A Concellería de Igualdade convoca esta tarde unha concentración para demandar “Xustiza para Samuel”

O Porriño únese a unha chea de vilas e concellos de Galicia que van celebrar hoxe luns, de tarde, concentracións de repulsa pola morte do mozo Samuel Luiz, a causa dunha malleira en A Coruña e para esixir o esclarecemento do crime. A convocatoria circula por redes sociais baixo o título “Xustiza para Samuel”.
No caso do Porriño, A Concellería de Igualdade que dirixe Cami Moreira fai un chamamento á veciñanza para sumarse a esta concentración que vai ter lugar a partir das 20 horas na praza do Concello.

A Asociación de Panadeiros presentou ao Concello o rexistro “Pan do Porriño”, outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas

 

A Asociación de Panadeiros presentou ao Concello, o rexistro “Pan do Porriño” outorgado pola Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. David Alonso, concelleiro de Promoción Económica e Turismo; e Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, en representación do Concello, recibiron un exemplar do título acreditativo da marca “Pan do Porriño” que lucirá a partir de hoxe nas oito panaderías que promoveron esta marca e adheríronse ao selo. Son “Forno de Mosende”, “Chinchina”, “Argibay” “Amaquía” “O Progreso”, “Erundina”, Milagros” e “Panadería Torneiros”.

Cinco dos oito panadeiros acudiron hoxe a presentar o rexistro e agradecer ao Concello o seu apoio a “unha reivindicación que levou moitos anos de traballo e xestións ata acadar este recoñecemento”, segundo explicou José Manuel Fernández, presidente da Asociación e propietario de “Forno de Mosende”.

Na mesma liña, reivindicando a necesidade de recuperar a Festa do Pan e de atopar outros instrumentos de promoción nacional e internacional do Pan do Porriño, manifestáronse José Manuel Fernández (“Chinchina”); Claudio Argibay “Panaderia Argibay), Luis Miguel Iglesias (“Amaquía”) e José Carlos Fernández (“O Progreso”).

Pola súa banda a concelleira de Cultura e Festas expresou a súa satisfacción por “este empoderamento do Pan do Porriño por que é moi importante que se ligue a identidade da bola do pan co Porriño e con todas as actividades culturais e festivas que fagamos”.

David Alonso manifestou que “benvido sexa este recoñecemento dunha tradición histórica”. O concelleiro de Promoción Económica subliñou que as oito panaderías que integran a Asociación e lucirán o selo “xeran case cen postos de traballo no pobo o que supón unha fonte de ingresos para moitas familias”.

Tanto Cami Moreira como David Alonso comprometéronse coa Asociación a manter reunións nos vindeiros días para reanudar neste ano a celebración da Festa do Pan (probablemente en outubro) e lanzar outras iniciativas de promoción e coñecemento do “Pan do Porriño”. 

 

O Albergue reabriu este mediodía cunha notable afluencia de peregrinos e coa estrea do punto de información turística municipal


O Albergue do Porriño, pertencente á rede pública da Xunta de Galicia, reabriu este mediodía, cunha notable afluencia de peregrinos, e coa estrea do punto de información turística promovido polo Concello do Porriño.
O Concello dotou ao albergue, desde hoxe, dunha axente turística, Belén Freire que se encarga de atender e informar aos peregrinos e visitantes sobre monumentos, paisaxes, oferta gastronómica e de tempo libre no Porriño.
Esta técnica atenderá a diario, de luns a venres, en horario de 9 da mañá a 3 da tarde, segundo informou o concelleiro de Turismo, David Alonso.

Novidades na Piscina Municipal do Porriño


A partir de hoxe, día 1 de xullo e ata o día 31, a Piscina Municipal cambia o seu horario de apertura que pasa a ser o seguinte: de luns a venres de 7:00 a 14:00 e de 15:30 a 22:30, os sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 e os domingos de 10:00 a 14:00.
Hai tamén outras novidades no funcionamento da Piscina, segundo informa o Servizo de Deportes. Atendendo á mellora epidemiolóxica xa non será obrigatorio reservar hora, pero será necesario seguir mantendo as normas sanitarias: uso de máscara en toda a instalación e en todo momento salvo cando estén na piscina, distancia de seguridade de 1,5 metros e lavado frecuente de mans.

Respetarase o aforo do 50% na piscina e do 30% nos vestiarios segundo o establecido no DOG Núm. 120-Bis de Venres 25 de junio de 2021. O uso da sala de cardio será tamén posible en todo o horario de apertura, respetando sempre as normas de aforo e de hixiene, cada usuario deberá desinfectar as máquinas con xel hidroalcohólico antes e despois de cada uso.

Os cursos de natación volven á súa duración de 45 minutos, igual que antes do inicio da pandemia. E finalmente comezan novos cursos para nenos e nenas en horario de mañá, de martes a xoves, entre as 11:00 e 11:45.

Todas estas novidades na Piscina Municipal coinciden coa estrea desde hoxe da nova adxudicataria do contrato da piscina, Soom Management, S.L.

