A concelleira de Benestar, Soledad Girón, pechou, coa entrega de diplomas ás cativas e cativos participantes, os Campamentos de Verán do Porriño, que o Concello organizara dende o pasado 3 de xullo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Como subliñou a concelleira, o obxectivo destes campamentos é o de “fomentar a conciliación familiar” durante os meses de lecer, impulsar a interacción e a integración entre todos os asistentes aos mesmos.

Nos campamentos, que duraron 6 semanas, e que foron totalmente de balde, participaron, cada semana, 40 nenas e nenos empadroados no Porriño e nados entre os anos 2005 e 2011.

Soledad Girón salienta que durante estas semanas, as rapazas e rapaces desenrolaron diferentes actividades que tiveron moito que ver co respecto á natureza, coa súa conservación e coidado, impulsando acción de reciclaxe.

Así mesmo, outro dos eixos destas semanas de convivencia foi unha “aposta afouta pola igualdade”: a mesma estivo presente en cada unha das propostas que se levaron adiante estes días nos diferentes escenarios polos que foron movéndose ás rapazas e rapaces participantes.

Nas vindeiras festas de Nadal, a Concellería de Benestar volverá a organizar estes campamentos, que durarán 15 días, requiriran aos cativos e cativas os mesmos requisitos que  nestas actividades de verán, e terán o mesmo obxectivo: facilitar a conciliación familiar.