O xornal A Nova Peneira premia o Concello do Porriño.

O Concello do Porriño ven de ser distinguido por A Nova Peneira durante a II Gala organizada polo xornal. Ao acto, que tivo lugar no restaurante Manolo, asistiron máis dun cento de persoas, entre elas os alcaldes de Cangas, Ponteareas, As Neves e Gondomar, ademais de alcaldesa do Porriño, e voceiros e representantes de diferentes partidos, entre eles os concelleiros do Porriño, Soledad Girón, do Partido Socialista, Marcelino Coto, de UDDL, Pedro Pereira, voceiro do BNG, e Pedro Ocampo, portavoz municipal de EU SON.

Ao inicio do xantar, Eva Garcia de la Torre deu a benvida ao Porriño aos asistentes e felicitou aos responsábeis de A Nova Peneira polo seu traballo ao longo dos últimos anos, “facendo chegar puntualmente a información do que acontece preto de nós, algo que é hoxe tan necesario”.

Ao final do evento, amenizado polos músicos Mini e Mero, fundadores de Fuxan os Ventos foi o momento da entrega de premios: o Concello do Porriño foi distinguido co recoñecemento Institucional, galardón que recolleu a alcaldesa no nome de toda a Corporación.

O número de parados volve a baixar no Porriño e en xaneiro deste 2017

O número de parados volve a baixar no Porriño e en xaneiro deste 2017 había traballando na vila 272 persoas máis que hai un ano

O número de parados descendeu o mes pasado no Porriño en 11 persoas, segundo os datos difundidos este xoves polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.833 desempregados menos anotados na oficina do Servizo Galego de Emprego.

Isto supón que dende o mes de xaneiro de 2016 o paro baixou no Porriño en 272 persoas, pasando do 24,28 ao 21% nun ano, un descenso de preto dun 3,5% nos pasados doce meses, cando había 2.105 veciños que estaban na procura de traballo.

O Porriño é un dos tres concellos da Área Metropolitana de Vigo nos que baixou o paro que, medrou na mesma en 861 persoas, pasando de 37.497 a 38.358. Ademais os datos do concello contrastan cos da provincia de Pontevedra, onde o desemprego sube en 2.242 persoas, cos de Galicia, no que xaneiro rematou con 6.164 desempregados máis, un incremento de preto do 3% en relación co mes de decembro, e cos do conxunto de España, onde 57.257 persoas perderon o seu emprego o mes pasado.

Dacordo cos datos oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o paro en O Porriño reduciuse en 306 persoas, pasando de 2.139 desempregados en xuño de 2015 a 1.833 este mes de xaneiro.
A alcaldesa aínda que amosa a súa satisfacción pola baixada do desemprego na vila, prefire optar pola precaución e insistir que a creación de emprego é “a principal preocupación e o primeiro obxectivo do Goberno local”.

Eva García de la Torre reitera que hai que seguir incrementando o esforzo para impulsar a formación, a cooperación coas empresas radicadas na vila e “axudar, apoiar e favorecer a actividade económica no Porriño, tanto no eido industrial, nos servizos e no comercio local que son o cerne e a base da creación de emprego no concello”.

Campaña de Educación Vial para alumnas e alumnos de todos os colexos do Porriño

Alumnas e alumnos dos Centros Ensino Infantil e de Primaria (CEIP) Atios, Cruz Budiño, Santo Tomás, Xosé Fernández López, Antonio Palacios, Ribeira y Hermanos Quiroga, participarán,dende o vindeiro día 6 de febreiro, e durante dúas semanas, na Campaña de Educación Vial que imparte o Concello do Porriño por medio da Policía Local.

Serán axentes da Policía os que acudan aos colexios para formar ás rapazas e rapaces en conceptos esenciais que os axudarán a mellorar a súa seguridade. A formación, será teórica e práctica, na parte teórica, os estudantes aprenderán coma circular coma peóns, as normas para o uso da bicicleta e o monopatín, o transporte de mascotas en vehículos, o comportamento coma viaxeiros, as medidas de seguridade dentro do coche, coma o uso do cinto de seguridade, os sistemas de retención de cativos ou, no caso dos vehículos de dúas rodas, o casco, engadindo a todo elo, os sinais de circulación e o funcionamento e a labor do Servizo de Emerxencias (112).

Na parte práctica, as alumnas e alumnos deberán circular por un circuíto aplicando o aprendido nas clases teóricas, de feito haberá un ‘carné por puntos’ no que se aplicarán as sancións se non respectan os sinais, as normas de tráfico ou as indicacións dos axentes.

