Aumenta o número de peregrinos no Albergue do Porriño

Aumenta o número de peregrinos que pasaron a noite no Albergue do Porriño ao longo do ano pasado

Un total de 5.214 peregrinos a Compostela durmiron no albergue do Porriño o pasado ano, 386 máis que en 2015, o que supuxo un incremento do 8%. Por segundo ano consecutivo aumenta o número de persoas que dormen no concello no seu paso cara a Santiago.

Os meses de máis actividade no albergue foron os de maio-con 577 persoas-xullo-con 755-, agosto-con 1.138- e setembro- con 873-, mentres que tamén houbo unha actividade salientábel en en abril, con 511 estadías e outubro, con 474.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis.

O Porriño ocupa un lugar ‘clave’ no Camiño Portugués xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

María Fumaça no pabellón municipal

O Pavillón Municipal do Porriño acolle este domingo, día 5 de marzo, ás 6 da tarde, dentro da Programación Cultural Municipal do mes de marzo, a actuación de María Fumaça, que presentará o seu novo traballo: ‘Aire’.

O Concello invita a todas as rapazas e rapaces que “veñan a cantar e bailar” os novos temas e, por suposto, algún dos anteriores deste proxecto musical que é María Fumaça, integrado por ducias de artistas, entre eles Uxía, Sérgo Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín ou Tanxarina, entre eles.

Sorteo da fase final da Copa da Raíña de balonmán feminino

O Balonmán Porriño empezará a fase final da Copa da Raiña, que se xoga no Porriño do 29 de abril ao 1 de maio, enfrontándose ao Helvetia Alcobendas

Presidido pola alcaldesa, Eva García de la Torre, este venres tivo lugar no Porriño o sorteo da fase final da Copa da Raíña de balonmán feminino, que se celebrará na vila, por segundo ano consecutivo, entre os días 29 de abril e 1 de maio.

Os asistentes estaban pendentes do cruce que lle tocaría ao Godoy Maceira BM Porriño que, xunto co Mecalia Atlético Guardés, disputará esta fase final xunto con outros seis equipos.

Finalmente, as porriñesas se medirán ao equipo do Helvetia Alcobendas, mentres que as guardesas xogarán contra o KH-7 Granollers.

Durante o acto, celebrado no Concello e que retransmitido por streaming, o presidente da Federación española de Balonmán, Francisco V. Blázquez, amosou o seu agradecemento ao Concello do Porriño e a súa alcaldesa por acoller, un ano máis esta fase final e gabou o “estupendo traballo” durante a competición de 2016, motivo polo cal volvía á vila.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, salientou que O Porriño leva con honra ser o concello do Deporte e poder ser o escenario, “unha vez máis” desta fase final na que estarán presentes as mellores xogadoras de España.

Manuel Carrera subliñou que a Concellería de Deportes “porá toda a súa experiencia, o seu bo facer e súa ilusión” para que entre o 29 de abri e o 1 de maio as deportistas, adestradores, árbitros, afeizoados e medios de comunicación “se sintan coma na casa”.

Pechou o sorteo, ao que tamén asistiron as deputadas Chelo Besada e Montse Magallanes, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Lois Pérez Ouro e a medallista olímpica e ex xogadora internacional, Begoña Fernández, ademáis de representantes dos dous clubs galegos, a alcaldesa transmitiu ás integrantes do Godoy Maceira BM Porriño “o orgullo que sentimos por vos todas as veciñas e os veciños do Porriño”.

Este ano, como xa sucederá o pasado, a Copa da Raíña virá acompañada da mini-copa (categorías cadetes), que agora xa está considerada unha competición oficial. O torneo será retransmitido por Teledeporte e a TVG (os partidos dos equipos galegos).

Así, os cruces dos cuartos de final da Copa da Raíña quedaron da seguinte forma: Super Amara Bera Bera-as actuáis campionas- contra Elche Mustang, o 29 de marzo; o mesmo día, Rocasa Gran Canaria ACE contra Rincón Fertilidad Málaga; o mesmo día 29, debuta o Godoy Maceira Porriño contra o Helvetia Alcobendas.

Teatro infantil: Os novos músicos de Bremen.

