Entrega de medallas na 2ª Etapa da Liga Amateur FSV de Velocidade de patinaxe en liña

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Porriño, Manuel Carrera, entregou este domingo, día 2,as medallas ás e os participantes na 2ª Etapa da Liga Amateur FSV de Velocidade, desputada no Circuito de Torneiros.

Ducias de deportistas e amantes do patín en liña, disfrutaron dende as 11 da mañá da experiencia de patinar neste circuito nunha xornada organizada polo Clube FSV, que contou coa colaboración do Concello de O Porriño e do Centro Cultural Alba.

Especialistas debatirán sobre as asociacións de nais e pais (ANPAS)

Este martes, día 4, especialistas no eido educativo debatirán no Porriño sobre as asiciacións de nais e pais (ANPAS) e as competencias e convivencia na Educación

Este martes, día 4 de abril, ás 7 da tarde no Salón de Plenos do Concello do Porriño, a Concellería de Educación organiza unha xornada na que se debaterá sobre a comunidade educativa, con especial atención ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) e as federacións das mesmas; tamén se reflexionará sobre as Competencias e a Convivencia no eido da Educación e se abrirá unha quenda de intervencións entre os asistentes.

Esta xornada, presentada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, e a voceira municipal do Grupo de Non Adscritos, María Sabela Landín, está dirixida a nais, país, Mestres, educadores e persoas vencelladas á Educación Pública e á Integración.

Na mesma intervirán Bertila Fernández Pérez, voceira da Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (FOANPAS), e Antonio Vázquez Vázquez, vicepresidente do Consello Escolar Municipal de Vigo.

O Concello do Porriño abre o prazo para a contratación de 52 persoas

O Concello do Porriño abre este luns, día 3 de abril, o prazo para a contratación de 52 persoas, a tempo completo, ata finais deste ano 2017

O Concello do Porriño, por medio da Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, contratará, ata finais deste ano, a 52 persoas para realizar diferentes traballos a tempo completo.

As bases que deben cumprir as interesadas e interesados en estes empregos xa están a dispor do público no propio Concello e establecen que o prazo para poder optar aos mesmos que se abrirá o luns, día 3 de abril.

Aquelas veciñas e veciños do Porriño que queiran desempeñar algún destes traballos deberán ter a condición de demandantes de emprego, tendo prioridade, como establece a lei, as vítimas de violencia machista, maiores de 45 anos, parados de longa duración, en risco de exclusión, e familias monoparentais con persoas a cargo.

A concelleira de Emprego estima que o proceso de selección terá unha duración dun mes e os contratos laborais se asinarán a finais de abril para que se extendan dende o primeiro día de maio ata o vindeiro 31 de decembro.

Os postos a cubrir son: 1 conserxe en quenda de tarde para o Centro de Formación de Torneiros; 6 oficiais de Primeira de albanelería, 12 peóns de obra pública, 1 oficial de Primeira de carpintería, 1 oficial de Primeira de fontanería, 1 oficial de Primeira electricista especializado en mantemento e reparación en xeral, 1 oficial de Primeira Ferreiro ou ferreira e un condutos, ou condutora, de camión e pa escavadora con permiso de conducir Tipo C, todos eles coma persoal de apoio ao servizo de obras na conservación, mellora e protección de dependencias e recursos municipais.

Ademais se seleccionarán, para o Servizo de Parques e Xardíns e Limpeza: 1 operario ou operaria de vehículo de limpeza viaria, 6 xardineiros ou xardineiras, 16 peóns de limpeza, 1 condutor, ou condutora, de tractor desbrozadora, 2 pintores de Primeira de bandas sobre vías urbanas e estradas.
Así mesmo, se contratarán, para apoio ao servizo da Unidade Asistencial a Drogo-dependentes, 1 enfermeiro ou enfermeira, e 1 conserxe para o Servizo de Deportes.

Esta iniciativa, unha das impulsadas polo Goberno local no eido da formación e creación de emprego, conta cun orzamento total de 608.000€, dos cales o Concello achega uns 371.000 e case 237.000 a Deputación de Pontevedra con cargo ao ‘Plan Concellos 2017’.

“Mapa” específico de accesibilidade

O Porriño dispón, grazas a un proxecto das alumnas e alumnos do IES Pino Manso, dun ‘Mapa’ específico de accesibilidade en toda a vila que pode consultarse dende o ordenador, a tablet ou o teléfono móbil

Un traballo realizado polas alumnas e alumnos do IES Pino Manso, baixo a coordinación do especialista Rafael Ávila, que foi estudante deste centro, ven de poñer a O Porriño á cabeza, a nivel internacional, en información on line sobre a accesibilidade en cadeira de rodas a lugares públicos e privados.