Amplíase ata o 31 de agosto o prazo de inscricións para a “II Batalla de Debuxantes Improvisdado”, organizada polo Concello

A Concellería de Cultura e Festas que dirixe a concelleira Cami Moreira comunicou que amplía ata o 31 de agosto, o prazo de inscrición para participar na “II Batalla de Debuxantes Improvisdado”, organizada polo Concello do Porriño coa ocasión das Festas do Cristo.
Este concurso lanzouse no 2020, no primeiro estado de alarma como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolveran algunha disciplina artística relacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionáronse seis artistas que concorreron á final celebrada nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.
Para este ano 2021 incluíronse diversas novidades e trasladase o escenario da final ao Parque do Cristo.
Deixamos ligazón coa web de Cultura para máis información

Batalla de debuxantes ImprovisDado. II Edición

O Albergue de Peregrinos reabre cun axente turístico contratado polo Concello

O Albergue de Peregrinos do Porriño reabrirá mañá 1 de xullo, ao igual que outros da rede pública, segundo decidiu a Xunta de Galicia.

Pola súa banda, o Concello vai dotar o albergue, tamén, a partir de mañá, dun axente turístico que se encargará de atender e informar aos peregrinos sobre monumentos, paisaxes, oferta gastronómica e de tempo libre no Porriño.

Este axente turístico atenderá aos peregrinos e turistas que se acheguen ao punto de información, situado no propio albergue, entre as 8,15 horas da mañá e as 14,15 horas da tarde, segundo informou o concelleiro de Turismo, David Alonso.

O Concello outorga achegas a 14 comunidades de traída de augas por un importe global de 77.607€

O Concello do Porriño anuncia a concesión de achegas a catorce comunidades de traídas de augas do municipio por un importe global que suma 77.607 €, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira. Este departamento convocou por segundo ano consecutivo este lote de achegas municipais ao que se presentaron catorce comunidades. Todos os solicitantes foron aceptados e non quedou ninguén excluído xa que cumprían cos criterios recollidos na convocatoria.

Recibiran as achegas as comunidades de Cerquido; San Jorge-Mosende; Chan-Casal-Orbenlle; A Pereira-Torneiros; Atios; Cruz-Budiño; Rozadas-Eirís; Carracido; Chenlo; Vitureira-Budiño; Cans; A Graña-Cans e Torneiros. Aínda resta unha solicitude máis que corresponde á comunidade de usuarios zona centro de Atios, que dispón dun prazo dun mes para a subsanación da documentación aportada, segundo explicou o concelleiro Pereira Fernández.  

O Concello do Porriño destinou para este exercicio 2021 un importe total de 95.000 €. A convocatoria publicouse en marzo no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo e ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprende a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 8.000 euros por peticionario.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros en achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, polo que este ano 2021 incrementouse tanto o número de comunidades beneficiadas como o importe total das achegas concedidas pola comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por técnicos municipais.

Pleno municipal ordinario de xuño: a corporación coñecerá a oferta de “Servicios dos Concellos Galegos S.L” para facerse co contrato de recollida de lixo ao que renunciou “Valoriza”


Esta tarde, a corporación local do Porriño coñecerá a proposta da mesa de contratación para outorgar o contrato de recollida, transporte e tratamento de lixo e residuos e xestión do Punto Limpo do Concello á firma “Servicios dos Concellos Galegos S.L.”. Un contrato dun custe de 1.300.000 euros por ano e cunha duración de nove anualidades (8+1), ao que renunciou a empresa “Valoriza Servicios Medioambientales S.A.” que fora a mellor valorada na licitación convocada polo Concello.


Sen embargo, “Valoriza” ven de presentar o seu desistimento polo que a mesa de contratación propón á segunda empresa con mellor puntuación que resultou ser “Servicios do Concellos Galegos S.L.”.
O asunto ten que ter o preceptivo ditame da Comisión Municipal Informativa de Medio Ambiente e Limpeza que está convocada de urxencia ás 17,45 horas desta tarde, é dicir, quince minutos antes da hora na que está convocado o pleno da Corporación.

Deixamos “pdf” coa orde do día da sesión

DECRETO 2021-1455 [Decreto da convocatoria] (2)

Págase o primeiro lote de axudas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos

A alcaldesa Eva Garcia firmou este mediodía, por sede electrónica, as ordes de pagamento aos 45 beneficiarios do primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.

Rematado o acondicionamento da rotonda de Antonio Palacios, sen custe para o erario municipal

A Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Pedro Pereira, comunica o remate dos traballos realizados estes días na rotonda de confluencia de Antonio Palacios coa rúa Domingo Bueno e a avenida de Galicia.

Consistiron no rebaixe dos bordillos e do adoquín perimetral. A reforma da rotonda realizouse a solicitude da empresa “Citic Censa” para facilitar o paso de camións. A configuración anterior da rotonda, cos bordes altos, impedía ou dificultaba o paso de transportes con pezas especiais de grandes dimensións. O problema radicaba en que os vehículos pesados tiñan moi complicado o radio de xiro entre as rúas Domingo Bueno e Antonio Palacios.

Precisamente ao longo do mes de xullo, “Citic Censa” ten que atender varios pedidos de pezas especiais que se teñen que trasladar ao Porto de Vigo.

As obras de reforma da rotonda, co rebaixe de bordes e adoquíns realizaronse e financiaronse pola propia empresa “Citic Censa”. Pola súa banda, o Concello aproveitará para acondicionar a zona verde da rotonda durante o mes de xullo, segundo informou o concelleiro Pedro Pereira.