O Concello impulsa, por medio da Biblioteca Municipal, o Programa ‘Nimbo’ de animación á lectura

O Concello do Porriño, por medio da Biblioteca Municipal, pon en marcha ‘Nimbo’, un programa de animación á lectura, que ten coma personaxe central a este personaxe. Este argonauta, procedente dun dos planetas atopados polo telescopio Kepler, chegou na súa nave ‘Argos’ á Terra nunha misión para descubrir novos planetas habitados.

Tomando coma base a ‘Nimbo’, que viste cun traxe cargado de sorpresas- luces, micrófonos e efectos especiais- que farán que nenas e nenos teñan un achegamento lúdico á tecnoloxía ao tempo que interactuará con elas e eles que o axudarán a descubrir o mundo que el descoñece.

‘Nimbo’ é un proxecto deseñado para fomentar a lectura, crear novos lectores en idades temperás, desenvolver a imaxinación, a creatividade e a observación, estimular o coñecemento da tecnoloxía, transmitir os valores de integración, o respecto e a igualdade e divulgar novas de actualidade sobre ciencia.

O Concello repite aportación récord ao Festival de Cans

O Concello do Porriño aportará este 2017 un total de 18.000€ ao Festival de Cans, repetindo a meirande cantidade que o festival recibiu, na súa historia, das arcas locais o pasado 2016. Así transmitiullo a alcaldesa, Eva García de la Torre, a Alfonso Pato, director do certame, e Abel Gallego, membro da organización do mesmo, nunha longa xuntanza que mantiveron este mércores.

A XIV edición da mostra, que se celebrará do 24 ao 27 de maio, terá “presenza en todo O Porriño, de xeito que durante os días do mesmo toda a vila será parte e partícipe do festival”, sinalou a alcaldesa, quen subliñou que o Concello colaborará ao máximo para “fortalecer a marca Festival de Cans coma parte esencial da nosa identidade”.

García de la Torre, adiantou que o programa de actividades deste 2017 será aínda máis participativo que o ano pasado, haberá unha relevancia maior de O Porriño e dos porriñeses no mesmo e se “visibilizará” o compromiso e a simbiose das veciñas e veciños co que é co que representa o Festival de Cans

A alcaldesa animou a todos os cidadáns a participar da programación de Cans, que ademais de no portal web festivaldecans.com, estará pendurada nas redes sociais do Concello, e a gozar de todas as propostas que se espallarán pola vila xa dende datas anteriores ao inicio mesmo das proxeccións dos filmes.

Reparada a fuga detectada na Rede Xeral de Abastecemento de Auga do Porriño

A pasada madrugada, do martes ao mércores, operarios do Consorcio de Augas do Louro, procederon á reparación dunha fuga na rede xeral de abastecemento do núcleo urbano de O Porriño, á altura do calexón do tanatorio.

Os traballos, que se fixeron pola noite-entre as 23:30 e as 02:30 horas- para reducir ao máximo as molestias aos veciños, consistiron na substitución dun ‘manguito’ de unión entre dos treitos de tubaxe, de 315 milímetros de diámetro, que estaba a causar unha perda de auga. Ao mesmo tempo, colouse un pequeno ‘carrete’ de tubaxe para corrixir o ángulo da curva da mesma e facilitar a reparación.

Durante a operación foi preciso cortar o subministro de auga na Avenida de Galicia, Avenida de Bos Aires, rúa Progreso, Ramiranes, Manuel Rodríguez, Ramón González e Antonio Palacios.

O Concello do Porriño proxecta este venres o filme “Querida Gina”

O Concello do Porriño proxectará o filme ‘Querida Gina’, que ten coma protagonistas a Juan Sánchez e Serafín Rodríguez, dous veciños da parroquia de Cans que, a finais do ano pasado, estivo entre as candidatas ás nominacións aos Premios Goya.

A proxección será o vindeiro venres 27 de xaneiro, ás 8 da tarde, no Centro Recreativo Cultural, e na mesma estará presente a súa directora, Susana Sotelo, que explicará cales foron as circunstancias da rodaxe da cinta, a convivencia de Juan e Serafín durante o mesmo ou o relato das vivencias da película dende a estrea, a finais de 2015, ate a actualidade.

Suana Sotelo e a alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, mantiveron unha xuntanza o pasado mes de decembro no que a alcaldesa ofreceulle todo o apoio do Concello para a candidatura da cinta á nominación aos Goya e na que acordaron que a película volvese a Porriño este mes de xaneiro.

