Ducias de persoas renden homenaxe a 9 veciños do Porriño asasinados polo exército golpista de Franco en 1936

O lugar da ‘Volta da Moura’, foi o escenario, este domingo día 6 de agosto, da homenaxe  a 9 veciños do Porriño que foron asasinados polo Exército franquista días despois do golpe de Estado de xullo de 1936.

Os voceiros do Grupo Municipal socialista no Concello do Porriño, Soledad Girón, do BNG, Pedro Pereira, e de EU-SON, Pedro Ocampo, ademaís do concelleiro Orlando Mázquez, estiveron presentes no acto ao que acudiron ducias de persoas, entre elas familiares dos represaliados, veciños, amigos e os alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro, e de Salceda, Marcos Besada.

Un monumento, obra do artista Marcos Escudero, lembra para sempre a Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.

Os seus nomes están a carón da Oliveira na que cada 14 de abril, Día da República, por iniciativa da ‘Asociación Levada Libre’, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos golpistas hai xa 81 anos.

Xunto aos nomes destes nove veciños do Porriño, noutra das caras do monumento, están esculpidos os das súas mulleres e compañeiras, Asunción, Carmiña, Emilia, Manuela, Carmen, Consolación de la Asunción e Elvira, que como se indicará na mesma pedra, “a pesar da dor infinda, preservaron con orgullo e dignidade todo o lume que portaban os seus ollos e agromara e florecera”.

A Concellería de Vías e Obras acomete, con dúas achegas da Deputación de Pontevedra por valor de 60.000€ a substitución do tellado da Escola Unitaria de Covelo, en Atios

A Concellería de Vías e Obras está a levar a cabo a substitución do tellado da antiga Escola Unitaria de Covelo, en Atios, dada a súa perigosidade para os veciños. A cuberta, coma subliña o alcalde accidental Manuel Carrera, estaba nun estado de total deterioro, polo que era “moi urxente” realizar este traballo dado que as filtracións poderían causar o derrubo da mesma.

A obra, que se fai con cargo a dúas achegas da Deputación de Pontevedra, abrangue a colocación dunha nova cuberta metálica de 3.800 quilos de peso, con tella cerámica sobre unha superficie total de 390 metros cadrados.

O tellado, “no que levamos traballando xa varias semanas”, estará rematado nuns días e “non so garantirá totalmente a seguridade das veciñas e veciños de Atios que se acheguen a este lugar, senón que facilitará a realización do labor de recuperación da propia Escola Unitaria”, salienta Manuel Carrera quen lembra que o orzamento total para rematar a substitución do teito é de 60.080,71€.

Homenaxe, este domingo, na ‘Volta da Moura’ a 9 veciños do Porriño asasinados polo exército franquista días despois do Golpe de Estado de 1936

O lugar da ‘Volta da Moura’, servirá de escenario, este domingo día 6 de agosto, ás 7 e media da tarde, para lembrar a 9 veciños do Porriño que foron asasinados polo Exército franquista días despois do golpe de Estado de xullo de 1936.

Un monumento, obra do artista Marcos Escudero, lembrará a Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.

Neste lugar, os seus nomes ficarán escritos na pedra, a carón da Oliveira na que cada 14 de abril, Día da República, por iniciativa da ‘Asociación Levada Libre’, de Tui, faise unha homenaxe ás persoas que asasinadas polos golpistas hai xa 81 anos.

Xunto aos nomes destes nove veciños do Porriño, noutra das caras do monumento, estarán esculpidos os das súas mulleres e compañeiras, Asunción, Carmiña, Emilia, Manuela, Carmen, Consolación de la Asunción e Elvira, que como se indicará na mesma pedra, “a pesar da dor infinda, preservaron con orgullo e dignidade todo o lume que portaban os seus ollos e agromara e florecera”.

Ao acto, aberto ao público, agárdase que acudan os alcaldes de Tui e Salceda, Enrique Cabaleiro e Marcos Besada, a voceira do Grupo Municipal Socialista do Porriño, Soledad Girón, o tamén concelleiro socialista do Porriño Orlando Márquez, e unha persoa en representación da Deputación de Pontevedra, ademais de amigos e familiares dos veciños da vila aos que se renderá homenaxe neste acto.

