Arrancan as obras que unirán catro rúas estratéxicas e crearán un novo parque no centro do Porriño

  • As obras permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios.
  • Un investimento histórico, superior aos dous millóns de euros, que non só mellorará a mobilidade e a conexión entre rúas clave, senón que tamén fortalecerá a cohesión social e dinamizará a vida cultural e comercial do centro.

Porriño 2 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño vén de iniciar as obras que permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios, nunha actuación estratéxica destinada á transformación e revitalización do centro urbano.

A intervención enmárcase no proxecto denominado “Novo espazo público na contorna da rúa Pío XII”, financiado ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra da Deputación de Pontevedra, cuxo convenio de colaboración foi formalizado entre ambas administracións.

O investimento global da actuación supera os 2,1 millóns de euros, dos que máis de 1,1 millóns son achegados pola Deputación de Pontevedra, mentres que o resto será financiado con fondos municipais.

Esta actuación supón un dos investimentos máis relevantes dos últimos anos no núcleo urbano do municipio e permitirá actuar nun ámbito de máis de 4.000 metros cadrados, transformando antigas zonas de aparcamento e parcelas residuais nun novo espazo verde e de convivencia integrado na rede de espazos públicos do Porriño.

O proxecto contempla a creación de zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como anfiteatro para actividades culturais, áreas de xogo infantil cubertas e adaptadas a diferentes tramos de idade, unha zona de auga con fontes secas e canles decorativas, así como a plantación de especies autóctonas que combinarán árbores caducifolias e arbustos para xerar sombra e fomentar a biodiversidade. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano e iluminación eficiente, reforzando o carácter sostible da actuación.

O novo parque integrará e conectará de maneira fluída as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González, mellorando a accesibilidade mediante itinerarios adaptados que unirán o centro social co novo espazo e promovendo así a inclusión e o uso por persoas de todas as idades e capacidades.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este proxecto marca un antes e un despois na configuración do noso centro urbano. Estamos a recuperar espazos degradados para convertelos nun pulmón verde e nun punto de encontro para toda a veciñanza”. O rexedor subliñou que “falamos dun investimento histórico, superior aos dous millóns de euros, que non só mellorará a mobilidade e a conexión entre rúas clave, senón que tamén fortalecerá a cohesión social e dinamizará a vida cultural e comercial do centro”. Así mesmo, quixo trasladar unha mensaxe de comprensión á cidadanía polas posibles molestias derivadas das obras, sinalando que “somos conscientes das incomodidades que poden ocasionarse durante o desenvolvemento dos traballos, pero trátase dunha actuación necesaria que suporá unha mellora significativa para O Porriño a medio e longo prazo”.

Con esta intervención, o Concello continúa avanzando na súa aposta por unha transformación urbana centrada nas persoas, creando espazos públicos modernos, accesibles e sostibles que melloren a calidade de vida da veciñanza e contribúan a consolidar un centro urbano máis dinámico, cohesionado e atractivo.

O Porriño avanza na ampliación do parque público con 36 novas VPP

  • Esta promoción súmase ás 300 vivendas previstas a través do Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda protexida no Porriño

Porriño 28 de febreiro de 2026.- A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou na mañá de hoxe o Porriño para anunciar a licitación da redacción do proxecto e da execución das obras de 36 vivendas de promoción pública (VPP) no sector SUR-PPR-5 (Gulpilleira).

A visita prodúcese tras a sinatura, o pasado 6 de febreiro de 2026, do protocolo de colaboración entre a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL) e o Concello do Porriño para promover vivenda protexida de promoción pública no municipio

Durante a súa intervención, a conselleira destacou que esta actuación forma parte da estratexia da Xunta para incrementar o parque público residencial nos concellos con maior demanda, facilitando o acceso a unha vivenda digna e adecuada, especialmente á mocidade e aos colectivos con máis dificultades.

Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “no Porriño a vivenda é hoxe unha necesidade urxente e prioritaria”. O rexedor lembrou que o municipio é un dos que máis medra da contorna, o que leva aparellado un aumento moi significativo da demanda de vivenda. “O noso obxectivo é claro: facilitar o acceso a unha vivenda digna, especialmente aos colectivos con maiores dificultades e á xente moza que quere iniciar aquí o seu proxecto de vida”, afirmou.

