Porriño fixo entrega de dez equipos DESA a asociacións veciñais e clubs deportivos do municipio que se distribuirán en todas as parroquias.

Os equipos foron entregados ao Porriño Industrial (Campo Municipal do Lourambal), Unión Deportiva Atios (Campo de fútbol O Carballo), CD Pontellas (Campo de fútbol San Campio), CF San Salvador de Budiño (Campo de fútbol de Budiño), AD Mosende (Campo de fútbol de Mosende), Club Atletismo Porriño (Pistas de atletismo no Polígono A Granxa-Budiño), AVC As Mimosas (Centro Cultural de Carracido), ELM Chenlo (Centro Cultural de Chenlo), AV O Castelo de Cans (Centro Cultural de Cans) e ao Multiusos de Torneiros.

A equipación inclúe un desfibrilador externo cun xogo de parches de electrodos, unha batería, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable.

O Concello dota así ás asociacións dun recurso para actuar de maneira coordinada cos profesionais do 061 para gañar tempo na atención dun paro cardíaco, intentando que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais. O principal factor de éxito ou fracaso nestes casos é o tempo e por iso se convirte nunha prioridade dispoñer de equipos de reanimación cardio-pulmonar distribuídos por todas as parroquias e formar a un equipo de persoas para a súa utilización.

O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maioría son debido a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos básicamente devolven o ritmo normal ao corazón.