O Porriño licitará a limpeza viaria de todas as parroquias

O Concello do Porriño prepara xa a contratación da limpeza viaria e desbroce de todas as parroquias do municipio. Trátase dun servizo esencial que ten que prestarse de maneira continuada para manter as zonas rurais en bo estado e que se viña acometendo con contratacións puntuais.

Con tal motivo, o novo executivo traballa na súa licitación, para un periodo de catro anos, cun orzamento de 1 M de euros.

“Só está regularizada a limpeza viaria en parques e xardíns do centro urbano e Torneiros, mentres no resto das parroquias, que conforman o rural do municipio, hai que contratalo a maiores ou executalo con persoal municipal. Isto impide en moitos momentos manter en boas condicións os camiños e beirarrúas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para poñer fin a este problema traballamos xa nesta licitación co fin de poñela en marcha sen dilacións no próximo exercicio económico”.

Máis de 100 requerimentos a particulares para limpeza de fincas

O rexedor apuntou que o mesmo contrato contemplará os traballos en fincas particulares que teña que executar de maneira subsidiaria o Concello tras incumprimento dos propietarios de manter as súas propiedades limpas de maleza. 

“Nese caso, como marca a lei, os propietarios serán notificados desde o Concello e de incumprir a súa obriga no prazo estipulado actuarase, impoñendo os costes ao infractor, ademais das sancións económicas correspondentes”, lembrou Lorenzo.  Cabe destacar que este ano notificáronse máis de 100 requerimentos para limpeza de fincas particulares e que as multas por incumprir esta obriga son de 300 e os 6.000 euros.

Un novo tractor realiza traballos de limpeza forestal

O Concello do Porriño dispón estes meses dun tractor equipado con desbrozadoras de maleza que está a realizar traballos de limpeza nos viais municipais. A nova maquinaria foi cedida pola Xunta de Galicia para labores de limpeza forestal na tempada estival tras a adhesión do Porriño ao convenio de Xestión da Biomasa suscrito pola Xunta, Fegamp e Seaga para a prevención e defensa contra os incendios forestais.

Rematado o acondicionamento do acceso a Torneiros dende a PO-331

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, comprobaron o resultado das obras de acondicionamento do acceso a Torneiros dende a PO-331, cuxos traballos finalizaron esta mesma semana.

A actuación, que supuxo un investimento de 142.000 euros, continuou coa humanización e construción de beirarrúas do vial, para mellorar a mobilidade peonil e a seguridade vial dende o cruce da estrada provincial ata a entrada de Lonza, aprobada no 2021.

Os traballos incluíron a mellora da pavimentación e a dotación ás vivendas dos servizos necesarios, incluíndo melloras nas redes de pluviais e saneamento e tamén no alumbrado. Ademais, acondicionouse o lavadoiro da Relva.

Durante a visita á zona, o rexedor reiterou que a mellora do viais  segue a ser “un dos obxectivos prioritarios da acción de goberno”

“Neste momento temos proxectos preparados para executar pendentes só das pertinentes autorizacións por valor de 1.300.000 euros”, concluíu o alcalde, “Todas elas son actuacións necesarias en todas as parroquias, que van dende asfaltados, melloras da iluminación, obras de saneamento e humanizacións”.

Arranca o ciclo de teatro amador Feteagal con catro obras no mes de agosto

O Porriño acolle o II Ciclo de teatro amador Feteagal, organizado polo Concello do Porriño e a Federación Teatral Afeccionada de Galicia en colaboración con Escena Amateur, con varias representacións programadas entre agosto e outubro nas que se poderá disfrutar de varios grupos galegos e de ámbito nacional.

A actuación que abre o certame teatral correrá a cargo de Coles Teatro, que representará “Pepa Loba” o xoves 11 de agosto, ás 23 h no parque Alameda (Avda. de Galicia). O venres 12, á mesma hora, no parque do Sol, Metátese Teatro presentará “Escola de Vaqueiras”.

As seguintes citas serán, o sábado 20 de agosto, ás 22h no barrio de San Benito, con “Tantos Anos de Silencio” de Esteta Teatro e o domingo 21 á mesma hora no parque do Cristo, Oreteiro Teatro presentará Arritmia.

Volve “TES TALENTO?” !

Grupos de música e solistas emerxentes terán unha nova oportunidade de promoción no Porriño: volve TES TALENTO?. 

Como nas anteriores edicións, o certame busca descubrir novos talentos e promover aos/as músicos/as emerxentes da contorna.

“Hai anos preguntámonos se había talento no Porriño e a resposta foi moi clara: hai talento! Hai moito talento na vila e o menos que podemos facer dende o concello é dalo a coñecer”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. Así, tras anos sen convocarse, o novo executivo decidiu recuperalo atendendo á demanda da veciñanza.

