As previsións meteorolóxicas para esta fin de semana obrigan a pospoñer a vixésimo oitava edición da feira de oportunidades prevista para este sábado e domingo. Tal e como anunciaron hoxe dende Acipor e o Concello do Porriño finalmente Merca na Rúa celebrarase o vindeira semana, o venres 15 e o sábado 16 de setembro en horario ininterrompido de 10 a 21 h.

Serán 24 os postos que se instalarán na rúa peonil, cunha ampla representación de sectores e produtos. Roupa, calzado, óptica, mercería ou accesorios son algúns dos artigos nos que se pode atopar importantes descontos.

Para facilitar as compras ás familias o sábado pola mañá haberá inchables para os máis pequenos, de 10 a 14h, e pola tarde obradoiros infantís da man de Hypatia e clases de baile, animación e actuacións con Studio 57.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, convidou a todo o mundo a visitar O Porriño e beneficiarse das grandes ofertas do comercio local.