Lorenzo puxo en valor a aposta decidida do Concello por poñer solo municipal ao servizo do interese xeral: “O patrimonio público debe estar sempre ao servizo da veciñanza. A cesión desta parcela para a construción de 36 vivendas de promoción pública é unha mostra clara dese compromiso”.

O alcalde agradeceu á Consellería a súa colaboración e destacou que esta promoción “súmase ás 300 vivendas previstas a través do Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda protexida no noso concello, configurando unha aposta ambiciosa e de gran alcance para ampliar de maneira moi significativa a oferta de vivenda protexida no Porriño”.

As 36 vivendas estarán destinadas a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e contarán con réxime de protección permanente, conforme ao marco establecido no protocolo de colaboración.

O Porriño saca a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais

  • O importe total do contrato ascende a 3.350.701,22 euros por un período inicial de catro anos, ampliables mediante prórroga

Porriño 26 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño vén de sacar a licitación o servizo das novas escolas infantís municipais de Pontellas e Budiño, que sumarán un total de 132 prazas públicas para nenos e nenas de 0 a 3 anos, ampliando de maneira significativa a oferta educativa no municipio.

As escolas contarán con 10 unidades en total —cinco en Pontellas e cinco en Budiño— distribuídas por tramos de idade, garantindo unha atención adaptada ás distintas etapas do primeiro ciclo de educación infantil.

A construción das novas escolas infantís supuxo un investimento superior aos 1,8 millóns de euros, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia con cargo aos fondos Next Generation, ao que se sumou unha achega municipal superior aos 500.000 euros.

Pola súa banda, o contrato para a xestión do servizo ten un importe total de 3.350.701,22 euros para un período inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. Coa publicación da convocatoria, as empresas especializadas no sector poderán presentar as súas ofertas dentro do procedemento de contratación pública. A adxudicación definitiva do servizo será elevada ao Pleno unha vez completado o proceso.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que esta actuación “é unha aposta clara por dotar de máis servizos ás nosas parroquias” e subliñou que “as familias pagarán exactamente o mesmo que nunha escola da rede Galiña Azul: a atención educativa será gratuíta e os servizos complementarios, como o comedor ou o horario ampliado, terán os mesmos prezos públicos en función da renda. Non haberá ningunha diferenza económica; a única variación será a titularidade do centro, que pasará a ser municipal”.

Ademais, o rexedor avanzou que o Concello continuará ampliando de maneira progresiva a carteira de servizos municipais, incorporando novas iniciativas destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e reforzando o compromiso do goberno local co benestar do conxunto da veciñanza.

O Entroido do Porriño volve esta fin de semana con máis de 2.000 participantes

  • O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todas as veciñas e veciños a participar activamente en ambos eventos e subliña que, malia o cambio de datas, “serán celebracións espectaculares”.

Porriño 27 de febreiro de 2026.- O Porriño recupera esta fin de semana a celebración do Entroido tras o aprazamento das actividades programadas para o martes e mércores de Entroido debido ás condicións meteorolóxicas. A programación trasladarase finalmente ao sábado 28 de febreiro e ao domingo 1 de marzo, mantendo intacta a ilusión e o espírito festivo que caracteriza esta cita.

Máis de 2.000 participantes daranse cita nun completo programa que encherá as rúas da vila de cor, música e tradición. O sábado terá lugar o gran desfile de comparsas, acompañado por animación de rúa, charangas e batucadas, nun percorrido que culminará cunha actuación musical na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Tódolos actos comezan as 17:00 horas.

O domingo celebrarase o tradicional Enterro da Sardiña, unha das festas máis representativas do Entroido porriñés, que tamén se inicia as 17:00 horas. A xornada inclúe o velorio no Círculo Recreativo Cultural, o acompañamento da sardiña polas rúas da vila, a lectura do testamento e o posterior traslado ao río Louro, mantendo viva unha das tradicións máis queridas pola veciñanza. Este ano terá lugar ademais a proxección de fotos de Cuquin (que durante anos foi o Rei do entroido de Porriño) e micro aberto para a lectura do testamento da sardiña, as 19:00 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios. Despois dos actos de enterro terá lugar a actuación da charanga Louband.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anima a todas as veciñas e veciños a participar activamente en ambos eventos “como sempre se fixo”, e subliña que, malia o cambio de datas, “serán celebracións espectaculares, como sempre o son no Porriño”.