‘Querida Gina’ conta unha historia que empeza en 1959: Juan Sánchez e Serafín Rodríguez, veciños de Cans, están facendo a mili en Zaragoza, onde empezaba a rodaxe dunha superprodución de Hollywood, ‘Salomón e a raíña de Saba’, protagonizada por Tirone Power, que morreu na rodaxe e é substituído por Yul Brynner, e Gina Lollobrigida. Juan e Serafín preséntase para da facer de extras, logran saír na cinta e ver, so dende moi lonxe, á fermosa actriz italiana.

En 2010, medio século máis tarde, contando aquela historia de xuventude, Susana Sotelo proponlles viaxar ata Roma para cumprir o seu sono de xuventude: ir á casa de Gina Lollobrigida e coñecela en persoa.

Empeza entón unha convivencia dun mes, dende a saída dende O Porriño, por estrada, camiño de Roma, pasando polo Norte de España, a Costa Azul francesa e o Oeste de Italia, ata a cidade eterna, no que Susana Sotelo filma máis de 300 horas de anécdotas, conversas e experiencias vividas por Juan, chofer de profesión, Serafín, enterrador de Atios e de Cans, e o mozo galés Tim Randall, que os acompaña nesta ‘expedición’, 300 horas que se quedan finalmente nunha metraxe de 102 minutos.

‘Querida Gina’, logo de moitas dificultades, pode estrearse a finais de 2015, estrea á que non chegarían os seus dous protagonistas, Juan e Serafín, que morren sen chegar a ver toda a película.

Corte do subministro de auga no centro da vila.

Para acometer a reparación dunha fuga na rede xeral de abastecemento ao núcleo urbano do Porriño, o Consorcio de Augas do Louro realizará un corte do subministro entre as 11 e media da noite deste martes, día 24 de xaneiro, ata as 2 e media da mañá do mércores, día 25, tres horas en total.

Os traballos, que se fan de madrugada para causar os menores prexuízos aos veciños, afectarán a Avenida de Galicia, Avenida de Bos Aires, rúa Progreso, Ramiranes, Manuel Rodríguez, Ramón González e Antonio Palacios.

Os mesmos consistirán no cambio dun manguito deteriorado que facía de unión entre dos treitos dunha tubaxe de 315 milímetros de diámetro.

A montaxe teatral de “Cousas”, de Castelao

Durante todo o curso a peza teatral ‘Cousas’, baseada na coñecida obra do médico, debuxante, pintor, político e escritor Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, será representada, na adaptación proposta por ‘Os Quinquilláns Teatro’, en máis de 40 localidades de toda Galicia.

Esta cifra aumenta día a día ao sumárense novos lugares que queren levar a montaxe aos centros de ensino e, así, achegarlle ao alumnado dunha maneira diferente a lectura desta obra de referencia. Os Quinquilláns xa percorreron Galicia o curso pasado coa peza O espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que viron case 20.000 rapaces e rapazas de toda Galicia.

No caso de O Porriño, o vindeiro mércores, día 25, as alumnas e alumnos de galego dos institutos da vila, poden disfrutar desta montaxe, ao mediodía, na representación que se vai facer no Centro Recreativo e Cultural.

Nesta proposta teatral inténtase ser fiel ao mesmo espírito co que Castelao creou as cousas, eses pequenos relatos que ilustraba cun debuxo. Na esencia da obra está a sociedade galega, o retrato dunha época que está afastada no tempo, pois trasládanos aos anos vinte do século pasado, pero que ten moito de global e de atemporal.

A montaxe provoca en moitos momentos o riso, posto que Castelao manexaba coma ninguén a retranca, a comedia, a farsa, pero tamén está moi presente a tristura e a traxedia, sentimentos variados que se desprenden das páxinas da obra e tamén da representación teatral.

Aparecen en escena relatos tan coñecidos como “O pai do Migueliño”, que recrea a dureza da emigración, unha temática que tristemente segue a resultar actual; ou o “Rifante” que despois de coñecer o éxito non soubo xestionar unha época mala e cría que a vergoña era peor que a fame, un tema, o da caída económica, que resulta familiar en tempos de crise. E así outros moitos relatos que aparecen en escena mesturados con pinceladas sobre o propio Castelao, para facer así unha representación dinámica, educativa e entretida.

60 minutos para achegar ao público máis novo, e non só, a unha
das obras sobranceiras da literatura galega, e tamén ao seu autor, Castelao, un dos grandes renovadores da nosa prosa e tamén un dos que mellor entendeu e representou o pobo galego.

‘Cousas’ é a creación máis orixinal que nos deixou o autor. Con este libro publicado por primeira vez no ano 1926, o xenial Castelao inventa un xénero novo e persoal. A través destas breves narracións consegue expresar a realidade esencial do pobo galego. Emoción e sentimento únense a un senso do humor extraordinario que fai da súa lectura unha experiencia única e agora tamén da súa representación en escena.