A alcaldesa Eva García de la Torre, e o presidente de Sogacsa, César Fernández Álvarez, asinaron este venres un convenio que permitirá que 15 persoas do Porriño que están en  situación de desemprego, participen nun programa formativo, que combina instrución teórica e prácticas non laboráis, que terán coma finalidade a posibilidade de que os mesmos poidan entrar a traballar na propia empresa.

Sogacsa, concesionario oficial Linde para Galicia, radicada no Polígono de As Gándaras, líder no sector de carretillas elevadoras e maquinaria de manutención, atópase en fase de expansión o que fixo que o seu plantel pasase de 83 traballadores en 2016 a 102 na actualidade.

Coma sinalou o seu director, Sogacsa  ten un grande interese nesta colaboración co Concello do Porriño dado que “esta formación, que abrangue practicas  na empresa, é a ferramenta máis axeitada para conquerir os mellores especialistas” e conquerir que a aprendizaxe se axuste ás necesidades da compañía.

Pola súa banda, a alcaldesa subliñou que a iniciativa, impulsada dende o Goberno local, de chegar a acordos coas empresas radicadas nos polígonos da vila por medio do programa ‘Porriño Accede’, permitiu que no último ano “ducias de veciñas e veciños volvesen ao mercado laboral ou empezasen a traballar”.

García de la Torre sinalou que o Concello asume o custo da formación de veciñas e veciños que están sen emprego, “preparación que se imparte por parte das empresas que precisan traballadores e que forman a estas persoas cos coñecementos precisos para poder acceder a un posto na propia empresa”.

Esta iniciativa, xunto cos ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun acordo coa Deputación de Pontevedra, e do investimento de fondos municipais, de máis de 600.000€ no que vai deste ano, así como o feito de chegar a entendementos con outras Administracións, coma a Xunta de Galicia, o cal facilitou a obtención de axudas e subvencións, que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade de moitas persoas, conseguiron que no Porriño descendese o paro un 5,4% en so un ano.

“Cando este Goberno empezou a súa xestión, había 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, o 24% dos que formaban a nosa poboación activa, a finais de setembro ese número reduciuse en preto de 500 persoas, deixando a taxa de paro no 18,6% e liderando a creación de emprego en toda a Área Metropolitana de Vigo”, salienta a alcaldesa.

“O Goberno local do Porriño ten coma primeira prioridade a creación de postos de traballo”, reitera Eva García de la Torre, que lembra, de novo, que este obxectivo pasa “sen dúbida, como estamos a ver, pola formación que aumenta as posibilidades de atopar un emprego das porriñesas e porriñeses que están no paro”.