Teatro infantil: Os novos músicos de Bremen, este sábado, día 4 de marzo, ás 6 da tarde no Centro Cultural Municipal

Catro animais foron abandonados polas súas familias. Estes se atopan e deciden formar un grupo musical. Todo ia moi ben ata que a Señora Dankeshán decide separalos, eliminando a Orellaslongas, o Burro, alegando pouco oído musical.

O Burro, co su afán de superación e grazas a axuda dunha vaca tola consegue volver a unir a todo o grupo e facer o seu soño realidade: tocar na Praza do Obradoito de Compostela.

Suspéndese o Gran Desfile de Comparsas

AVISO IMPORTANTE: ***Suspéndese (é decir, non se farán outro día) o Gran Desfile de Comparsas polas malas condicións climatolóxicas.
O Enterro da Sardiña pasa do mércores, día 1, ao sábado, día 4

O Gran Desfile de Comparsas, que debía celebrarse este martes, día 28, ás 6 da tarde no Porriño, con saída dende San Sebastián, queda suspendido a causa das malas condicións climatolóxicas.

Así mesmo, o Enterro da Sardiña, programado para este mércores, día 1 de marzo, ás 7 da tarde, pasa para o sábado, día 4, á mesma hora, co mesmo percorrido: Círculo Recreativo e Cultural, rúa Domigo Bueno, San Sebastián e Praza do Arquitecto Antonio Palacios.

Atios, escenario da III Marcha BTT ‘Virxe da Guía’

A proba de bicicleta da montaña máis atractiva do circuíto galego volve cunha nova edición chea de sorpresas. A parroquia de Atios, no Concello do Porriño, será o vindeiro 5 de marzo escenario da III Marcha BTT Virxe da Guía, que nesta ocasión presenta un trazado de 45 quilómetros con dificultade media-alta.

Para os menos arriscados hai un percorrido alternativo de 35 quilómetros de dificultade media. O 80% do trazado é novo con respecto a edicións anteriores, incluídos todos os descensos. A edición deste ano prevé un paso elevado sobre auga, de 27 metros, ademais dun treito completo sobre penedos.

Nesta ocasión a proba contará coa presenza de Desirée Duarte, campiona de España de ciclocross, Isabel Castro, campiona de Galicia, e Luis Oliveira, ex ciclista profesional, campión da Volta a Galicia. A saída está programada para ás 9 e media da mañá dende o campo de fútbol do Carballo. Haberá premios para os primeiros clasificados, en categoría masculina e feminina. Tamén se premiará ao corredor máis novo, ao máis vello e ao que proceda de máis lonxe.

Durante o percorrido un dron gravará o paso dos ciclistas polos lugares de máis interese. Estas imaxes poderán ser vistas nunha pantalla xigante instalada na meta, situada tamén no campo do Carballo. A organización ofrece un seguro individual, vestiarios con duchas, lavado de bicicletas, e un petisco para cada participante.

A inscrición está aberta ata o xoves 2 de marzo, cun custo de 8€ por participante. Para apuntarse hai varias posibilidades: no teléfono 609 037 469; nos seguintes establecementos colaboradores: cafetería do Centro Cultural de Atios, Qué Bici (Vigo), Tramo Libre (Cangas) e Xtrembike (Pontevedra); ou directamente na entidade Abanca cando se realice o ingreso da inscrición (enviando xustificante a virxendaguía@gmail.com). O número de conta é: ES55 2080 5452 6430 0020 6400. Toda a información está dispoñible en facebook/festavirxedaguía.

Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais

24 veciños do Porriño en busca de traballo mellora a súa empregabilidade completando o Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais impartido pola Fundación Labora da Construción

A concelleira de Emprego, Soledad Girón, entregou os diplomas concedidos pola Fundación Laboral da Construción aos vintecatro participantes no Curso Básico de Prevención de Riscos Laborais, organizado por esta entidade en colaboración co Concello do Porriño.

O mesmo, cunha duración de 60 horas, 40 delas on line e 20 presenciais, permite ás persoas que o realizan ter máis posibilidades de acceder a un posto de traballo dentro da construción dado que en todas as obras ten que haber unha persoa que conte co coñecementos adquiridos neste curso.

Como lembrou o representante da Fundación Laboral da Construción, o obxectivo que se persigue no sector e reducir a sinestralidade algo que facilita o feito de que os profesionais teñan a maior preparación posible en prevención en riscos laborais, tal e coma se recolle, ademais no propio convenio.