Coma resultado da realización deste labor foi posible a elaboración da “Cartografía dixital colaborativa con OpenStreetMap (OSM)”, que abrangue un estudo polo miúdo do estado do acceso para persoas con diversidade funcional, de cada establecemento público e privado do Porriño- bares, restaurantes, edificios, parques ou tendas-.

A elaboración deste ‘mapa OSM, permite saber cantos chanzos ou andares ten un local, o ancho das portas, o estado das entradas aos servizos, a existencia de ramplas ou se dispón ou non de corredores. Os devanditos datos, figuran na web wheelmap.org que pode consultar calquera persoa dende o seu ordenador, tableta ou teléfono móbil.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, asistiu á presentación da web, que correu a cargo do director do Pino Manso, Juan Aguilar, e que é un dos actos máis importantes dos que se están a levar adiante este curso no que o centro cumpre medio século de vida.

García de la Torre subliña a dobre importancia deste proxecto, “dunha beira o feito de dar educación, en letras maiúsculas, do que sofren as persoas que se ven marxinadas por mor da súa mobilidade e, doutra, polo feito de que esta tecnoloxía pon as rapazas e rapaces co que é xa a realidade da economía colaborativa, da que este traballo, con OpenStreetMap é un estupendo exemplo”.

A xuízo da alcaldesa esta experiencia contribuirá, así mesmo á mellora do routeiro da vila, no que xa se están a planificar todas as obras tendo coma prioridade a mellora da mobilidade, “un eido no que aínda temos moito traballo por facer e que procuraremos ir completando para que O Porriño sexa accesíbel a todas e todos os seus veciñas e veciños”.

Conferencia “A Autoestima e o Crecemento Persoal”

‘A Autoestima e o Crecemento Persoal’, conferencia este venres, día 31, ás 7 da tarde no Centro Cultural Municipal

O Concello do Porriño pecha este venres, día 31, a súa Programación Cultural do mes de marzo cunha conferencia a cargo de Manuela Mateo-Morales Vila.

A psicóloga falará da Autoestima e Crecemento Persoal, hoxe, as 7 da tarde no Centro Cultural Municipal.

Entrega de diplomas dos obradoiros de formación en albanelería e limpeza de montes

20 persoas con especial dificultade para atopar emprego rematan dous obradoiross de formación en albanelería e limpeza de montes, impulsados polo Concello do Porriño e a Xunta

A alcaldesa do Porriño presidiu este luns a entrega de diplomas aos 20 participantes en sendos obradoiros impulsados polo Concello e pola Concellería de Industria, Economía e Emprego que tiñan coma principal obxectivo a formación dos participantes en albanelería e limpeza de montes.

Coma lembrou Eva García de la Torre, os obradoiros tiveron unha duración de 6 meses e no ánimo da Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, e no da Consellería de Industria, Economía e Emprego estaba “aumentar ao máximo as posibilidades de entrada ou regreso ao mundo laboral dos participantes nos mesmos”.

No mesmo acto, no que estiveron presentes o xefe territorial da Consellería de Economía Emprego e Industria, e Yolanda Lesmes, secretaria territorial da mesma consellería, este última subliñou a importancia da cooperación entre administracións, neste caso o Concello do Porriño e o Goberno de Galicia, “de cara a axudar a persoas con especial dificultade para reintegrarse ou acceder ao mundo laboral”.

Lesmes adiantou que a Xunta xa convocou a realización de novos obradoiros de emprego que “terán unha duración total de 9 meses, 3 máis que na actualidade” coa finalidade de mellorar a formación e, ao tempo, as probabilidades de que os seus participantes atopen traballo.

Neste caso concreto, os participantes no obradoiro levaron a cabo a reforma da Escola Unitaria de Covelo, en Atios, que estaba nun avanzado estado de abandono, realizando obras de recuperación e acantoamento da mesma, retirando os elementos que non foi posible recuperar e reformando o inmoble para conquerir o seu aproveitamento para uso e gozo dos veciños da parroquia.

Os traballos que quedan pendentes serán rematados pola Concellería de Vías e Obras e a intención es que os mesmos estean a cargo dos integrantes dun novo obradoiro, que abranguería, neste caso, formación tamén en xardinería, para o establecemento dunha zona de lecer ao aire libre e mesmo un parque biosaudábel.

Polo que se refire ás e os participantes no obradoiro forestal, realizaron unha importantísima labor de mellora da contorna das Gándaras de Budiño, un dos enclaves máis visitados do Porriño.