A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto coa Concellería de Normalización Lingüística trae o programa “A mocidade coas Letras Galegas 2021”. Este martes 4 de maio, na Praza do Cristo, para celebrar o Día das Letras Galegas 2021 dedicado á poeta Xela Arias, en horario de mañá, cunha duración prevista de catro horas, desde as 10:00 horas ata as 14:00 horas.

Con esta iniciativa, promóvese o uso da lingua galega entre a mocidade a través dun achegamento máis atractivo e usando os seus códigos nas actividades alternativas baseadas na cultura urbana, concretamente no “rap”. Partindo de contidos culturais relacionados coa nosa comunidade e a nosa contorna, motivamos a nosa rapazada a participar en proxectos creativos.

Por outro lado, dignificase a lingua galega, usando como vínculo artístico, musical e plástico, a figura de Xela Arias, aportando o recoñecemento da poeta e toda a súa traxectoria vital.

Con “A mocidade coas Letras Galegas 2021”, no Porriño, tamén contribuímos a promover e dar visibilidade as actividades de carácter artístico e o uso da lingua galega a través deste programa mediante a súa publicación nas redes sociais, páxinas web e noutros medios de comunicación e difusión.