A Concellería de Formación e Emprego programa varias actividades formativas, este mes de agosto, para personas en situación de desemprego

A Concellaría de Formación e Emprego do Concello do Porriño, que dirixe Soledad Girón, ven de programar distintas actividades formativas, para persoas en situación de desemprego, durante este mes de agosto.

As mesmas empezarán con  ‘Iniciación á Informática’. A actividade terá unha duración de 30 horas, se iniciará o vindeiro luns, día 7 de agosto, rematá o  día 14 e impartirase en horario de 9 da mañá a 2 da tarde.

A mesma está dirixida a todas as persoas que se queiran iniciar no manexo básico dun  ordenador. Ao rematar o usuario/a será capaz, de crear e xestionar os arquivos no ordenador, crear un texto, navegar por Internet, enviar e recibir correos electrónicos.

‘Libre Office Calc-Iniciación’. Terá unha duración de 20 horas, empezará o xoves 17 de agosto e rematará o martes, día 22, impartíndose de 9 da mañá a 2 da tarde a  persoas que teñan coñecementos básicos de ordenador.

O obxectivo é que ao final da aprendizaxe osarticipantes sexan quen de realizar operacións básicas e funcións sinxelas, saber dar formato as celas e configurar a páxina.

‘Libre Ofifice Base-Iniciación’, cunha duraciónde 30 horas, impartidas de 9 da mañá a 2 da tarde dende o xoves día 24 ao xoves, 31 de agosto, está dirixida persoas que teñan teñan coñecementos básicos de ordenador.

Ao rematar o usuario/a será capaz de crear e  modificar táboas, consultas, formularios, informes e  crear relacións entre datos.

Lembrar que estas actividades da Concellaría de Formación e Emprego están destinadas a persoas que se atopan actualmente nunha situación de desemprego.

Para poder participar é necesario inscribirse e pode facerse chamando ao seguinte teléfono 986 348944.

A Confederación do Miño-Sil empeza a recuperación das beiras do Louro nunha actuación que completará o Concello con varias actuacións nas vindeiras semanas

O alcalde accidental do Porriño, Manuel Carrera, xunto coa concelleira Soledad Girón e o concelleiro Orlando Márquez, acompañaron este xoves ao presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, na visita que fixeron ás obras iniciadas pola Confederación, na beira do río Louro ao seu paso pola vila.

O proxecto, que ten un orzamento total de de 62.000€, abrangue varias actuacións en diferentes treitos que suman, en conxunto, máis dun quilómetro de lonxitude e que reforzarán as beiras máis afectadas pola subida das augas nas épocas de choiva.

Para as mesmas empregaranse troncos, estacas verticais, de piñeiro, e a parte superior estará recuberta de terra vexetal que facilitara a reforestación da mesma con especie propias da zona. Así mesmo, haberá unha actuación na senda, que ten partes moi danadas e que, coma lembrou o alcalde accidental, é moi empregada no so polos porriñeses, senón polos peregrinos, dado que a mesma é parte do Camiño Portugués a Santiago.

A actuación da da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estará completada por outras cinco que porá en marcha o Concello do Porriño nas vindeiras semanas para a mellora de camiños, e que contarán cun orzamento duns 45.000€.

As accións iniciadas polo Goberno Local sitúan o paro no Porriño en niveis de metade do ano 2009

O número de parados descendeu o o mes de xullo no Porriño en 42 persoas, segundo informou este martes o  Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Dacordo cos mesmos, na vila hai 1.663 desempregados anotados nas listas da oficina do Servizo Galego de Emprego.

Trátase do mellor dato de emprego das últimas 430 semanas-dende metade do ano 2009- e sitúa o paro no Porriño no 18,2%,  amosando unha baixada que fai que o número de veciñas e veciños sen traballo sexa inferior a 1.700, un feito inédito dende finais de 2008.

En relación co mes de xullo de 2016 o desemprego descendeu no Porriño en 238 persoas, pasando de 1.901 a 1.663 e, porcentualmente, do 23,4 ao 18,2%, máis de 5 puntos nun so ano.

Dacordo coas cifras oficiais sobre a evolución do paro, dende que actual Goberno local tomara posesión, o desemprego no  Porriño reduciuse de 2.139 persoas en xuño de 2015 a 1.663 este pasado mes de xullo, o que supón a creación de 476 empregos e unha caída do paro dun 8,1%.