Pola súa banda, a concelleira Soledad Girón subliñou que é “unha prioridade para o Goberno local contribuír á creación de emprego e poñer todas as facilidades para que sexa posible”. Girón tamén salientou que para facelo “é clave” a colaboración con entidades da importancia e experiencia da Fundación Laboral para a Construción e amosouse “absolutamente segura” de que esta cooperación seguirá adiante.

Campionato Galego de Grupos Show de Patinaxe

Este sábado no Pavillón de Deportes do Porriño Campionato Galego de Grupos Show de Patinaxe para Xuvenís e Cuartetos

O Club Patín Porriño organiza este sábado, 25 de febreiro, o Campionato Galego de Grupos Show de Patinaxe para Xuvenís e Cuartetos. O Pavillón Municipal será o escenario no que 11 clubs de A Coruña e 6 de Pontevedra, competirán polo trono desta especialidade.

Pola mañá realizáronse os adestramentos- de 10 a 12:45h. dos grupos xuvenís e de 12:45 a 14:45, os cuartetos-, iniciándose a competición ás 17:30 horas cos Xuvenís, cuxos combinados deben estar formados por ,cando menos, oito patinadores e patinadoras con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos.

Tras un pequeno descanso dun cuarto de hora, ás 19:15 está previsto comezar a categoría de Cuartetos, con grupos de catro deportistas e maiores de 16 anos.

A Biblioteca Municipal edita unha guia con ducias de documentos.

A Biblioteca Municipal do Porriño edita unha guñia con ducias de documentos, escritos e debuxos para promocionar e difundir a figura e a obra do arquitecto Antonio Palacios

A Biblioteca Municipal do Porriño, entendendo que Antonio Palacios é probablemente un dos porriñeses máis insignes da historia da vila, ven de xuntar a maior cantidade de documentos escritos sobre a súa figura a través da ‘Sección Local’, coa pretensión de promocionar e difundir a súa obra, conservar para o futuro esta importante información e asegurar a súa consulta para todas as porriñesas e porriñeses.

Monografías, ata folletos turísticos, comunicacións de congresos, catálogos de exposicións, memorias de investigación, que se conqueriron por medio de compra, doazón ou préstamo, integran esta escolma adicada ao arquitecto quen, ademais de deixar algunhas mostras do seu traballo no Porriño- o edificio do Concello a máis representativa delas- esta soterrado na vila, como foi o seu desexo.

Froito desta labor a Biblioteca Municipal publica a guía de lectura “Antonio Palacios na Biblioteca do Porriño”, coa referencia das decenas de documentos que se foron xuntando ao longo de anos.
Parte deles están actualmente expostos nunha instalación da vitrina do ‘Recuncho’, localizada no vestíbulo da biblioteca, forrada con reproducións dos planos orixinais de construción do Concello do Porriño.

Dende a Concellería de Cultura animan ás veciñas e veciños e a todas as persoas interesadas na obra de Antonio Palacios, a consultar a guía, a introducirse na fascinante figura deste grande arquitecto e a aproveitar para visitar as súas obras arquitectónicas no Porriño.

A ‘Interrunning Concello do Porriño’ xa ten máis de 800 atletas inscritos

A ‘Interrunning Concello do Porriño’ xa ten máis de 800 atletas inscritos, o dobre que o ano pasado nestas mesmas datas

Segundo informa a organización, a falla dun mes para que se dispute a XI edición da Interrunning-Concello do Porriño, a proba está superando todas as marcas de atletas inscritos. Hoxe hai xa máis de 800, máis do dobre que nas mesmas datas da edición do pasado ano 2016.

Os organizadores salientan que “todo apunta a que o 12 de marzo O Porriño será a capital do atletismo popular en Galicia”, cunha homenaxe especial á muller corredora. Ademais do circuíto de 10 quilómetros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), este 2017 haberá a posibilidade de correr 5 quilómetros e, para os cativos, dende as 10 da mañá, percorridos adaptados a súa idade.

Un ano máis, a ‘Interrunning-Concello do Porriño’ lembra o seu compromiso con ‘SOS Porriño’ e o feito de que cada un dos participantes na proba deportiva debe traer para participar na mesma un quilo de comida non perecedoira que será entregada a esta ONG.