Alumnos e profesores do IES Ribeira do Louro participaron nun simulacro, non comunicado, de incendio dirixido polo xefe da Policía Local, Daniel González,no que interviron membros de Protección Civil do Porriño.

O mesmo , como sinalou a concelleira de Educación, Lourdes Moure, tiña coma finalidade avaliar a capacidade de reacción ante un lume e “tomar nota do cumprimento das normas básicas de seguridade que deben de seguirse no caso dun sinistro semellante”.

Utilizando un xerador de fume, o xefe da Policía Local e os membros de Protección Civil comprobaron se soou a alarma de incendios,se o centro estaba desaloxado en 4 minutos, se as alumnas e alumnos saíron ordenadamente e en ringleiras, se o fixeron co material escolar na man, se empregaron os ascensores, se foi preciso, e se fixo así, axudar a algún alumno que o precisase, se alumnos e profesores, no caso de detectar fume saíron agochados, se algún profesor vixiou que non quedasen persoas en cada planta-incluindo os baños-, se a directora levaba unha prenda  que a identificase ou se houbo unha comprobación, no punto final de encontro, de que non faltase ningunha alumna ou alumnos.

Estas son as directrices que hai que cumprir no caso de que houbese lume no centro, sinalou o xefe da Policía Local, quen salientou a importancia de coñecer e seguir as mesmas xa que, no caso de que houbese lapas, poden salvar moitas vidas.

Daniel González deu prioridade ao feito de saír axiña, pero con orde, do edificio, deixar sempre atrás as mochilas e o material escolar, axudar a quen estea en dificultades ou non poida chegar so ao exterior, comprobar que non queda ninguén nas aulas e nos baños, e seguir en todo momento as indicacións dos membros dos servizos de Emerxencia.

Este mesmo exercicio farase en cada un dos centros de ensino do Porriño, e membros da propia Policía Local e de resto dos corpos de Emerxencia impartirán formación ás rapazas e rapaces para que teñan claro cómo teñen que comportarse ante un incendio.