Nos primeiros sete meses deste ano durmiron no albergue do Porriño  3.154 peregrinos, 464 máis que nos mesmos meses de 2016, o que sinala un incremento do 17,2% en relación cos 2.695 que estiveran ata xullo do ano pasado.

Xullo, con 833 persoas que pasaron a noite, abril, con 664, xuño, con 658 e maio, con 656, foron os mellores meses, ata hoxe, superando en todos os casos o número de peregrinos a Compostela que pasaran hai un ano.

Estes datos, a falla dos que  faltan ata finais de ano, adiantan que en 2017 superaranse os  5.214 camiñantes que pararon no Porriño en 2016 e que xa superaran  en 386 os de 2015, o que supuxo un incremento do 8% e un feito descoñecido ata entón: un aumento dous anos seguidos no número de persoas que durmiron na vila de camiño a Santiago.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis, unha porcentaxe que, de seguir a progresión actual, podería superar o 70% a finais deste 2017.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

Hai que lembrar que O Porriño ocupa un lugar sobranceiro no ‘Camiño Portugués’ xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.