A inscrición abrirase o día 16 de agosto e rematará o día 26 de agosto, de luns a venres en horario de 9 a 14 h nas dependencias do rexistro do Concello do Porriño.

Haberá dúas modalidades, infantil e adultos. En ambas poderán presentarse grupos ata un máximo de catro compoñentes e o tempo de actuación será de tres minutos como máximo.

Un xurado formado polo concelleiro de Festexos, tres especialistas no campo artístico musical e unha persoa funcionaria do Departamento de Cultura e Festexos que designe o Concello, será o encargado de outorgar os premios.

O gañador desta edición farase con 400 euros e a gravación dun tema ou vídeo promocional, o segundo cun premio de 250 euros e o terceiro cun premio de 150 euros. Para os tres finalistas infantís, un lote de produtos escolares e trofeo.

A fase preliminar (audicións pechadas ao público) celebrarase o día 3 de setembro. As/os seleccionadas/os disputarán as semifinais, que terán lugar o día 18 de setembro para a categoría infantil (menores de 16 anos) e os días 27 e 29 de setembro para adultos (de 16 anos en diante).

A gran final, na que se decidirán aos/as gañadores/as, terá lugar o día 2 de outubro. 

O Concello do Porriño aplica medidas de aforro de auga

O Concello do Porriño vén de anunciar a aplicación de máis medidas específicas para aforrar auga, en previsión de que empeore a situación de prealerta por seca que afecta á comunidade.

Atendendo á petición do Consorcio de Augas do Louro, que activou o plan de emerxencia ante a situación de seca prolongada, o municipio cortou o baldeo de rúas hai dúas semanas. Agora, de maneira inmediata, procederase ao peche dos sectores de rego en parques e xardíns, así como á detección e redución de fugas que poidan incrementar o consumo.

A escaseza prolongada de precipitacións deste ano fai del o máis seco dende o ano 1980, cun alto risco  de seca en poucos meses. Con tal motivo, ademais de aplicar as medidas a nivel municipal, dende o Concello reiteran a súa petición á poboación de facer un uso responsable da auga.

 

A implantación do 5G pode xerar incidencias na recepción do sinal TDT os próximos días

A rede móbil de nova xeración activarase nos próximos días. Para solventar as afectacións do TDT, habilitouse o teléfono de atención gratuíto 900 833 999

As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, anunciaron que os próximos días realizarán o proceso de implantación no Porriño dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá aos/as porriñeses/as gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.

Esta activación pode conlevar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal das canles da TDT, debido a que se utilizaban anteriormente para o servizo de televisión.

Para solventar estas incidencias, habilitouse o teléfono de atención gratuíto 900 833 999, ao que poden recorrer todos os usuarios que necesiten solicitar a actuación nas súas instalacións para a solución das afectacións e, deste xeito, que poida restablecerse o servizo TDT con total normalidade.

Tras a notificación, un técnico cualificado de ‘Llega700’ – entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión- desprazarase onde se detectou a incidencia e procederá a realizar os labores de acondicionamento necesarias para liquidala. Todo iso sen custo algún para os cidadáns.

O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos pódese consultar a seguinte ligazón: https://www.llega700.es/contacto_mapa.php

No hay ninguna descripción de la foto disponible.

Ver insights y anuncios

Promocionar publicación

77

10 veces compartida

Me gusta

Comentar

Compartir

O Porriño edita a súa primeira guía de linguaxe inclusiva

O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Igualdade, vén de publicar a súa primeira Guía de Linguaxe Inclusiva. “Trátase dun documento que constitúe unha ferramenta práctica para non perpetuar na linguaxe os estereotipos e erradicar o sexismo e calquera tipo de discriminación nas actuacións administrativas, tanto no consistorio como fora del”, explicou a concelleira, Carolina González.

A través desta Guía de linguaxe inclusiva o Concello do Porriño pretende proporcionar, tanto ao seu cadro de persoal coma á cidadanía en xeral, unha ferramenta práctica e sinxela cunha dobre finalidade: evitar o uso sexista ou discriminatorio nos documentos administrativos públicos e resolver as súas dúbidas mediante a achega de solucións que proporcionen unha lectura fluída e non discriminatoria coa sociedade.

A tal fin, repartiranse 500 exemplares entre a veciñanza e o persoal municipal.

“Dende o Concello temos que ser os primeiros en dar exemplo e comunicar, tanto internamente como coa cidadanía, de maneira igualitaria e respectuosa”, concluíu a concelleira.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “a través da linguaxe interpretamos e poñemos nome ás cousas que nos rodean, creamos realidades. Por iso, a través dela, podemos contribuír a construír formas de pensamento máis igualitarias e respectuosas”.