O rexedor quixo tamén agradecer o “enorme traballo das comparsas, que levan semanas preparando a súa participación con esforzo e entusiasmo”, así como á veciñanza en xeral, “que vive cada Entroido como se fose único, facendo posible entre todas e todos este Porriño no que mantemos as tradicións e, ao mesmo tempo, innovamos; onde tradición e modernidade se mesturan, como non podía ser doutro xeito nunha cidade aberta ao mundo como a nosa”.

Desde o Concello destácase o compromiso por preservar e potenciar unha celebración que forma parte da identidade cultural da vila, e anímase á cidadanía e visitantes a gozar dunha fin de semana marcada pola participación, a creatividade e a alegría propias do Entroido.

Os viveiros de empresas de Torneiros mellorarán as súas instalacións para atraer o emprendemento

  • Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas

Porriño 26 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño acometerá obras de reforma e acondicionamento nos viveiros de empresas situados no Multicentro de Torneiros, unha actuación orientada a mellorar as instalacións xa existentes e a fortalecer o apoio municipal ás persoas emprendedoras nos seus primeiros pasos empresariais.

 

Os traballos permitirán actualizar os espazos, adaptalos ás necesidades actuais do tecido produtivo e ofrecer contornas profesionais máis modernas, funcionais e competitivas. Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas que inicien a súa actividade no municipio, aos que se lles facilitará o acceso de maneira gratuíta co obxectivo de reducir custos iniciais e favorecer a súa consolidación. As persoas interesadas poderán solicitar información nas oficinas de Porremprego ou presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro Municipal do Concello.

 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “a reforma dos viveiros de empresas é unha mostra clara da nosa aposta por apoiar a quen decide emprender no Porriño, ofrecendo instalacións axeitadas e recursos que lles permitan comezar con maiores garantías”. O rexedor destacou que “non se trata só de poñer un local á disposición, senón de crear un entorno favorable que acompañe ás empresas no seu proceso de crecemento e consolidación”.

 

No marco desta estratexia de impulso económico, o Concello prevé ademais a sinatura dun convenio de colaboración coa Federación de Empresas, Autónomos, Comercio e Hostalaría do Porriño, ao que se lle cederá un espazo no propio edificio do Multicentro de Torneiros. A finalidade deste acordo será que a entidade poida ofrecer apoio directo, asesoramento e acompañamento aos proxectos que se instalen no Viveiro, reforzando así a atención ao tecido empresarial local.

 

Segundo explicou Lorenzo, “esta colaboración permitirá que as novas iniciativas conten cun respaldo profesional próximo e permanente, sumando esforzos entre a administración local e o sector empresarial para fortalecer o noso ecosistema económico”. O alcalde incidiu en que “a dinamización do emprendemento é unha prioridade para este goberno, porque significa máis oportunidades, máis actividade económica e máis emprego para o noso municipio”.

 

Con esta actuación, o Concello do Porriño consolida o Multicentro de Torneiros como un espazo de referencia para o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reafirmando o seu compromiso co crecemento económico sostible e coa creación de oportunidades no ámbito local.

O Porriño únese aos grandes eventos do Prexacobeo co nacemento do “Petra Rosa Festival”

  • “Estamos ante un festival que será un fito para O Porriño e tamén para Galicia”, asegura o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Porriño, 25 de febreiro de 2026.– O Concello do Porriño acolleu hoxe a presentación de “Petra Rosa Festival”, un novo evento do ano prexacobeo que busca consolidar o municipio como un dos grandes epicentros musicais de Galicia. O festival converterá as canteiras da vila nun escenario natural único durante catro días consecutivos, do 25 ao 28 de xuño.

O cartel reunirá algúns dos nomes máis destacados da música estatal, encabezados pola festa internacional Bresh, que abrirá a programación o 25 de xuño, e completado por artistas de referencia como Pablo López (26 de xuño), Antonio Orozco (27 de xuño) e Sergio Dalma (28 de xuño). Xunto a eles, o festival contará tamén con artistas locais, unha aposta que o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou como “fundamental para impulsar o talento emerxente que temos no noso pobo”.

Os grandes reclamos da programación —Bresh, Pablo López, Antonio Orozco e Sergio Dalma— configuran unha das propostas máis potentes deste verán en Galicia, combinando figuras de enorme proxección con artistas da comarca da Louriña.

