A Feira do Libro do Porriño que cumprirá a súa quinta edición, volverá a partir deste xoves ás rúas da nosa vila despois dun ano de parón forzoso pola pandemia. A montaxe dos stands está a realizarse hoxe na rúa peonil, diante da Casa do Concello.

A Feira do Libro do Porriño será a terceira que se celebra este ano na nosa comunidade e será a primeira que terá lugar nun concello da provincia pontevedresa.

Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Victoria Alonso, deputada provincial delegada de Cultura e Cami Moreira, concelleira de Cultura do Porriño interviran no acto de inauguración que abrirá un representante da Federación de Librarías de Galicia.

O escritor novel porriñés Juancho será o encargado de pronunciar o pregón de apertura da Feira e a partir das 19,30 horas xa será visitable. Haberá catro stands das librarías “Cortizas”, “Recondo”, “Pedreira” e “Paz” e un quinto, da Deputación Provincial que estará presente cun stand sen actividade mercantil, tan só vai ser un espazo expositivo das publicacións nas que colaborou a institución provincial.

Nesta primeira quenda da Feira, o escritor local Juancho firmará exemplares do seu primeiro libro ‘Na procura do medo esquecido’, editado por “Galaxia”. Ao longo das seguintes xornadas ata once escritoras como Ledicia Costas ou María Reimondez, participaran na Feira firmando exemplares. Ao respecto, a concelleira de Cultura, Cami Moreira reivindicou que a Feira do Libro do Porriño “contribuirá a visibilizar a esas escritoras que moitas veces están ao marxe e hai que facer porque sexan coñecidas e recoñecidas pola súa valía”.

A Feira funcionará en horarios de mañá e tarde e rematará o domingo 30 de maio.