A concelleira de Emprego, Soledad Girón subliña que o Goberno local ten coma a súa “primeira prioridade” a redución do desemprego e a creación de novos postos de traballo na vila e salienta que “as propostas, actividades, accións e iniciativas desenroladas neste mandato para conquerir este obxectivo están a funcionar”.

A concelleira lembra que o programa de formación ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila “está a dar os seus froitos”. Ata agora, asináronse 12 convenios de colaboración nun marco de tres acciones formativas, que permitiron que 12 das 15 persoas que participaron na primeira acción empezasen a traballar. Nove delas  obtiveron esta oportunidade por medio das prácticas non laborais; coa seguinte formación, foron 6 as insercións laborais e hai previsión doutras 3 no que resta do programa.

Finalmente, na última acción formativa, conqueríronse  9 insercións, tamén de 15 participantes e está previsto completar tres accións en conxunto ao longo deste ano.

Tamén influíron de xeito notábel os  ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de máis de 500.000 euros no que vai deste ano, “e o feito de buscar e promover o entendemento con outras administracións”, o cal facilita a obtención de axudas e subvencións que adícanse á mellora das posibilidades de atopar un posto de traballo para aquelas porriñesas e porriñesas que están en situación de paro.

14 pilotos competirán por levarse o vindeiro sábado, día 5 de agosto, o ‘II Open Internacional Concello do Porriño F5J2017’ de Aeromodelismo

Catorce pilotos teñen confirmada a súa participación, o vindeiro sábado, día 5 de agosto, no ‘II Open Internacional Concello do Porriño F5J2017’ de Aeromodelismo, que terá lugar en Pontellas dende as 10 e media da mañá, organizado polo Club Furaventos do Porriño.
 
Trátase de sete españois e sete portugueses que contenderán nesta proba valedeira para o Trofeo Ibérico e, coma novidade, para o ‘Intertour’.
 
Os participantes son:
José Araújo Liga Aer. do Cávado (Portugal)
José Antonio Orviz Central de Asturias (España)
Carlos Casqueiro Furaventos (España)
Luis M González Radiocontrol Sevilla (España)
José M Quintas Araxiñas (España)
José Rocha Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Oscar Lopes Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Rui M. Paiva LIPA (Portugal)
Vitor Gandarela Liga Aer. do Cávado (Portugal)
Alejandro Martínez Central de Asturias (España)
Gonzalo Moreno Estepona (España)
José Enrique Palacios Las Marismas (España)
Nuno Mota Liga Aer. do Cávado (Portugal)
António Coutinho LIPA (Portugal)
 
Dada a ausencia de Julio Contreras, líder do certame, os portugueses Óscar Lópes, Rui Paiva y José Araujo terán unha boa oportunidade de aumentar as súas opción para levarse o trofeo final o vindeiro mes de setembro en Madrid.

Este xoves, día 3, na Praza de Antonio Palacios, proxección da película ‘Trolls’

Este xoves, día 3 de agosto, ás 9 e media da noite, na Prza Arquitecto Antonio Palacios, ‘Trolls’, unha película do ano 2016, para todos os públicos.

Coñecidos polos seus pelos de cores, tolos e máxicos, os Trolls son as criaturas máis felices e alegres que irrompen no mundo da canción. Pero o seu mundo de arco da vella e cupcakes cambiará para sempre cando o seu líder Poppy (Anna Kendrick) debe embarcarse nunha misión de rescate que a levará moi lonxe do único mundo que sempre coñeceu.

A fin de semana Budiño celebra a Festa na honra a San Salvador

A vindeira fin de semana,  sábado e domingo, 5 e 6 de agosto, organizada pola Comisión de Festas San Blas de Budiño 2018, a parroquia de Budiño celebra a Festa na honra a San Salvador. A mesma empezará ás 11 da mañá do sábado coa misa cantada pola Coral Polifónica do Centro Cultural A Forna e a procesión co grupo de gaitas ‘O son da Forna de Budiño’.

O domingo, logo da misa, ás 2 da tarde chegará a hora do ‘Xantar Popular’ no Torreiro da Forna. Pódense facer as reservas chamando aos teléfonos 605 209 580, preguntando por Balbino, ou ao 653 623 037, preguntando por Vanessa.

Dende as 6 da tarde ‘Verbena’ amenizada pola Orquestra Estrellamar e o Trío Surprise.