Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, campión de España de Aro, prenderá a chama de Porrigalia

Hernán Sío, integrante do Club Ximnasia Porriño, que o pasado mes de xuño proclamouse campión de España de Aro, subcampión con mans libres e medalla de bronce xeral na categoría alevín, será quen encenda o ‘pebeteiro’ de Porrrigalia 2017.

Hernán xunto con todas as integrantes do Club Ximnasia Porriño- que este ano clasificouse por primeira vez para o Campionato de España-, recibiron a homenaxe do Concello pola excepcional tempada, sendo recibidos polo alcalde accidental e concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o a concelleira de Educación e Xuventude, Lourdes Moure.

Hai que lembrar que Porrigalia, que se celebra dende o vindeiro venres, día 21, ata o domingo, 23, ten ao grupo ‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, como a ‘estrela’ desta edición.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.

A Biblioteca Municipal do Porriño pechará o mes de agosto polas tardes e aproveitará para adaptarse á nova Rede de Bibliotecas de Galicia

A Biblioteca Municipal do Porriño foi escollida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para integrarse na renovada Rede de Bibliotecas de Galicia baseada na plataforma Koha, un software libre de código aberto. Grazas aos novos cambios que se porán en marcha este verán, a biblioteca porriñesa poderá ofrecer ás súas usuarias e usuarios novos servizos e novas facilidades.

Este importante proxecto permitirá establecer un carné único de lector válido para todas as bibliotecas públicas desta rede, polo que os usuarios e usuarias da institución porriñesa pasarán automáticamente a poder usar os servizos de máis de 70 bibliotecas de toda Galicia. Ademáis, a Biblioteca do Porriño integrará a súa base de datos no catálogo colectivo da Rede, polo que os seus usuarios e usuarias poderán consultar e acceder nunha única páxina web a milleiros de novos recursos dispoñibles, entre eles, á colección de libros electrónicos da plataforma dixital GaliciaLe. Ademáis, poderase acceder a un espazo personal online para consultar históricos de préstamo, realizar reservas, renovacións e outras funcionalidades, e ampliarase o número máximo de préstamos dende os tres exemplares actuais a cinco.

Este novo impulso aos servizos bibliotecarios suporá un notable esforzo técnico e de mellora tecnolóxica, polo que a biblioteca aproveitará a menor afluencia de visitantes no mes de agosto para levalos a cabo.

Deste xeito, dende o 7 de agosto ao 1 de setembro pechará en horario de tarde, permanecendo aberta polas mañás entre as 08:00 e as 14:00 de luns a venres. A biblioteca e o Concello do Porriño queren agradecer a todos os seus usuarios e usuarias a súa comprensión por este cambio puntual, motivado pola posta en marcha destes novos servizos e funcionalidades dos que poderán disfrutar xa a partir do mes de setembro.

Felipe VI preside no Porriño os actos do 50 Aniversario de AIMEN

Felipe VI presidiu este luns no Porriño os actos de celebración do 50 aniversario de Aimen Centro Tecnolóxico. O Xefe do Estado coñeceu tres novos tipos de soldaura láser e un robot de asistencia para a recuperación da funcionalidade de doentes que teñen daño cerebral.

Felipe VI, foi recibido polo alcalde accidental do Porriño, Manuel Carrera, polo presidente do Goberno de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pola minitra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, entre outras autoridades.

O centro AIMEN, radicado no Porriño, é un referente europeo no campo láser e na investigación de mateirais usados na aeronáutica, o naval e a automoción, como sinalaron os seus responsábeis.

O Rei viaxou de seguido a Vigo para almorzar no Círculo de Empresarios de Galicia que celebra os seus 25 anos de historia.