O espazo elixido, unha canteira de O Porriño, constitúe un dos elementos máis diferenciadores da proposta, ao integraren o símbolo máis recoñecido da localidade: o granito rosa. Neste sentido, o alcalde destacou que “somos un pobo cuxa referencia é a pedra e a industria, e un evento como este axudará a promocionar a nosa identidade”.

Lorenzo agradeceu a aposta dos organizadores e o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra para facer realidade esta primeira edición. “Estamos ante un festival que será un fito para O Porriño e tamén para Galicia”, engadiu.

Durante a presentación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, subliñou que o festival “nace nun momento estratéxico, nun contexto no que os eventos musicais se consolidan como ferramentas clave para a dinamización económica e turística”. Ademais, destacou que “é a primeira vez que un escenario natural destas características acolle un festival no marco dos Concertos do Xacobeo”.

Pola súa parte, o promotor José Antonio Torrano explicou que o obxectivo é ofrecer “unha experiencia completa, reforzando os concertos cunha ampla oferta gastronómica e con festas pre e post concerto con artistas locais”.

Entradas

A cita apunta xa ao éxito incluso antes do seu inicio: só o concerto de Antonio Orozco leva vendidas preto de 1.000 entradas desde o anuncio da súa participación.

As entradas para o resto da programación poranse á venda este venres ás 14:00 horas a través da web oficial: www.petrarosafestival.com

As persoas empadroadas no Porriño poderán acceder a un desconto do 20% durante os dez primeiros días de venda.

O festival está organizado polas promotoras Emotional Events e Elemental Events, coa colaboración do Concello do Porriño e o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

O Porriño rende unha homenaxe a Santiago Gómara

  • O alcalde Alejandro Lorenzo referiuse a él como un gran xestor e un home preclaro na necesidade de impulsar a industria porriñesa e comprender o asociacionismo empresarial

Porriño 24 de febreiro de 2026.- O Porriño rendeulle este martes unha homenaxe institucional a Santiago Gómara, unha das figuras empresariais máis destacadas da historia industrial do municipio, coincidindo coa súa despedida profesional tras corenta anos de traxectoria á fronte da planta de Pescanova no Porriño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou durante o acto o papel fundamental que Gómara desempeñou tanto no crecemento e modernización da factoría —entón Frinova S.A.— como na consolidación do Porriño como epicentro industrial da provincia. “Porriño e os seus empresarios tivemos a sorte de contar con Santiago Gómara, un gran xestor e un home preclaro na necesidade de impulsar a industria porriñesa e de comprender que o asociacionismo é fundamental”, afirmou o rexedor.

Licenciado en Ciencias Químicas pola Universidad de Zaragoza, Gómara incorporouse ao grupo Pescanova en 1978 e asumiu a dirección da planta do Porriño en 1984, cargo que ocupou ata 2024. Ao longo destas catro décadas foi unha peza clave na modernización das instalacións e nun modelo de xestión que converteu o centro nunha referencia do sector alimentario.

O seu compromiso co desenvolvemento industrial local quedou patente tamén no eido asociativo. En 1985 participou, en representación de Frinova, na creación da Asociación de Empresarios de As Gándaras, entidade clave para a defensa dos intereses empresariais do polígono de As Gándaras. Entre 2002 e 2024 ocupou a presidencia da asociación, coincidindo cunha etapa de crecemento na que Frinova pasou a integrarse como centro industrial de Nueva Pescanova, fortalecendo a súa posición estratéxica dentro do grupo.

A súa traxectoria excedeu o ámbito municipal. Foi presidente da Federación Galega de Parques Empresariais en dúas etapas (2004-2008 e 2010-2025) e vogal do comité directivo da Confederación de Empresarios de Pontevedra entre 2003 e 2015, contribuíndo á mellora da competitividade dos espazos industriais galegos e á coordinación entre empresas e administracións.

O Concello subliñou que a súa carreira profesional está marcada polo liderado, a visión estratéxica e unha aposta firme pola cooperación empresarial como motor de desenvolvemento económico. A súa contribución foi decisiva para a dinamización do polígono de As Gándaras e para consolidar o Porriño como un dos principais núcleos industriais da provincia.

Coa súa xubilación, péchase unha etapa de profunda dedicación ao tecido produtivo local e autonómico, deixando como legado unha industria máis forte, innovadora e preparada para afrontar os retos de futuro. O Concello expresou o seu agradecemento e recoñecemento a unha figura esencial na historia recente do municipio.

