Seis voluntarias e voluntarios que realizaran as súas prácticas de formación en atención de emerxencias, comezarán mañá mércores na Agrupación de Protección Civil do Porriño, ás ordes de Suso Gónzalez “Carrola”, responsable da unidade.

Están a realizar o curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, comezaron en febreiro a súa formación teórica que, agora, van completar con as prácticas na Agrupación de Protección Civil do Concello do Porriño.


Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, encargouse de darlles a benvida ao Concello do Porriño onde cada un deles realizarán 120 horas de prácticas atendendo accidentes, emerxencias, servizos de orde en probas deportivas e outros eventos.

Estas prácticas realízanse ao abeiro dun convenio entre o centro de formación CIFP Manuel Antonio, de Vigo, e o Concello do Porriño.

Na presentación dos voluntarios, acompañaban á concelleira de Seguridade, o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, o responsable da Agrupación de Protección Civil, Suso Gónzalez Pexegueiro, e a titora dos alumnos, María del Carmen López, en representación do CIFP Manuel Antonio.