O alcalde accidental, Manuel Carrera, e as concelleiras Lourdes Moure e Soledad Girón asisten ao acto de balance dos 2 anos de goberno da Deputación

O alcalde accidental, Manuel Carrera, e as concelleiras Lourdes Moure e Soledad Girón, asistiron este venres, en representación do Goberno local do Porriño, ao acto no que os responsábeis da Deputación fixeron balance dos seus dous primeiros anos á fronte da institución provincial.

No acto, o vicepresidente, César Mosquera, e a presidenta, Carmela Silva, subliñaron a colaboración cos concellos da provincia, a defensa do municipalismo e dos dereitos de todas as persoas e apostaron por unha “xestión baseada na transparencia, participación, a escoita activa ao conxunto da sociedade, que ven de derrubar privilexios e respectar a autonomía dos concellos”.

Dacordo cos datos do Plan Concellos, o Concello do Porriño recibiu o ano pasado 974.964 € e neste 2017 a cantidade podería chegar a 1,5 millóns.

Felipe VI estará no Porriño o vindeiro luns, día 17 de xullo

Felipe VI presidirá no Porriño, os actos do 50 aniversario de AIMEN Centro Tecnolóxico, o vindeiro luns, 17 de xullo, dende as 11:45 horas, no Centro de Aplicacións Láser de AIMEN,  no Polígono Industrial Cataboi.

O Rei  realizará un percorrido polas instalacións do Centro e, ao remate, estará presente nun coctel no que saudará aos invitados.

Os enfermos que acoden ao Centro de Saúde do Porriño teñen que aguantar temperaturas de ata 35 graos

O pasado 20 de xuño a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo anunciaba que dotara ao Centro de Saúde do Porriño dun sistema de climatización que, sublimaba,daba  “resposta ás demandas de profesionais e usuarios, que nos meses de verán tiñan que soportar altas temperaturas, dadas as especiais características arquitectónicas deste edificio sanitario”.

Menos dun mes despois a realidade é que a devandita climatización non funciona, que nas consultas houbo que recuperar os antigos aparellos de refrixeración e que non hai ningún tipo de sistema que alivie a situación das persoas que están agardando para ser atendidas polos médicos.

Curiosamente, o propio Servizo de Saúde xa recoñecera  que eses vellos equipos, “resultaran insuficientes” cando se colocaran dado que este inmoble, completamente acristalado, está moi exposto á luz solar, absorbendo e condensando o calor.

A situación é aínda máis lamentable tendo en conta que os devanditos equipos que teñen que usarse nas consultas polo fallo do sistema de climatización, son uns aparellos portátiles que foran colocados por Sanidade en 2010, hai sete anos, mentres o centro segue sen ter, nas áreas de espera ou nos corredores nin sequera uns ventiladores que fagan máis soportable esta situación.

Este xoves, a temperatura nas salas de espera superaba nalgún intre os 35 graos e en algunha das consultas estaban preto dos 30, cando nos momentos centrais do día o termómetro marcaba na rúa 31 graos e para este venres agárdanse que se achegue aos 34 dende o mediodía.

Este calor, que está a afectar, especialmente a os cativos e anciáns,  é outra das graves deficiencias deste centro de saúde que atendeu so nos seis primeiros meses deste ano a máis de 100.000 persoas, veciñas do Porriño, de Salceda e de Mos que parecen non importar ao conselleiro de Sanidade que, maila ás promesas do Goberno de Galicia e do seu partido, segue sen querer afrontar as gravísimas deficiencias deste inmoble que, como poden comprobar centos de doentes cada día, non cumpre xa as condicións básicas para tratar aos enfermos.

‘Obús’ e ‘Astarot’ estrelas do Porrigalia 2017 que pechará Troula Animación

‘Obus’, unha das lendas do ‘heavy metal’ en España, creada a principios da década dos 80 do século pasado, será a ‘estrela’ de Porrigalia 2017, que se celebra no Porriño do 21 ao 23 de xullo.