Talleres para fomentar a corresponsabilidade

Están dirixidos a nenos de 3 a 12 anos e desenvolveranse do 16 ao 26 de agosto en horario de mañá en instalacións municipais

Esta actividade, impulsada pola Concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pretende fomentar entre os pequenos e pequenas valores como a corresponsabilidade, a igualdade e a cooperación á vez que facilita a conciliación laboral e familiar.

O taller desenvolverase do 16 ao 26 de agosto en horario de mañá en instalacións municipais e as prazas son limitadas (60 prazas) polo que se require inscrición previa.

O prazo para inscribirse comeza mañá,  mércores 3 de agosto, e estará aberto ata as 23:59 h do martes 9 de agosto.

 A inscrición pode facerse por sede electrónica ou a través do rexistro xeral do Concello. Terán prioridade as solicitudes que refiran e acrediten algún dos requisitos que se estipulan nas bases e o resto será por orde de entrada. Importante destacar que a documentación obrigatoria deberá aportarse xunto coa solicitude, debidamente cuberta e asinada, ou do contrario será excluída.

 

FOLLA DE INSCRICIÓN: https://oporrino.org/documentos/folla-inscricion-talleres-corresponsabilidade-22/

O Porriño rehabilita a fonte e lavadoiro da Pousadela, en Pontellas

No Porriño hai encraves cun enorme valor patrimonial e histórico. Lugares que foron puntos de encontro de varias xeracións e que nos permiten entender a historia sociocultural do pobo. Un deles é o conxunto de lavadoiro e fonte da Pousadela, na parroquia de Pontellas, que será obxecto dunha reforma que recuperará o seu valor patrimonial.
 
“O que pretendemos con esta rehabilitación é correxir unhas obras realizadas hai anos que se executaron en formigón, un material que non harmoniza nin co lavadoiro nin coa contorna natural na que se atopa, provocando un importante impacto paisaxístico”, explicou o edil de obras, Ramón Porto.
 
Con ese obxectivo, substituirase a actual cuberta e os dous piares de soporte feitos de formigón, por elementos máis acordes co lavadoiro tradicional. Concretamente por dúas columnas de pedra similares as outras dúas existentes e por unha nova cuberta tradicional con estrutura a base de madeira e cuberta de tella cerámica. Tamén se mellorará o acceso ao mesmo.
 
“Queremos recuperar o carácter orixinal e o valor histórico-artístico e etnográfico deste conxunto, comezando por correxir o exceso de formigón”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Somos moi conscientes da importancia de manter e acondicionar os elementos que conforman o noso patrimonio e evitar que o tempo os termine destruíndo irremediablemente”.
 
As obras de mellora e embelecemento do conxunto contan cun orzamento de 11.000 euros e están financiadas pola Deputación de Pontevedra.

750 peregrinos partiron hoxe cara Santiago tras pernoctar no Porriño

750 mozos/as madrileños/as partiron hoxe dende  O Porriño cara Santiago de Compostela tras facer noite no pavillón municipal do Porriño. O seu obxectivo é chegar a Santiago o próximo martes para participar na “Peregrinación Europea de Jóvenes”, un encontro no que mozos/as de todo o continente europeo peregrinan a visitar tumba do apóstolo. Inicialmente estaba prevista o pasado verán, pero por mor da pandemia e coa ampliación do Ano Santo ao 22 celebrarase este ano a primeira semana de agosto.

Á súa chegada á vila do Louro foron recibidos polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros, Abel Estévez e Carolina González, que lles desexaron unha boa estancia no pobo e un bo camiño. O rexedor fíxolles entrega de dúas bolas de pan do Porriño, o noso produto gastronómico por referencia, sabendo que “cando proben un pelisquiño terán que baixar a por máis ás nosas panaderías e establecementos de hostalería”. Lorenzo destacou a importancia que o Camiño de Santiago está a ter para o municipio como revulsivo económico e dinamizador do comercio e a hostalería local. “No que vai de ano recolleron a Compostela máis de 208.000 persoas, moitas delas tras completar o Camiño Portugués e pasar polo Porriño”, explicou o alcalde, “No pavillón municipal, que se habilita cando chegan grandes grupos a facer noite no pobo, xa pernoctaron no que vai de verán 1254 peregrinos e hai xa moitas reservas”.

Isto consolida unha oportunidade para o turismo no municipio, reportando importantes beneficios á economía local nun momento clave para a recuperación tras a pandemia. “Temos moito que ofrecer” , concluíu Lorenzo, “Quen nos visita repite e nós estamos encantados de recibir a todo o mundo”.