Pontellas e Atios melloran a súa rede viaria cun investimento próximo aos 73.000 euros

  • A actuación, subvencionada pola AGADER con 61.048 euros, permitirá mellorar a seguridade viaria nos camiños de Rocal, Outeiro, Galegos e A Torre
  • O prazo de execución será de tres meses e enmárcase no plan municipal de modernización das parroquias

O Porriño, 20 de febreiro de 2025. O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora das infraestruturas do rural coa execución do proxecto de pavimentación e mellora da seguridade viaria nos camiños de Rocal e Outeiro, na parroquia de Pontellas, e Galegos e A Torre, na parroquia de Atios.

A actuación supón un investimento próximo aos 73.000 euros (IVE incluído), tras a súa adxudicación, e conta cunha achega de 61.048 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026. O prazo estimado de execución é de tres meses desde o inicio das obras.

O proxecto contempla traballos de desbroce e limpeza, fresado do firme existente, execución dunha nova base granular, pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, recalce de tapas de rexistro e renovación da sinalización horizontal e vertical. A intervención realizarase sen modificar nin o trazado nin a rasante actual dos camiños, garantindo así unha actuación respectuosa coa súa configuración.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “O Concello está a dar resposta a necesidades reais das parroquias, actuando con planificación, responsabilidade e aproveitando todas as oportunidades de financiamento que permiten acelerar investimentos necesarios”.

O rexedor destacou tamén a complexidade administrativa que rodea moitas destas actuacións: “Hai proxectos que levan anos á espera de informes sectoriais e autorizacións, en ocasións vinculados a estradas ou a organismos hidráulicos. Cada permiso que conseguimos desbloquear supón un paso decisivo para poder executar obras que a veciñanza leva tempo reclamando”.

“Estamos a traballar con rigor técnico e coordinación institucional para que esas autorizacións cheguen e para que cada proxecto que se pon en marcha teña todas as garantías legais e administrativas”, engadiu Lorenzo.

Estas obras forman parte dun plan máis amplo de mellora das infraestruturas nas parroquias, no que o saneamento continúa a ser unha prioridade estratéxica para o Goberno municipal. O Concello reafirma así o seu compromiso cun rural vivo, dotado de servizos modernos, seguros e adaptados ás necesidades actuais.

A xornada “Mobilidade Laboral e Emprendemento Activo” impulsa a formación e inserción laboral no Porriño

  • O Concello organiza unha sesión práctica sobre emprendemento e traballo transfronteirizo dentro do Programa Integrado de Emprego 2025/26

O Porriño, 18 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou hoxe a xornada “Mobilidade Laboral e Emprendemento Activo”, unha iniciativa enmarcada no Programa Integrado de Emprego 2025/26, que reuniu a persoas participantes co obxectivo de ampliar coñecementos sobre autoemprego e explorar novas oportunidades laborais, tanto a nivel estatal como internacional.

A sesión desenvolveuse en horario de 10.00 a 13.00 horas e contou cun completo programa que combinou información práctica, asesoramento especializado e orientación laboral.

Ademais, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Mª Teresa Veloso Castaño, quixeron estar presentes e deron a benvida aos participantes. Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor o esforzo municipal en materia de emprego e a importancia de ofrecer ferramentas útiles ás persoas desempregadas do municipio: “O emprego é unha prioridade absoluta para este goberno local. A través do Programa Integrado de Emprego estamos a ofrecer acompañamento, formación e oportunidades reais ás persoas desempregadas do Porriño. Queremos que cada participante teña máis recursos, máis confianza e máis posibilidades de acceder a un posto de traballo ou mesmo de crear o seu propio proxecto empresarial”.

A continuación, Xurxo Rodríguez Olveira, do Polo de Emprendemento do Concello do Porriño, abordou a ponencia “O Emprendemento Activo. Retos e Oportunidades”, na que se analizaron cuestións clave como o perfil emprendedor, as competencias necesarias para iniciar un proxecto empresarial, as axudas económicas dispoñibles para a posta en marcha dunha idea de negocio, os recursos públicos de asesoramento, as deducións fiscais para o fomento do autoemprego e os nichos de oportunidade na contorna máis próxima.