A banda, integrada polo cantante ‘Fortu’ Sánchez, o guitarrista Paco Laguna, o batería Carlos Mirat e o baixista Fernando Montesinos, actuará o vindeiro sábado, día 22 de xullo, ás 23:30 horas, como anuncia xa na súa páxina web.

Outra das actuacións importantes desta edición será a de Astarot, o grupo galego ‘heavy’ que cumpre neste 2017 os seus primeiros 34 anos de vida, e que chegará a Porrigalia o venres, día 21 de xullo ás 22:45 h. no mesmos escenario que os ‘Obús’: na rúa Domingo Bueno.

O sábado, 22, marcará tamén o inicio do ‘Xogos Olímpicos’, que se disputarán ese día e o domingo día 23 e que nada teñen que ver cos do ano pasado. Nesta edición de Porrigalia os mesmos serán xogos populares nos que pode participar calquera persoa: tiro de corda, traga-bolas, cuadrigas, tres en raia, canastra, tiro, esquís comunitarios e tiratacos.

Polo que se refire ás comparsas, estas serán un dos centros da edición de Porrigalia deste ano e dende o luns pasado, día 10, está  inscrición das mesmas e das asociacións culturais e veciñais, que deben de estar integradas por un mínimo de 10 compoñentes para optar aos premios por participación. O devandito prazo estará remata o martes, 18 de xullo, e as inscricións poden facerse de luns a venres en horario de 2 a 6 e media da tarde.

A cantidade a repartir por premios acadará un orzamento máximo de 6.000€, sendo, pola participación de 200€ para comparsas de 10 a 19 compoñentes; 350€ se teñen de 20 a 39 integrantes; 600€, se a forman de 40 a 55 persoas, e 800€ se son de 56 a 80 membros. Os premios para as mellores serán de 2.000€ para a vencedora, de 1.500 para a segunda clasificada e de 500€, para a terceira.

Por último, o peche da edición de Porrigalia 2017 estará a cargo de Troula Animación e o seu impaciéntante espectáculo de ‘errantes, o vindeiro día 23 de xullo. No mesmo participarán 1 zancudo, mestre de cerimonias, o Orlok, os Power-Skip, 8 percusionistas,  e dous portadores,que ofrecerán ao público unha impresionante ceremonia de música, fume, luces, lume e pirotecnia.

Membros da ANPA do CPI da Ribeira, xunto coa concelleira Lourdes Moure, expresan no Parlamento a súa oposición ao peche das aulas da ESO

Integrantes da ANPA do CPI da Ribeira, encabezados pola súa presidenta, Cristina Rodríguez, acompañados pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, desprazáronse este martes a Santiago para estar presentes no Parlamento de Galicia na intervención do conselleiro de Cultura, Educación y Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, en relación co peche das aulas da ESO deste centro de Torneiros.

O conselleiro, maila aos argumentos expostos en contra do peche destas aulas– e das do CEIP Emilio Navasqüés, de Outes, CPI Tomás de Lemos, de Ribadavia, e do CPI Monte Caxado, de As Pontes, nos que a Consellería de Educación decidiu tamén prescindir do Ensino Secundario- reafirmouse na súa determinación, o cal foi acollido polos representantes destes centros cunha concentración diante do Parlamento con berros a prol do Ensino Público e en contra desta decisión que, a seu xuízo, “prexudica ás alumnas e alumnos e vai en contra do traballo educativo que se viña facendo nestes colexios”.

Para a concelleira Lourdes Moure, esta decisión, “como xa expresara por maioría o Pleno do Concello do Porriño e moitos porriñeses nunha manifestación convocada pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos, é un golpe con so para a educación pública, gratuíta e de calidade, senón, e moi importante, para a integración”.

Moure lembrou que  o 35% dos estudantes do CPI da Ribeira son de etnia xitana, e que o centro contribuíu ao longo dos anos  “á integración do colectivo na vida e actividades do concello, á eliminación do absentismo escolar” ou a participación do alumnado, tanto nenas como nenos, nas actividades extra escolares, “que pasou do 3% en 2009 ao 80% este mesmo ano”.

A concelleira alertou de que o peche do curso da ESO do CPI Ribeira “suporá un retroceso no camiño que permitiu que as rapazas e rapaces de etnia xitana non so rematen Secundaria senón que segan cos seus estudos de Bacharelato”.

O Porriño é, con moito, o concello que máis medra de Galicia en poboación superando en habitantes a Moaña ou Monforte

A principios deste 2017, a Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, iniciou o  programa permanente de alfabetización temperá “Le ao teu bebé”, pensado para que a Biblioteca Municipal colaborase coas familias, axudando a crear un primeiro vínculo entre a lectura, a biblioteca e os bebés.

Dende entón, nais e país podían facer socio da Biblioteca Municipal aos seu fillo ou filla ao mesmo tempo que o empadroaban no Concello. O carné do cativo chegaba a súa casa por correo, xunto cun paquete de benvida, de balde. Pois ben: ese número de carnés e de regalos xa superou os cen .

A explicación delo está no feito de que O Porriño é o concello de Galicia que máis aumentou a súa poboación no último ano. Dacordo cos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a 1 de xaneiro de este ano o concello tiña 19.567 habitantes, 669 máis que o 1 de xaneiro de 2016 o que significa un incremento de poboación do 3,5%, moi por diante dos outras cidades e vilas galegas que aumentaron o seu número de habitantes, coma Santiago –que ten 367 veciños máis- ou Ames, que ten 277 residentes novos.

O Porriño iniciou o ano con preto de 70 nacementos máis que mortes o cal, xunto coa chegada de novos veciños-a maioría procedentes doutos concellos de Galicia- fixo que superase no padrón de habitantes a Moaña, na provincia- e a Monforte e Boiro fora dela- e se achegue a A Estrada ou Lalín.

Grazas ao traballo realizado polos funcionarios municipais, o Instituto Nacional de Estadística xa admitirá a corrección do padrón de habitantes solicitada polo Concello en marzo do ano pasado, de xeito que se incorporaron ao mesmo a 1.009 persoas. Daquela, o Goberno local adiantara a Instituto Nacional de Estatística que a recollida de información sobre as altas e baixas no empadroamento non remataran e que, dacordo cos primeiros datos, a poboación total do Porriño superaría os 20.200 habitantes, polo cal agárdase a resposta do INE a unha nova solicitude de modificación do padrón que, no caso de admitirse, confirmaría oficialmente que o número de veciños da vila supera xa os 20.000.

Agora mesmo, os datos do INE sinalan que o maior aumento de poboación no concello produciuse entre os homes: en 2016 a poboación masculina aumentou en 345 persoas- de 9.296 a 9.641- algo que xa pasara en 2015-cando o incremento fora de 200-; tamén medrou a poboación feminina, que sigue sendo maioritaria no Porriño, pasando de 9.602 mulleres a 1 de xaneiro de 2015 a 9.926 a principios deste ano- o anterior pasou de 9.412 a 9.602-.

Convocado o Certame de Fotografía ‘Viaxando’ 2017

Un ano máis, Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) DO Porriño, A Guarda, Gondomar, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, Baiona e o Espazo Xove de Tui, organizan o Certame de Fotografía Viaxando, que este ano chega a súa 11º edición.

Este concurso está destinado a mozos e mozas de 12 a 35 anos, sendo a data límite de presentación das fotografías o 22 de setembro de 2017.

O tamaño das fotografías debe ser de 20×30 centímetros e a temática ten que ter relación co título do certame, “Viaxando”. Este ano o premio para o gañador, ou gañadora, será unha tablet.

As persoas interesadas en participar poden obter máis información na OMIX do Porriño, no Centro Cultural Municipal, chamando ao teléfono 986337624 ou enviando un correo ao enderezo omix@oporrino.org.