Tras unha pausa, a xornada continuou coa intervención de Elisa González Pérez, conselleira EURES (EURopean Employment Services) e EURES Transfronteirizo da provincia de Pontevedra, quen centrou a súa exposición na mobilidade laboral e no traballo transfronteirizo. Durante a súa intervención explicou as competencias imprescindibles para traballar fóra de España, as características e obrigas do traballo transfronteirizo, as condicións laborais no norte de Portugal, así como as axudas á mobilidade, especialmente nos primeiros momentos, e as oportunidades de prácticas profesionais noutros países.

Programa Integrado de Emprego (PIE)

Esta xornada forma parte do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025/26, que conta cun investimento total de 275.000 euros. O 80% do financiamento é achegado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dependente da Xunta de Galicia, mentres que o Concello do Porriño asume o 20% restante.

A iniciativa estase a desenvolver durante 12 meses, desde outubro de 2025 ata outubro de 2026, e permite formar a 100 persoas desempregadas do municipio. O obxectivo de inserción laboral establecido pola Xunta sitúase nun mínimo do 42%, unha porcentaxe que nas edicións anteriores non só se acadou, senón que foi superada.

O PIE inclúe accións de orientación individualizada, formación para o emprego en especialidades do Catálogo do SEPE adaptadas ás ocupacións máis demandadas na contorna, técnicas de coaching e intelixencia emocional, obradoiros de habilidades sociolaborais, preparación de entrevistas, fomento do emprendemento, prospección empresarial, intermediación laboral e prácticas non laborais.

Con este tipo de iniciativas, o Concello do Porriño reforza o seu compromiso coa empregabilidade, apostando por unha atención integral e personalizada que facilite a inserción laboral efectiva das persoas participantes e contribúa ao desenvolvemento económico e social do municipio.

Do libro á escena: o Porriño impulsa un obradoiro onde as historias cobran vida

  • O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos e celebrarase os xoves de marzo a maio
  • As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño

O Porriño, 17 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño, a través da Biblioteca Municipal, pon en marcha o obradoiro “Libros que latexan”, unha proposta de expresión e creación que convida á veciñanza a transformar a lectura nunha experiencia viva a través das artes escénicas, especialmente o teatro e a narración oral.

A actividade desenvolverase no Centro Cultural Municipal do Porriño, concretamente na Biblioteca, consolidando este espazo como auténtica “casa dos libros”: un lugar de encontro, relación, aprendizaxe permanente e intercambio creativo que contribúe ao desenvolvemento persoal e colectivo.

O obradoiro, que constará de oito sesións, celebrarase os xoves de 18.00 a 19.30 horas nas seguintes datas: 5, 12 e 26 de marzo; 9, 16, 23 e 30 de abril; e 7 de maio de 2026. A última sesión incluirá unha mostra final aberta ao público co material traballado ao longo do proceso.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta iniciativa cultural, que promove a participación e reforza o papel da biblioteca como motor social: “Queremos que a nosa Biblioteca sexa moito máis que un lugar de préstamo de libros; queremos que sexa un espazo vivo, onde a cultura se comparta, se experimente e se cree en comunidade. ‘Libros que latexan’ representa perfectamente esa filosofía: ler, sentir e transformar as historias en experiencia compartida”.

A formación será impartida por Ana Abad de Larriva, coordinadora e dinamizadora do club de lectura municipal. Ademais de ter experiencia desenvolvendo diferentes actividades de animación sociocultural e teatral, mediación e comunicación cultural; é escritora, actriz, cantautora, creadora e docente de artes escénicas, con formación superior en Arte Dramática e unha tese doutoral en Comunicación e Artes Escénicas. A súa experiencia garante un enfoque pedagóxico rigoroso, participativo e adaptado ás persoas asistentes.

O programa estrutúrase arredor de oito eixes temáticos —o latexo do espazo, das palabras, do corpo, da memoria e da voz, entre outros— que se interrelacionarán nun proceso lúdico e progresivo, combinando lectura sensorial, escritura creativa e expresión oral e corporal.

Ademais do seu valor cultural, a actividade contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 impulsada pola ONU, especialmente aqueles vinculados coa saúde e o benestar, a educación de calidade, a igualdade de xénero e a redución das desigualdades.

O obradoiro está aberto a toda a poboación a partir de 16 anos, promovendo o diálogo interxeracional. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal, tendo preferencia aquelas censadas no Concello do Porriño.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso cunha cultura viva, participativa e transformadora, na que os libros non só se len, senón que tamén se escoitan, se senten e, sobre todo, latexan.